Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

O 'xastre músico' de Vilatuxe comparte a súa vida nunha obra que repasa a historia musical da parroquia

O Auditorio de Vilatuxe acollerá o venres 19 a presentación das memorias de José Fernández Bernárdez, que compaxinou o seu oficio coa ensinanza altruista de solfexo a centos de xóvenes da contorna

José Fernández Bernárdez, retratado en 2010.

José Fernández Bernárdez, retratado en 2010. / Bernabé/Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Xan Salgueiro

Xan Salgueiro

Lalín

O Auditorio de Vilatuxe acollerá o venres 19 de xuño, ás 20:30 horas, a presentación do libro José Fernández Bernárdez. O xastre músico de Vilatuxe - Lalín, unha obra autobiográfica que recolle as memorias de case un século de vida do seu protagonista e tamén boa parte da historia musical da parroquia.

O volume, escrito polo propio José Fernández Bernárdez e editado polo cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, conta cun saúda do alcalde, José Crespo, e cun limiar do conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. A publicación ten unha tirada de 500 exemplares, 175 páxinas a cor e máis dun cento de fotografías procedentes de distintos arquivos municipais, familiares e vencellados á Banda de Música de Vilatuxe.

A obra vai máis alá da autobiografía de Fernández Bernárdez, nado en San Paio de Lodeiro en 1930. Fillo de xastre e costureira, comezou no oficio con só dez anos e aos doce aprendeu música para incorporarse, xunto cos seus irmáns Acacio e Antonio, á Banda Artística de Vilatuxe, fundada en 1942. Ao longo da súa vida compaxinou a xastrería coa música, primeiro co saxo e despois co clarinete, ademais de ensinar solfexo de xeito altruísta a centos de rapaces da contorna.

O libro tamén percorre a traxectoria da Banda de Música de Vilatuxe, nas súas dúas etapas, dende 1942 ata a actualidade, así como a vida social, os oficios, as familias, as festas e os escenarios da parroquia e das terras de Deza, O Ribeiro e Montes. Fernández Bernárdez foi fundador da Nova Banda de Vilatuxe en 1978 e o seu nome identifica desde 2017 o Auditorio de Música da parroquia. Entre outros recoñecementos, foi nomeado Lalinense do Ano en 2013 e recibiu en 2022 o Premio a toda unha vida dedicada á música no Certame Galego de Bandas.

Tracking Pixel Contents