Foliada tradicional
Carboeiro soa a milagre
O mosteiro e a súa contorna volveron ateigarse para celebrar os XXVII Encontros de Música Tradicional, unha xornada na que a Santa Ferreña, a procesión, a feira, os xogos, os saberes populares e a foliada fixeron comunidade arredor da cultura galega

Concello de Silleda

O Mosteiro de Carboeiro volveu exercer este sábado como un dos grandes santuarios da música tradicional e da cultura popular galega. As imaxes da xornada deixaron unha escena xa habitual nesta cita: a carballeira ateigada, o público seguindo a procesión e a música ocupando tanto o exterior como o interior do cenobio. Os XXVII Encontros de Música Tradicional reuniron de novo a numeroso público nunha xornada que encheu de sons, ritos e festa compartida a contorna do monumento silledense. A pedra, o bosque, o río Deza e os camiños de acceso convertéronse durante todo o día nun escenario aberto para celebrar unha tradición viva, feita de memoria, participación e comunidade.
A cita, organizada pola Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, mantivo intacto o seu espírito popular e interxeracional. A xornada xirou arredor do milagre da Santa Ferreña no «burro da Tía Lola», a lenda que dá sentido á danza das fitas e á procesión. A historia do dragón de tres cabezas que ameazaba Carboeiro e da intervención da santa para liberar o lugar volveu estar presente nunha celebración que mestura narración, música, simbolismo e humor colectivo.
A actividade comezou xa ao mediodía coa sesión vermú e continuou coa poxa das andas, a cerimonia solemne e a procesión da Santa Ferreña. As figuras, os papamoscas de Viravolta, a música e a participación do público déronlle forma a un dos momentos máis agardados da programación, que levou a festa ata o propio interior do mosteiro e tamén polos espazos exteriores. A aparición da coca e a danza de honra completaron esa parte ritual e festiva que converte Carboeiro nunha cita singular dentro do calendario cultural galego.
Ao longo do día tamén houbo feira de artesanía, xantar popular, xogos tradicionais, un obradoiro de toques de campá e a contada Merlo que espera polas cereixas, a cargo de Celsiño F. Sanmartín. A exposición Coreografías do facer, con imaxes do traballo feminino procedentes do Fondo Henningsen do APOI-Museo do Pobo Galego e títeres da colección de Viravolta, engadiu unha ollada documental e patrimonial á xornada.
A música foi, unha vez máis, o fío que todo o uniu. Entre cantos, instrumentos, bailes e encontro veciñal, Carboeiro reivindicou o valor dos «tesouros vivos»: persoas que gardan e transmiten saberes, xeitos de tocar, contar e festexar herdados de xeración en xeración. Xa á noite, a foliada prolongou a celebración «ata que o corpo aguante», fiel ao lema que resume o espírito dos Encontros: «Viva a xuventude e a xente vella que non morra!».
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de vecinos
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- «Nunca he pensado que hay alguien a quien no puedo ganar»
- La policía vincula el «clan de los Charlines» con el «clan de los Balcanes» tras detener a 18 personas e intervenir 103 kilos de coca
- Así eran nuestras playas antes de su urbanización y el desembarco de turistas
