Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arqueoloxía emocional

«Silvaescura non é importante por ser excepcional, senón precisamente por representar unha realidade común»

A investigación e a tese de Cristina Incio del Río converten un pequeno asentamento abandonado en Soutelo de Montes, Forcarei, nun caso pioneiro para estudar a evolución da casa labrega entre a Idade Moderna e a época contemporánea en Galicia

Cristina Incio, coa gorra escura, co seu equipo durante os traballos arqueolóxicos en Silvaescura en 2024.

Cristina Incio, coa gorra escura, co seu equipo durante os traballos arqueolóxicos en Silvaescura en 2024. / Rubén Vuelta-Santín (INCIPIT-CSIC) / FDV_Externas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Agochada durante décadas baixo a vexetación dos montes de Forcarei, Silvaescura parecía un lugar condenado ao esquecemento. Apenas algunhas ruínas ocultas entre os toxos e a memoria das persoas maiores lembraban a existencia deste pequeno asentamento abandonado a finais do século XIX. Con todo, as campañas arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos anos e a recente tese doutoral de Cristina Incio del Río, investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC), converteron este enclave nun caso pioneiro para comprender mellor a historia do rural galego.

A importancia de Silvaescura non reside en grandes tesouros nin en descubrimentos espectaculares. “Silvaescura non é importante por ser excepcional, senón precisamente por ser un lugar común”, explica a arqueóloga. O valor do xacemento está en permitir achegarse á vida cotiá da xente do rural e a un pasado moito máis recente do que adoita estudar a arqueoloxía.

cristina incio silvaescura arqueloga soutelo de montes 2024

Cristina Incio del Río en Silvaescura, Soutelo de Montes. / Rubén Vuelta-Santín (INCIPIT-CSIC) / FDV_Externas

«Silvaescura non é importante por ser excepcional, senón precisamente por representar unha realidade común»

Cristina Incio del Río

— Investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC)

A tese de Incio del Río céntrase na casa labrega e nas transformacións experimentadas polos espazos domésticos entre a Idade Moderna e a época contemporánea. Segundo sinala, a arqueoloxía galega dedicou tradicionalmente moitos esforzos ao estudo dos castros, do mundo romano ou do período medieval, mentres que os séculos máis recentes quedaron nun segundo plano.

“Sabemos perfectamente como eran as casas castrexas ou como foron cambiando ao longo dos séculos, pero sabemos moi pouco sobre como era unha casa labrega galega no século XVII, XVIII ou XIX”, sostén. Esa carencia levou a que a casa tradicional fose estudada principalmente desde a etnografía ou a arquitectura, mais non desde a arqueoloxía.

Os traballos realizados permitiron documentar unha realidade anterior ás transformacións do século XX. O lugar conservaba características desaparecidas noutras aldeas habitadas, converténdose nun espazo privilexiado para analizar formas de vida, materiais construtivos e obxectos domésticos propios da Galicia moderna.

cristina incio silvaescura arqueloga soutelo de montes 2024

O equipo arqueolóxico durante os traballos en Silvaescuara. / Rubén Vuelta-Santín (INCIPIT-CSIC) / FDV_Externas

Entre os achados recuperados aparecen fragmentos cerámicos, restos de estruturas e pezas relacionadas coa vida diaria das familias campesiñas. Un dos elementos máis significativos foron varios fragmentos de potes de ferro fundido. “Os potes que asociamos á cociña tradicional galega non chegaron ás casas ata finais do século XIX. Antes cociñábase fundamentalmente en recipientes de cerámica”, explica.

Para a investigadora, estes obxectos tamén demostran que o rural galego estaba máis conectado co mundo do que adoita pensarse. A difusión do ferro fundido está vinculada á Revolución Industrial e aos novos sistemas de produción e comercio que se desenvolveron en Europa durante o século XIX.

«A arqueoloxía non estuda só lugares extraordinarios; estuda a vida da xente común»

Cristina Incio del Río

— Investigadora do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit-CSIC)

Ademais do valor científico, o proxecto tivo unha importante dimensión social. As escavacións e as visitas guiadas contribuíron a recuperar a memoria dun lugar practicamente desaparecido da paisaxe e do imaxinario colectivo. Veciños e asociacións da contorna participaron en actividades de divulgación e colaboraron na localización doutros elementos patrimoniais relacionados coa antiga aldea nun exercicio de "arqueoloxía emocional".

“A arqueoloxía non estuda só lugares extraordinarios; estuda a vida da xente corrente”, afirma Incio del Río. Unha idea que resume o significado de Silvaescura: un pequeno lugar dos montes de Forcarei que axuda a comprender mellor a historia compartida de milleiros de familias do rural galego.

TEMAS

Tracking Pixel Contents