Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lecer

A Romaría da Rapazada de Silleda, de novo preludio das vacacións de verán, será o día 20

A novidade desta 36 edición será unha carreira de orientación

Os seres fantásticos proganizarán a oferta lúdica da celebración no recinto da Saleta

Espectáculo na celebración do ano pasado.

Espectáculo na celebración do ano pasado. / BERNABE/JAVIER LALIN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Alfonso Loño

Alfonso Loño

Silleda

A Romaría da Rapazada celebrará o sábado 20 de xuño a súa 36ª edición cun cambio de data co que o Concello de Silleda quere facer coincidir esta cita co remate do curso escolar e convertela nunha festa de benvida ás vacacións de verán. A celebración volverá reunir en Siador á rapazada e ás súas familias nunha xornada de convivencia, lecer e actividades ao aire libre, co universo dos seres fantásticos como fío condutor.

A principal novidade chegará pola mañá coa V Carreira de Orientación Silleda, pensada para gozar en familia, que se desenvolverá de 11.00 a 14.00 horas no recinto da Saleta, sobre un mapa de monte deseñado por Xesta Natureza. Será a quinta carreira de orientación organizada polo Concello e a segunda neste espazo natural. A proba consistirá en visitar no menor tempo posible todas as balizas, seguindo a orde indicada no mapa. As saídas faranse de maneira escalonada e a organización facilitará unha tarxeta electrónica para rexistrar cada punto. Para participar será necesaria inscrición previa, cun prazo que abrirá mañá. Os equipos poderán estar formados por ata seis persoas, aínda que tamén se permitirá a participación individual. A carreira contará con tres categorías. Xestiñas estará dirixida a nenos e nenas, cunha modalidade sinxela e un percorrido inferior aos tres quilómetros. Xestas, pensada para persoas adultas, terá un nivel físico e técnico medio e non superará os catro quilómetros. Xesteiras estará orientada a participantes con coñecementos medios ou altos de orientación, cun nivel físico e técnico alto e un trazado superior aos cinco quilómetros.

A programación continuará pola tarde ata as 21.00 horas con xogos, inchables, actuacións musicais, obradoiros, espectáculos e outras propostas de animación. O programa completo darase a coñecer nos vindeiros días.

A alcaldesa, Paula Fernández Pena, subliña que a Romaría da Rapazada «é unha das citas máis agardadas polas familias e pola rapazada, unha festa xa consolidada que este ano queremos facer coincidir co remate do curso escolar para convertela tamén nunha celebración do inicio do verán». Explica que o cambio de data «responde á vontade de darlle un novo impulso á romaría, reforzando o seu carácter festivo, familiar e participativo». Engade que «despois de meses de curso, tarefas e rutinas, a rapazada merece unha xornada pensada para xogar, compartir, imaxinar e desfrutar».

A alcaldesa tamén destaca a carreira de orientación familiar, «unha proposta que combina actividade física, contacto coa natureza e traballo en equipo». Lembra que «as anteriores experiencias tiveron moi boa acollida e queremos seguir apostando por actividades que permitan ás familias compartir tempo de calidade nunha contorna privilexiada como A Saleta».

O Concello anima ás familias a participar nesta edición, que volverá encher Siador de xogos, música, fantasía e ilusión para despedir o curso e abrir as portas ao verán. n

Tracking Pixel Contents