Entrevista | Isabel Portas Acuña Actriz e empresaria
«Isto é unha carreira de fondo e hai que seguir loitando, porque non é algo sinxelo»
Logo de poñer en marcha dous proxectos empresariais ligados ás artes escénicas impulsa no Caurel Casa Materna A Seara, un refuxio para a creación artística

Isabel Portas (en primeiro plano, con lentes) na Casa Materna do Courel. / Isabel Fernández

Isabel Portas Acuña naceu nunha coñecida familia de empresarios de Lalín e se cadra por iso estudou Ciencias Empresariais. Desde ben cativa, asegura, sinteu grande interese pola interpretación, aínda que non foi ata moitos anos despois cando se tomou en serio esta posibilidade e non dubidou en liarse a manta á cabeza e pelexar con tesón polo seu soño. Viaxes case de ida e volta a Madrid no día, ou búsqueda de espazos de formación actoral levárona a coñecer a realidade dun oficio duro, complicado e que non é precisamente unha alfombra vermella estendida e sen engurras cara o éxito persoal e social. Ao tempo que continúa coa súa formación e traballo como actriz, hai tempo que abreu unha fiestra ao emprendemento. Sala Materna e Teatro do Camiño son dous espazos artísticos en Santiago nos que, como sinala, funcionan como unha especie de «pasarela entre o artista e o público». Tamén como espazo de encontro e residencia acaba de impulsar Casa Materna A Seara, (https://materna.gal) en plena Serra do Caurel, outro dos soños que con esforzo vai dando pasos firmes.
En que consiste o proxecto de creación artística do Courel?
Son actriz profesional, algo que me custou un mundo por personalidade, por situación, e por varias causas. Cando empecei a formarme como actriz fun sentindo que era un oficio no que se implica moito o persoal. Gustaríame que houbese espazos máis coidados, porque sempre había moita présa, os tempos estaban moi medidos. Iso tamén é unha aproximación ao oficio, porque despois eses son os tempos nos que tes que resolver, pero para explorar e adestrar penso que é importante contar cun espazo seguro e sen tanta présa. Empecei a darlle voltas á idea de crear un espazo un pouco como a miña casa, apoiando a profesión. Primeiro empecei en Santiago, nun espazo que compartín con Fernando Tato. El ten unha escola de formación actoral con formación regular todo o ano. Levaba xa moitos anos facendo ese traballo antes de crear un espazo estable. Agora ten alugada a Sala Materna, en Santiago de Compostela. Tamén se creou Teatro do Camiño, un espazo para achegar o oficio de actor e actriz ao público. Un día, indo polo Courel, chegamos a unha aldea que se chama A Seara e impactoume directamente. Quedei con ganas de volver, non me pasou desapercibida. Había moitas casas á venda para restaurar e gustoume unha que había alí, como no centro, na praza. Dáballe voltas e pensei que tamén podía ser un bo lugar para explorar, para facer talleres, para traballar o detalle e mesmo para facer espectáculos. Foi un proceso moi lento, pero acabamos de abrir o primeiro taller e estou moi contenta. Foi impartido por Arantxa de Juan, actriz e directora. Formouse en Nova York e desde entón está dando cursos por todo o mundo.
É curioso, Isabel, porque O Courel é un lugar extraordinario e marabilloso, pero parece que queda un pouco apartado do mundo, desa voráxine da que falaba.
Si, claro, ten un lado de estar lonxe de todo e outro de estar lonxe de todo. A min pásame que cando entro no Courel sinto que estou noutro mundo, nunha desconexión. Temos a gran sorte de que acaba de abrir unha cantina que levaba tempo aberta e despois pechara por motivos familiares, porque morrera o dono. Agora reabriuna e temos a sorte de contar cun restaurante ao lado, unha cantina que se chama Mesón Carrete. Foi marabilloso, porque nos deu de comer, de cear e a cervexa de despois do curso. Por outra banda, na Seara, hai un albergue de montañistas dunhas 50 prazas. Desta vez non fixo falta porque na Casa Materna tamén podemos albergar ata dezaseis persoas nas residencias. Alguén quixo quedar alí, pero tiñamos tamén o albergue da Federación de Montañismo, que é moi barato para durmir. Para min é un apoio moi grande, porque permite dar cursos na Sala Materna e na Casa Materna do Courel, separando espazos cando é necesario. Neste caso quedaron todos alí e creo que a experiencia foi boa. Para min foi moi gratificante.
E como funciona?
Aínda estamos creando o proxecto. Supoño que tamén estará en Airbnb, porque calquera persoa pode necesitar ese espazo na natureza. É ese turismo emocional, digamos, que é necesario para todos. Despois, para residencias ou temas máis artísticos, pódese facer a través da nosa páxina. Nós xestionamos que poidan coller o espazo enteiro para facer unha fin de semana, unha semana ou un mes...
Fálame do proxecto Teatro do Camiño, en Santiago.
Pretende ser un espazo dunhas 50 prazas, unha pasarela entre o artista e o público. Veñen tanto artistas consolidados como xente que está empezando. É moi gustoso ver eses dous mundos, porque ambos son reconfortantes. Estes días programamos unha obra, e o sábado pasado houbo un cheo absoluto. Había xente facendo cola e incluso houbo persoas que non puideron entrar; foi marabilloso. Logo hai funcións que non teñen tanto tirón, pero teñen un valor persoal moi importante. Hai que seguir explorando, porque nunca se sabe.
Cando xorde o teu interese pola interpretación?
O interese veu de pequena, con uns 12 anos. O interese artístico vén de antes, desde cativa. É algo co que se nace, pero despois nunha familia e nun contexto determinado, sobre todo nos pobos pequenos, vas agochándoo un pouco. Despois quixen estar moi presente na crianza dos meus fillos, porque é algo que me apaixona. A crianza tamén é unha aprendizaxe brutal e investín moito tempo nese mundo. Xa a medida que foron medrando, fun buscando os meu propios espazos. En Galicia nunca atopaba lugares para formarme de maneira profesional, tampouco coñecía a Fernando Tato. Facía o que podía; ás veces ía á Coruña, outras veces saía fóra...
E o salto á profesionalización, tanto no teatro como no cine, é recente ou xa leva tempo?
Levo tempo intentándoo, uns nove anos. Isto é unha carreira de fondo. Hai que seguir loitando, porque non é algo sinxelo. Aí sigo, e agora tamén quería facer algún proxecto meu. Teño unha obra de teatro na que estou traballando e tamén quero sacar adiante unha curtametraxe.
Hai profesionais consagradísimos que botan meses ou anos sen que os chamen...
Si. Creo que hai moi pouca xente, moi pouca xente afortunada, que pode vivir exclusivamente deste oficio, do oficio de actor ou actriz. Eu diría que case o 90 % dos que nos dedicamos a esto temos un plan B. Non é a miña fonte de ingresos principal, porque se non estariamos todos desesperados ou actuando co sombreiro. Por iso penso que é moi necesario darnos a man como grupo, dicirnos: veña, que igual mañá che toca a ti. Tamén te sostén ver a unha compañeira, ver que despois de moitos meses de rutas e de buscar, algo lle sae. Iso dá moita forza.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La familia de una joven que sufrió un traumatismo craneoencefálico grave reclama al Sergas ampliar la rehabilitación
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Irlanda certifica que los parques eólicos pueden «convivir» con nasas o palangre pero lo descarta con redes de arrastre
- Radiografía de los centros comerciales de Vigo: entre la plena ocupación y la reinvención para buscar un punto de inflexión
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia