Rapa das Bestas
O festival RapaSons reunirá 18 grupos e artistas durante catro xornadas de música en Sabucedo
Os billetes para asistir ós curros poden adquirirse xa en liña e o Rapabús reforza o servizo cunha nova conexión nocturna.

Oscar Durán, Iván Sanmartíne e Jose F. Parada na presentación do festival. / FDV_Externas
A música volverá ser unha das grandes protagonistas da Rapa das Bestas de Sabucedo coa celebración dunha nova edición de RapaSons, a programación cultural que acompañará a festa máis internacional da Estrada entre os días 3 e 6 de xullo. O festival reunirá un total de 18 grupos, artistas e formacións musicais ao longo de catro xornadas, consolidándose como unha das citas culturais máis destacadas do verán na comarca.
A programación mantén a aposta pola música galega e polos proxectos vencellados á cultura do país, combinando propostas tradicionais, folk, música de raíz, verbena, canción de autor, bandas de rúa e espectáculos para todos os públicos.
As actuacións comezarán o venres 3 de xullo cun pasarrúas a cargo de Tralha da Terra de Montes, antes do inicio do Festival RapaSons, que contará coa participación da Banda das Crechas, Swingers do Swing, Gin Toni’s e La Sincereza Pinchacumbias.
O sábado 4 a actividade musical trasladarase á Fonte e ao Curro. Tiruleque abrirá a xornada ao mediodía, seguido de Os Tres Pesos. Pola tarde será a quenda de Tequexetéldere, unha das actuacións máis agardadas polo público habitual da Rapa. Xa pola noite subirán ao escenario Mekánika Rolling Band e, a partir das 23.00 horas, o Campo do Medio acollerá unha gran verbena popular coa presenza das orquestras Olympus e América S.L., dous dos nomes máis recoñecidos do panorama festivo galego.
O domingo 5 de xullo continuará a programación con Laura LaMontagne no Curro. A cantante lucense dará paso á actuación de Festicultores Troupe. Pola tarde celebrarase un festival no Palco da Fonte no que participarán as Pandereteiras do Val de Quireza, Cé Orquestra Pantasma e o cantautor cubano Reynier Aldana. A xornada pecharase cunha nova verbena popular protagonizada por La Mecánica e Dúo Prisma.
A maiores, a formación Airiños de Caldelas terá unha presenza constante durante toda a fin de semana, actuando nos tres curros e realizando pasarrúas ao longo das distintas xornadas festivas.
Desde a organización destacan que RapaSons busca complementar a actividade central da Rapa das Bestas cunha oferta cultural continua, contribuíndo a dinamizar a estancia dos milleiros de visitantes que cada ano se achegan a Sabucedo. O programa combina así tradición e modernidade, con propostas pensadas para públicos de diferentes idades e preferencias musicais.
Durante a presentación da programación tamén se lembrou que as entradas para os curros xa están dispoñibles exclusivamente a través da venda en liña. Os prezos mantéñense en 15 euros para adultos e 10 euros para nenos, mentres que os menores de catro anos poderán acceder gratuitamente.
A organización tamén confirmou a continuidade do transporte gratuito entre A Estrada e Sabucedo co RapaBús durante toda a fin de semana, con paradas na Consolación e Codeseda. Haberá conexións de ida e volta os tres días, incorporándose como principal novidade unha nova expedición de regreso o sábado á 1.00 da madrugada, co obxectivo de facilitar a mobilidade dos asistentes aos concertos e ás verbenas.
A estatua dos cabalos
Outro dos asuntos abordados foi a futura instalación da estatua dos cabalos. A peza sufriu danos durante a súa retirada do entorno da Praza de Galicia, afectando a unha das patas, polo que será necesario acometer traballos de restauración pero unha vez estea instalada, indicou o seu autor, Manuel Vilaverde. Ademais, a súa colocación definitiva está condicionada polas obras previstas na estrada provincial PO-7101 ao seu paso por Sabucedo, sen data aínda de inicio, xa que a ubicación escollida pola asociación é xustamente a intersección desta estrada co vial de acceso á poboación. A intención é executar primeiro esas actuacións, instalar despois a escultura na súa localización definitiva e completar posteriormente a restauración para garantir a súa correcta conservación.
Suscríbete para seguir leyendo
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- La familia de una joven que sufrió un traumatismo craneoencefálico grave reclama al Sergas ampliar la rehabilitación
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- Irlanda certifica que los parques eólicos pueden «convivir» con nasas o palangre pero lo descarta con redes de arrastre
- Radiografía de los centros comerciales de Vigo: entre la plena ocupación y la reinvención para buscar un punto de inflexión
- Un juez de Vigo da la razón a una vecina y anula una sanción por cambio de uso de trastero a vivienda sin licencia