Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Educación

O alumnado de Artes do García Barros retrata aos últimos torneiros de Berres

A exposición ‘Unha vida en madeira’ preséntase o próximo venres 5 de xuño na Sala Abanca, con colaboradores da talla de Ariadna Silva e Tono Arias

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

O alumnado de de 1º de Bacharelato de Artes do IES Manuel García Barros inaugura o próximo venres 5 de xuño ás 19.00 horas na Sala Abanca a exposición Unha vida en madeira. Entre tornos e lembranzas, un proxecto desenvolvido durante os últimos tres meses dentro do programa Fotografía en Curso e que rende homenaxe aos torneiros de Berres e ao seu legado.

A mostra, que estará dispoñible ata o día 19 de dito mes, foi presentada este venres nun acto no que participaron a concelleira de Servizos Sociais e Educación, Amalia Goldar; a fotógrafa e cineasta estradense Ariadna Silva Fernández; o profesorado responsable da iniciativa; e o propio alumnado, encargado de explicar en primeira persoa o proceso de creación da exposición.

Tras a introdución da edil, foron as estudantes as que tomaron a palabra para explicar os obxectivos dun traballo centrado en poñer en valor a memoria da tornería nesta parroquia estradense a través dos relatos e experiencias de José Ruibal, máis coñecido como Pepe de Amparo, Manuel Ferradáns e Jesús Pereiras, Pavero.

Ademais, detallaron o proceso creativo seguido durante estes meses, agradecendo de maneira especial a orientación de Ariadna Silva, sobre a que dixeron: «Ensinounos todo o que precisabamos para facer este traballo e fixo todo moito máis doado».

Explicaron que inicialmente houb un primeiro contacto coa cámara, para continuar coa definición da liña argumental e o traballo de campo nos obradoiros de Berres. Nesta fase, sinalaron a Pilar Bernárdez como unha figura fundamental para a coordinación cos protagonistas do traballo. Xa na recta final chegou un dos momentos máis complexos: seleccionar 25 fotografías entre arredor dun milleiro de imaxes. O alumnado recoñeceu que «houbo que tomar decisións difíciles», aínda que finalmente se optou por un criterio consensuado para escoller un coxunto no que se documentan espazos, ferramentas, técnicas e historias de vida vinculadas a un oficio que marcou durante décadas a identidade de Berres e da comarca.

Pola súa banda, Ariadna Silva Fernández non ocultou a súa emoción polo resultado acadado. «Este é un dos traballos dos que máis orgullosa me sinto, e teño moitas ganas de que o público o vexa. Eu pasei por este mesmo centro, estudei tamén o Bacharelato de Artes, por iso voltar é tamén pechar un círculo», afirmou.

A fotógrafa avanzou ademais que a exposición incluirá instalacións destinadas a recrear a atmosfera dos antigos obradoiros e puxo en valor o esforzo do profesorado e do alumnado para sacar adiante unha iniciativa sen financiamento directo.

Pechando a quenda de intervencións, o docente Xurxo Insua agradeceu a implicación de todas as persoas e entidades colaboradoras, facendo unha mención especial tanto a Ariadna Silva como ao fotógrafo Tono Arias, que a través de Dispara asumirá a produción da exposición. Insua destacou ademais a fortaleza do ecosistema fotográfico estradense, cunha ampla nómina de profesionais e artistas de referencia.

Como autoras deste prometedora proposta,resulta imprescindible mencionar ás alumnas detrás de cada paso e desición: Nerea Ares, Susana Barreiro, Irene Janire Blanco, Marta Correa, Noa de Oliveira, Cloe Ferreiro, Luisana Paola García, Evelling Germinari, Iván Hermida, Noelia Lorenzo, Aldara Mato, Violeta Núñez, Clara Rey e Samantha Rodríguez Ademais do profesorado de apoio, Xurxo Insua e Alfonso Villar.

Porén, máis aló do material gráfico, o proxecto deixou tamén unha pegada persoal nas estudantes. Durante meses compartiron tempo, conversas e lembranzas cos protagonistas dunha parte esencial da historia de Berres e da Estrada, o que as levou a xerar un vínculo que dificilmente poderán olvidar, e como elas ben enunciaron: «Cun sorriso e unha ilusión inexplicable, abríronnos as súas portas, contáronnos historias da súa infancia e vimos como pouco a pouco se ían soltando ante a cámara, contentos de que o seu oficio estivese sendo retratado, e non esquecido».

Tracking Pixel Contents