Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Correlingua

Os estudantes sacan a lingua a pasear pola Estrada

Centos de estudantes da Estrada, Forcarei e Cuntis participaron nunha xornada festiva con percorrido polas rúas, música e lectura dun manifesto na que se buscaba promover o uso do galego entre a mocidade

Todos os centros escolares se xuntaron na praza do Concello. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Todos os centros escolares se xuntaron na praza do Concello. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

A Estrada acolleu onte a derradeira das festas da 26ª edición do Correlingua, unha iniciativa que percorreu diferentes localidades de toda Galiza ao longo do mes de maio co obxectivo de reivindicar o uso da lingua galega entre a mocidade e fomentar o orgullo pola cultura propia.

Baixo un lema centrado na defensa do idioma e no sentimento de pertenza á identidade galega, centos de estudantes de diferentes centros educativos da Estrada, Forcarei e Cuntis participaron nunha xornada festiva e reivindicativa celebrada na Praza do Concello. Ao longo da mañá, o alumnado fixo escoitar as súas mensaxes a prol do galego e participou na lectura dun manifesto elaborado colectivamente, no que se puxo de manifesto a importancia de continuar promovendo o uso da lingua en todos os ámbitos da vida cotiá.

Pancarta do CEIP Pérez Viondi da Estrada. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Pancarta do CEIP Pérez Viondi da Estrada. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

A programación comezou ás 11.00 horas coa presentación do acto por parte do artista e humorista Fran Rei, encargado tamén de conducir toda a xornada e de animar ao público participante. Pouco despois iniciouse a marcha do Correlingua, que percorreu distintas rúas do centro da vila nun ambiente marcado pola música, os cánticos e as consignas en defensa da lingua galega. Durante o percorrido, os participantes estiveron acompañados por profesorado e organización.

Os máis pequenos chegaron ao remate do percorrido arredor das 11.30 horas, mentres que o alumnado de maior idade o fixo ás 12.00 horas. Tras un tempo dedicado á merenda e ao descanso, celebrouse a lectura do manifesto e, posteriormente, a actuación musical do grupo Sniff & Crash, que puxo ritmo e animación á xornada.

O acto concluíu coa entrega de diplomas aos centros participantes, como recoñecemento á súa implicación nesta iniciativa de promoción lingüística, e coa saída dos autobuses de regreso aos seus respectivos centros educativos.

Once centros

Os alumnos chegados desde o IES Chano Piñeiro de Forcarei. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Os alumnos chegados desde o IES Chano Piñeiro de Forcarei. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Na actividade participaron once centros educativos de tres municipios: IES Avelina Valladares, CEIP Cabada Vázquez, CEIP de Figueiroa, IES Manuel García Barros, CEIP de O Foxo, CEIP Pérez Viondi, IES Antón Losada Diéguez, CEIP Villar Paramá e CEIP de Oca, da Estrada; o IES Chano Piñeiro, de Forcarei; e o CPI Aurelio Marcelino Rey García, de Cuntis.

O Correlingua estivo organizado por CIG-Ensino, coa colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística e da Asociación Socio Pedagóxica Galega (AS-PG), e contou co apoio do Concello da Estrada e da Deputación de Pontevedra a través da súa área de Normalización Lingüística. A iniciativa volveu converterse nun espazo de encontro para a mocidade galega arredor da defensa da lingua e da cultura propias.

Tracking Pixel Contents