Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«O mellor recuncho do mundo»

O 'estradensismo' cobra protagonismo na nova campaña de Habita para defender a identidade local

Habita Servicios presentou «O que nos sostén», unha peza audiovisual rodada na Estrada e protagonizada por xente da Estrada que pretende ser «o intento máis honesto de mostrar o que este pobo é cando ninguén lle pide que actúe»

Vídeo promocional da campaña.

Habita Inmobiliaria e Inversia Helvetia

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

«Estradensismo». Aqueles que coñezan ao presidente de Habita Servicios, Álex García, seguramente teñen escoitado na súa boca en máis dunha ocasión esta verba. Ese concepto, por suposto, non é novo. Aparece ás veces en debates políticos ou sociais pero, que é ese estradensismo? Para Habita sería «a suma de todo o que fai que A Estrada sexa A Estrada: a xente que se coñece polo nome, os oficios que se transmiten, os rituais que se repiten, a escala humana dunha vida que en moitos outros sitios xa desapareceu». Non está mal como axioma e tamén como introdución á campaña que Habita acaba de poñer en marcha para poñer en valor un pobo do que merece a pena presumir.

Esta campaña, que arranca cun vídeo promocional creado por Ramón Brea, foi presentada nun acto no que contaron co alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, como padriño. «Non estamos aquí para presentar unha publicidade ou anuncio. Non queremos vender nada, senón presentar un sentimento moi persoal e que creo que escasea no noso contorno», explicou Álex García, antes de amosar un vídeo no que se defende esa idea de estradensismo. «É algo que eu teño moi dentro. Canto máis saio de aquí, máis se agudiza ese estradensismo. Estou convencido de que vivimos no lugar perfecto. Canto máis mundo vexo, máis agradecido estou de vivir na Estrada. É moi fácil criticar ou poñer escusas para non poñer en valor o teu e destacar o dos demais, pero creo que é o momento de defender o noso».

Ramón Brea, Álex García e Gonzalo Louzao, na presentación da campaña.

Ramón Brea, Álex García e Gonzalo Louzao, na presentación da campaña. / Bernabé/Amanda Castro

Desde Habita anunciaron que esta será a primeira peza dun proxecto que se estenderá durante «bastante tempo» con novas pezas. «A Estrada empeza a soar ultimamente en Galicia despois dun tempo no que parecía un pouco esquecida a pesar de estar no centro. Daba a sensación de que A Estrada era un accesorio, pero é moito máis. Eu empezo a notar que a xente de fóra nos recoñece máis que nunca. Os que somos de aquí debemos aproveitar esa boa inercia, pero tamén darnos conta do bo que temos».

Posteriormente presentouse un vídeo no que os protagonistas son veciños do pobo. «Oxalá todos os estradenses se mirasen polos ollos de Álex. Cre moito no poder e no potencial deste pobo. Por iso non queriamos facer unha peza que amosase A Estrada desde un punto de vista turístico, co Pazo de Oca ou a Rapa, senón recoller o que realmente é A Estrada, a súa realidade», afirmou Ramón Brea. «Todo se fixo con persoas reais. Aquí non hai actores. Son persoas que cremos que forman parte desa visión. Hai cousas do noso día a día que non valoramos. Isto é unha homenaxe á Estrada na que tentamos transmitir esa enerxía de Álex. Esperemos que sirva para que todos collamos a bandeira e saquemos un pouco de peito por este superpobo».

Antonio Sanmartín, da Pastelería Mimela, un dos protagonistas.

Antonio Sanmartín, da Pastelería Mimela, un dos protagonistas. / Cedida

O alcalde, pola súa parte, coincidiu na visión de Álex García sobre A Estrada, destacando que «vivimos no mellor recuncho do mundo», e salientou o feito de que esta campaña poña o foco nunha cuestión inmaterial como é a xente. «Estou orgulloso de que unha firma local abandere ese sentimento de ser estradenses, que levante esa bandeira branca, verde e vermella como propia», manifestou. «Estamos traballando para facer unha vila mellor, para espertar ese sentimento en todos os veciños. Temos que crer na Estrada, na súa xente e nas súas tradicións», sentenciou Gonzalo Louzao.

Tracking Pixel Contents