Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eleccións municipais | Xoán Reices Villar Portavoz do BNG da Estrada

«É decepcionante ver desde dentro como funciona a política institucional»

«O peor é saber que vas ao pleno para estar alí de oito e media a once e media dun xoves, perdendo o tempo sen falar de nada»

Xoán Reices, un pleno municipal do Concello da Estrada. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

Xoán Reices, un pleno municipal do Concello da Estrada. | BERNABÉ/JAVIER LALÍN

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Xoán Reices anunciou que non será o candidato do BNG da Estrada nas eleccións municipais de 2027. Faino cinco anos despois do seu nomeamento como portavoz do partido nacionalista para enfrontarse a uns comicios nos que acadou dous representantes na corporación municipal. Nestes anos, Reices amosouse como un político atípico. Lonxe dos convencionalismos dos grandes oradores, proxectou unha imaxe de home sinxelo e directo. E así será ata o final, lamentando a situación que viviu dentro da política.

Que o levou a tomar esta decisión?

O máis importante de todo é a falta de tempo. Co traballo e con todas as cousas que hai que facer nesta vida, non dou a todo. Era frustrante chegar a un pleno ou a unha comisión despois de traballar e non ter a enerxía que fai falta para estas cousas. Ademais, penso que, como toda persoa razoable, estou un pouco desencantado con como funciona a política desde dentro. Non falo dos partidos, senón da política institucional, que é un pouco decepcionante. Para tomar estas decisións sempre hai mil motivos ou circunstancias, pero diría que esas dúas son as fundamentais.

Acórdase do momento no que o convenceron para converterse en candidato do BNG? Era algo que ninguén esperaba.

Si, claro que me acordo. É algo do que non me arrepinto. Creo que tamén é importante dar un paso adiante. Se non participamos na política institucional, a situación non vai mellorar. Ese traballo para min chegou ata aquí. Por agora.

Non empezou nada mal, cuns resultados nas eleccións que melloraban os dos comicios anteriores.

Si, penso que o feito de facer unha renovación dentro do partido foi algo que nos beneficiou, ao igual que a situación do Bloque a nivel nacional. Creo que é unha tendencia que vai seguir nas próximas eleccións. Non creo que fose tan determinante que eu fose o candidato.

Como valora estes anos como portavoz do BNG? Nunca semellou sentirse moi cómodo.

É complicado, especialmente para persoas coma min, que ao mellor somos un pouco máis radicais ca o ton habitual dos plenos. Sénteste incómodo porque nesas situacións sempre tes que rebaixar o ton para defender as teses do partido a nivel local e nacional. Nese sentido é certo que me sentín un pouco incómodo. Polo resto, penso que me sentín ben. Gústame debater e non me pon nervioso que me mintan na cara. O incómodo era chegar sempre tarde, apurado e sen os quince minutos máis que necesitabas para preparar ben as cousas.

Di que marcha un pouco desencantado da política. Non atopou nesta etapa o que agardaba cando deu o paso?

Atopei o que esperaba, aínda que sempre tes a esperanza de que non sexa así. Penso que a política máis importante para min non se fai nun pleno nin no Parlamento. Sabía, sen embargo, onde me metía. Eu xa fora a plenos e xa escoitara en moitas ocasións as chapas do alcalde vello. Nese sentido non tiña dúbida do que tería que aturar, pero non deixa de ser algo frustrante e que cansa moito.

De todo o que viviu, que foi o que máis lle frustrou?

En xeral, ver como os debates no Concello eran totalmente febles. Eran debates de sacar peito e de dicir se o teu partido fixo isto ou se o teu partido fixo o outro. Supoño que é un reflexo de como funciona a política institucional en Santiago ou en Madrid. Iso é o peor. Saber que vas estar alí un xoves de oito e media da tarde a once e media perdendo o tempo sen falar de nada.

Marcha vostede do mundo da política ou pensa seguir ligado ao BNG?

Aínda me queda algo de marxe, porque a idea é acabar esta lexislatura. Unha vez remate, seguirei no Bloque a nivel local e traballando no que poida cos meus compañeiros. O importante non é quen vaia ser a cabeza do partido, o importante é seguir traballando. Eu lévome moi ben cos meus compañeiros, que son moi agradables e traballadores.

O partido afronta agora unha importante renovación, tendo en conta que os tres primeiros da lista das pasadas eleccións decidiron dar un paso a un lado.

Estar na oposición nun concello pequeno como é o da Estrada é complicado. Aquí non podes vivir disto. Pode sucederche como lle pasou a Ricardo, que lle saíu un traballo en Mallorca e tivo que irse. O bo neste caso é que estamos demostrando que temos xente, temos forza e alternativas. Nese sentido debemos estar contentos.

Como se fará ese proceso de relevo como portavoz?

A decisión da miña marcha tomeina eu, aínda que está consensuada cos demais. Agora xa estamos traballando nos seguintes pasos: facer unha lista pensando nas seguintes eleccións.

n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents