Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Literatura

Gres repasa o legado "de a pé" de Neira Vilas e Anisia Miranda

A parroquia cruceña acolle unha visita guiada polo día a día do matrimonio e a entrega do premio a Raquel Castro por 'Perdendo o norte'

Asistentes á ruta organizada polo colectivo Garatuzas.

Asistentes á ruta organizada polo colectivo Garatuzas. / Olga Barreiro

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Salomé Soutelo

Salomé Soutelo

Vila de Cruces

Hai unha casa xunto á ponte nova e o cruceiro de Gres na que viviu Xosé Neira Vilas. É máis coñecida a Casa do Romano, na que naceu el e os seus irmáns Jesús e María (eran sete irmáns en total), na que viviran os seus avós e que na actualidade alberga a sede da Fundación Xosé Neira Vilas. É un detalle que só coñecen os veciños de Gres, igual que o de que, antes de emigrar, ese escritor e os seus amigos facían versións de obras teatrais xunto, ou que tamén antes de emigrar traballou como contable no serradoiro de Pardo, onde tamén se encargaba de cubicar a madeira dos montes.

Son cuestións que descubriu onte boa parte do case medio cento de persoas que participou na visita organizada polo colectivo Garatuzas de Piloño e que reuniu a xente desta parroquia, pero tamén de Camanzo e doutros lugares do outro lado do Ulla, como Camporrapado. A docente Mariluz Barreiro, moi boa coñecedora do día a día de Neira Vilas e Anisia Miranda (a súa familia mantivo unha amizade moi estreita co matrimonio), guiou un roteiro que rematou nas Insuas de Gres, cunha comida en común e a actuación de integrantes da Unión Musical Ponteledesma. Garatuzas de Piloño ten en mente un proxecto que durante os próximos meses contribuirá a difundir a obra e o enorme vínculo de Neira Vilas e Anisia Miranda cos seus veciños e veciñas.

Raquel Castro, á dereita do cartel, posa con membros da Fundación Neira Vilas.

Raquel Castro, á dereita do cartel, posa con membros da Fundación Neira Vilas. / Cedida

E se pola mañá a biblioteca da fundación recibiu á comitiva do roteiro (sempre estivo aberta aos nenos do entorno, hai que lembralo), pola tarde o inmoble volveuse encher de xente para a entrega do Premio Anisia Miranda de Teatro para a Infancia, que recaeu en Raquel Castro Martínez por ‘Perdendo o norte’. Actuou o grupo Luceiro, da Asociación Cultural Mestre Gacio. O evento serviu ademais para presentar o libro xa editado e gañador da anterior convocatoria, 'Os dedos e o monstro', de Francisco Antonio Vidal.

Tracking Pixel Contents