Música tradicional
Carboeiro volve celebrar o 6 de xuño a forza viva da música e da tradición galega
O programa inclúe procesión, exposición, feira de artesanía, xantar popular, xogos tradicionais, obradoiro de campás, contada e foliada «ata que o corpo aguante» no mosteiro e o seu entorno

Xente da organización posa co cartel desta edición. / Cedida

O Mosteiro de Carboeiro volverá converterse o sábado 6 de xuño nun punto de encontro para a música tradicional, a cultura popular e a festa compartida coa celebración dos XXVII Encontros de Música Tradicional de Carboeiro. A iniciativa, organizada pola Asociación Intercultural Santa Ferreña dos Encontros de Música Tradicional de Carboeiro, mantén un ano máis o seu espírito comunitario e interxeracional, coa vontade de coidar e difundir o patrimonio cultural inmaterial galego, incluída a propia lingua.
Nesta edición, os Encontros renderán culto ao milagre da Santa Ferreña no «burro da Tía Lola», lenda arredor da que se baila a danza das fitas. A historia fala dun dragón de tres cabezas que ameazaba Carboeiro, comendo o pan, bebendo o viño e apagando a ansia da xente. Foi entón cando a comunidade invocou á Santa Ferreña, que fixo bailar o burro ao son da muiñeira para librar o lugar do mal. Desde aquela, a confraría baila na súa honra como símbolo da forza do saber popular e do sentir colectivo.
A programación comezará ás 12.00 horas coa sesión vermú, seguida da poxa das andas, a cerimonia solemne e a procesión da Santa Ferreña, acompañada polos papamoscas de Viravolta. A xornada incluirá tamén a aparición da coca e a danza de honra, así como a exposición Coreografías do facer, con imaxes do traballo feminino procedentes do Fondo Henningsen do APOI-Museo do Pobo Galego e acompañada por títeres da colección de Viravolta.
Ao longo do día haberá feira de artesanía, con produtos realizados en metais, cerámica, tecido, coiro, madeira, fibras naturais e materiais de refugallo, ademais de abelorios, instrumentos, complementos e xoguetes. O xantar popular contará con dúas opcións: menú vermello, con empanada e xarrete con patacas, e menú verde, con empanada e arroz con verduras e cogomelos. Inclúe sobremesa, pan, viño ou auga, café e «ghotas», cun prezo de 26 euros. A reserva debe facerse anticipadamente a través de bit.ly/xantarcarboeiro2026.
Durante a tarde desenvolveranse xogos populares e tradicionais para persoas grandes e pequenas coa ludoteca itinerante de SororAs, un obradoiro de toques de campá —patrimonio inmaterial da humanidade— e a contada Merlo que espera polas cereixas, a cargo de Celsiño F. Sanmartín. Xa ao caer a noite, a festa continuará coa tradicional foliada ata que o corpo aguante.
A organización lembra tamén algunhas recomendacións para facilitar o desenvolvemento da xornada. O acceso ao mosteiro estará cortado ao tráfico desde o venres pola noite ata as 22.00 horas do sábado, con opción de chegar a pé desde o torreiro ou empregar o bus lanzadeira. Ademais, anímase ás persoas asistentes a traer o seu ecovaso, respectar a contorna, facer uso dos colectores de lixo e colaborar co bo funcionamento da festa.
Como cada ano, os Encontros reivindican o valor dos «tesouros vivos»: persoas portadoras de saberes, músicas, contos e maneiras de festexar transmitidas de xeración en xeración. Baixo o lema «Viva a xuventude e a xente vella que non morra!», Carboeiro volverá celebrar unha festa feita pola xente e para a xente, arredor da tradición, da alegría e do encontro.
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Se abre uno de los carriles de la AP-9 en Mos donde volcó un camión cisterna con 32.000 litros de gasóleo
- Más de 270.000 inmuebles gallegos deberán adaptarse a las exigencias de eficiencia energética de la UE
- La pesca de recreo sostiene ante el Supremo que el sistema de control español es «más gravoso» que el modelo de la UE
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- El coro del colegio Cluny de Vigo emociona a Abraham Mateo con su versión de 'Lánzalo': «Se me metió algo en el ojo»
- 500 paraguas en 30 m²: seis décadas de los Rodríguez en Vigo
- El comercio del metal de Pontevedra planea cuatro días seguidos de huelga