A presenza da Garda Civil no municipio de Lalín
A presenza da Benemérita en Lalín remóntase ao século XIX, cun primeiro cuartel na rúa Colón, e foi mudando de sede ata a actual casa cuartel de Lalín de Arriba. A súa historia inclúe dependencias en Monte Faro, Tráfico, Vilatuxe e Prado, ligadas á evolución da propia localidade e da comarca dezá
a presenza do Benemérito Corpo da Garda Civil, fundado en España en 1844 por Francisco Javier Girón y Ezpeleta, II duque de Ahumada baixo o reinado de Isabel II, temos constancia no municipio de Lalín no penúltimo terzo do século XIX, cando a súa Casa Cuartel ocupaba un edificio situado na rúa Colón, da entón cativa vila de Lalín, xa capital municipal e do partido xudicial deste nome. Figura como «Excuartel de la Guardia Civil», no plano anexo dun documento de 1870, dunha denuncia ante o Concello polo paso dun camiño que pasaría a chamarse rúa Pelayo, entre propiedades das podentes familias Crespo e Gutiérrez, que comunicaba a citada rúa Colón, cun treito da acabada de inaugurar estrada de Ourense a Santiago, na actualidade denominado rúa Principal.
O primeiro, na rúa Colón
A Casa Cuartel da Garda Civil, segundo o plano referido, ocupaba un soar duns 400 metros cadrados, con fronte á citada rúa Colón duns 20 metros e outros tantos polo lateral á praza principal da vila, daquela repleta de pendellos da feira e unha capela, derruídos para construír en 1933 o monumento ao aviador Loriga e a que sería rúa Matemático Rodríguez. O terreo do edificio que albergou o persoal e as cabalerías da Garda Civil sería ocupado ao longo do século XX por outros dous, na actualidade cos números 4 e 6 da rúa Colón, acollendo os negocios Hotel Elvira, hoxe Frutería Maragota; a Carnicería de Vicente Ulloa e a taberna de Areán, estes dous últimos agora comercios da Herboristería Estalitroque e da Florería González e local da carnicería.
Non desbotamos que, con anterioridade a este emprazamento, a Garda Civil puidera ocupar por un curto espazo de tempo as dependencias da antiga torre dos Deza, logo dos Condes de Lemos, onde a principios do século XIX tiveran as tropas realistas o seu cantón e fora sede da xurisdición de Deza, xulgado e cárcere.
Rúa José Antonio
En tempos da Guerra Civil do 1936, a casa cuartel pasou á estrada de Rodeiro, máis tarde denominada rúa José Antonio Primo de Rivera e hoxe Monte Faro, alugando casas e terreos da familia Rodríguez Taboada, coñecida por ‘Os da Meiriña’, alcume que coidamos lles viña do seu avó materno, que fora xuíz meiriño na xurisdición de Deza, con sede na referida torre dos Deza, derruída a mediados do século XIX, que ocupaba ata entón boa parte dos terreos do actual parque do aviador Loriga, da que Os Meiriña levaron boa parte da súa ben labrada cantería e mesmo o escudo de armas, para a súa casa señorial de Lalín de Arriba. As casas que foron cuartel, que se conservan na actualidade ao igual que o patio interior, están sinaladas cos números que van do 30 ao 38 da citada rúa Monte Faro.
Nesa época da posguerra civil tamén funcionou en Lalín unha emisora da Guarda Civil, na rúa da Ponte número 1, na casa do comerciante Pepe Rivas, hoxe desaparecida, que atendían unha parella de gardas e un oficial de xeito permanente, que pecharía nos anos oitenta cando xa non tiña utilidade.
Agrupación de Tráfico
A principios dos anos setenta do pasado século, coa creación da Agrupación de Tráfico da Garda Civil en 1959 para a vixilancia e regulación do tráfico nas estradas españolas, instalouse un destacamento na vila de Lalín, para atender unha ampla zona da Galicia central. Estivo emprazado nos baixos da Casa Consistorial, onde tamén se gardaban as motos BMW, que usaban entón os membros deste servizo, que non pasaban dunha ducia, todos eles vidos de fóra do municipio, xa que daquela aos gardas civís non se lles permitía prestar servizo nos concellos de onde eran nativos e moitos deles ficaron en Lalín para formar familias ben recoñecidas e estimadas aquí. Unha década despois, o destacamento trasladouse a un local no número 15 da rúa Areal en réxime de alugueiro, onde permaneceu ata 2010, ocupando novas dependencias no recinto do Cuartel da Garda Civil na rúa Calzada de Lalín de Arriba, do que versamos máis adiante.
Na mesma vella Casa Consistorial de Lalín estivo un pequeno cuartel da Garda Civil, para atender a vixilancia do cárcere que tamén radicaba nos baixos da Casa do Concello e outros servizos, residindo os gardas aquí destinados nos edificios do coñecido como Barrio de Abaixo. Ao igual que o acuartelamento da casa de Meiriña, pasaría a ocupar as actuais dependencias da Casa Cuartel de Lalín de Arriba.
Actual casa e anexos
A actual Casa Cuartel da Garda Civil está en termos do lugar de Lalín de Arriba, antiga parroquia e hoxe incorporada á de Lalín, ao pé dunha antiga calzada que en tempos recentes pasou en parte a chamarse Rúa da Garda Civil, na honra do benemérito corpo. Comezárase a construír a finais da década dos sesenta e nas posteriores realizáronse diversas actuacións de ampliación e mellora, a máis importante a construción das dependencias para o destacamento da Garda Civil de Tráfico dentro do propio recinto no ano 2010, e outras máis recentes, para a modernización e eficiencia enerxética das instalacións xa existentes.
Cuarteis en Vilatuxe e Prado
Rematada a Guerra Civil e baixo a ditadura do xeneral Franco, logo da reorganización total do Estado e a regularización da Garda Civil pola Lei de marzo de 1940, ademais do Cuartel existente na vila de Lalín co rango de Comandancia, creouse un novo acuartelamento na parroquia de Vilatuxe en febreiro de 1948, para combater a guerrilla antifranquista, que actuaba nos camiños de arrieiros do Ribeiro e nas montañas da Serra do Candán, e que un ano antes asaltara na Saborida un autobús que transportaba tratantes e feirantes do Carballiño á feira da Bandeira, segundo publicaron os xornais de entón.
Tamén por eses anos, comezou a funcionar outro cuartel na parroquia lalinense de Prado, a carón da taberna de Filomena, ao pé da estrada de Ourense Santiago, que antes estivera na encrucillada de camiños da Laxe de Bendoiro, no primeiro andar da escola pública. O cuartel fora creado para vixiar esta importante vía de comunicación, combater a guerrilla antifranquista nos anos da posguerra, perseguir os estraperlistas que traficaban co volframio das minas de Fontao e manter, ao igual que nas demais vilas e parroquias do municipio, a orde e rematar coas leas entre veciños, as máis delas pola posesión das terras e as celebracións das festas populares que en ocasións acababan en batalla campal a mediados do século pasado.
Moito mudaron as cousas dende entón e a Garda Civil, institución integrada na sociedade dezá, corre cos labores que no ámbito estatal ten encomendados, participando os seus membros na actividade social lalinense , logo de século e medio do seu establecemento na capital de Deza, onde, no 182º aniversario da súa fundación, a Garda Civil de Pontevedra vén de celebrar diversos actos públicos, fronte á Casa do Concello de Lalín, segundo deron conta en días pasados os medios de comunicación.n
- La gallega Tatiana Badiola de 33 años, entre las primeras beneficiadas por las ayudas de la ley ELA: «Ahora empieza otro desafío; convertir ese derecho en cuidados reales»
- El personal del Meixoeiro, en taxi a trabajar
- Muere a los 78 años María Isabel Fraga, la hija de Manuel Fraga Iribarne, durante un viaje humanitario en Madagascar
- La Xunta acelera, con varios camiones, la mudanza de la Casa do Mar al nuevo centro de salud de Moaña que abre sus puertas el lunes
- ¿Regreso de Citroën al Celta? Stellantis vuelve a patrocinar al mundo del deporte
- David Lago, alumno de Redondela con una de las mejores notas de la PAU en Galicia (9,75): «A mí lo que me gusta es resolver problemas»
- Una mujer de Vilanova de Arousa busca en Cangas a la familia de la hija que su abuelo tuvo fuera del matrimonio
- Muere un motorista en un choque con una furgoneta en la A-52 en Ribadavia
