Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música tradicional

Cen músicos no festival da Banda de Gaitas de Barbude

A sexta edición deste certame terá lugar o domingo 31 de maio na Praza da Constitución, con grupos de Vigo e Portugal

Brea, Seoane, Martíns e Lamazares o mércores na presentación.  | N.C.

Brea, Seoane, Martíns e Lamazares o mércores na presentación. | N.C.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

A Banda de Gaitas de Barbude volve a celebrar o seu Festival de Música Tradicional, que chega xa á súa sexta edición. O evento terá lugar o próximo domingo 31 de maio, dentro da programación para a carpa instalada na Praza da Constitución, e polo escenario pasarán arredor dun centenar de intérpretes chegados da parroquia estradense, pero tamén de Vigo e de Portugal.

Concretamente, a cita arrancará ás 19.30 horas e contará este ano coas actuacións da banda organizadora, así como o Grupo Folklórico de Monçao e As Sete Cuncas da parroquia viguesa de Piñeiro.

Previamente, as tres agrupacións manterán unha xornada a portas pechadas con diferentes actividades que buscan facilitar o intercambio cultural e a creación de sinerxías entre os músicos e as formacións que representan.

O evento foi presentado este mércores no Concello, coa intervención de José Ramón Brea, Xosé Martíns e Raquel Lamazares, por parte da formación, ademais da edil de Cultura, Lucía Seoane. Esta última agradeceu á Banda de Gaitas de Barbude a súa labor con festivais deste tipo, que conservan e promoven a música tradicional galega. «A música non é só un elemento cultural propio, senón que é memoria colectiva e identidade, por iso resulta tan importante conservala», dixo a concelleira durante o citado acto.

Nesta liña, cabe destacar que en Barbude a preservación e continuidade do folclore galego está garantida, grazas en grande parte á súa escola, que conta cuns 70 alumnos de todas as idades, e unha canteira que augura un futuro brillante para a formación.

De feito, os representantes da banda organizadora animaron ao público estradense a acudir á convocatoria do próximo 31 de maio, non só porque poderán deleitarse con distintos tipos de pezas e sonoridades, senón porque apoiarán a eses principiantes que por primeira vez se poñerán ante unha audiencia para tocar e cantar.

Tracking Pixel Contents