Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Ensino

Letras Galegas «Indómitas» no Xesús Golmar

Un coro unánime de 608 alumnos celebra o legado de Begoña Caamaño con Uxía Senlle, humanizando a súa figura ao través da música e a lingua galegas

Actuación de Uxía Senlle no CEIP Xesús Golmar de Lalín polo Día das Letras Galegas.

Bernabé / Javier Lalín

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Lalín

Lalín viviu unha mañá de música, emoción e compromiso coa lingua no CEIP Xesús Golmar. A artista mosense Uxía Senlle, unha das voces máis recoñecidas da nosa música, recalou no centro lalinense para celebrar o Día das Letras Galegas cun concerto moi especial. Ante un auditorio formado polos 608 alumnos de Educación Infantil e Primaria e o seu profesorado, a cantante presentou o seu proxecto «Indómitas: nove ondas a Begoña Caamaño», unha homenaxe vibrante á escritora e xornalista á que se lle dedica a efeméride este ano.

O evento, que durou aproximadamente unha hora, transformou o espazo escolar nun escenario de reivindicación cultural. A pesar de que os plans iniciais eran outros, a dirección do centro tivo que adaptarse á loxística para garantir o éxito da xornada. Chus López, directora do CEIP Xesús Golmar, explicaba as sensacións tras o encontro: «Resultou mellor do esperado a pesar de cambiar de ubicación. En principio, era para facelo no patio cuberto e ao final decidimos facelo no ximnasio, onde tiñamos medo pola acústica, pero resultou moi ben».

A semente deste concerto plantouse co obxectivo de achegar a figura de Begoña Caamaño aos máis cativos dun xeito lúdico e artístico. A escolla de Uxía non foi casual, xa que a súa música conecta a tradición coa modernidade, unindo xeracións baixo un mesmo verso. «A idea partiu a raíz da celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño. Desde o equipo de normalización lingüística falamos da posibilidade de traer a Uxía Senlle porque o seu novo traballo inclúe unha canción dedicada a Begoña titulada Begoñísima. Estivemos en contacto con ela e acertou á primeira», sinalaba López.

Para a directora do centro, este acto tivo unha carga emocional profunda e persoal. Foi a propia Chus López quen presentou á artista, lembrando os tempos nos que as tres —directora, cantante e escritora homenaxeada— compartían aulas e ilusións de xuventude. «Cando empecei a carreira de Maxisterio en Vigo, Begoña foi compañeira miña», recordaba con emoción. «Lembro que era unha persoa libre, defensora das causas xustas, rebelde, impulsiva e moi creativa. Ela tiraba de todos. Era incrible o poder que tiña de convicción. O que menos me imaxinaba eu é que lle ían dedicar a Begoña Caamaño un Día das Letras Galegas».

Pola súa banda, Uxía Senlle mostrouse visiblemente conmovida pola recepción de toda a comunidade educativa de Lalín. «Cantar nese cole a Begoña foi algo moi bonito. Estiven acompañada de Sabela da Cal e Rafa Otero. Sabían as cancións e acompañáronnos. Vimos a un profesorado moi implicado», afirmou a artista. Para a cantante, a experiencia no Xesús Golmar foi revitalizante dentro da súa xira: «Vimos co corazón cheo. Desde que chegamos foi un baño de cariño. Está sendo un ano moi intenso pero estou encantada».

O momento máis álxido da xornada chegou coa interpretación de «Begoñísima». O ximnasio do colexio resoou cun coro unánime onde os alumnos uniron as súas voces ás da artista mosense. Ver a nenos de tres anos e a mozos de sexto de Primaria compartindo o mesmo ritmo foi a proba do poder unificador da lingua e da música. O concerto logrou o seu obxectivo de humanizar a figura de Caamaño, presentándoa ante os escolares como unha referente próxima, vibrante e chea de forza.

O equipo docente do Xesús Golmar valorou moi positivamente a experiencia, destacando que actividades deste tipo deixan unha pegada moito máis duradeira que as clases teóricas tradicionais. A xornada pechouse cunha ovación pechada e coa sensación de que, en Lalín, o legado de Begoña Caamaño atopou un novo fogar na voz de Uxía e no corazón de centos de rapaces que hoxe saben moito máis sobre quen foi aquela muller indómita que tanto amou a súa terra e a súa palabra.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents