Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Día das Letras Galegas

Monicreques, música... e libros

A semana grande do Día das Letras Galegas en Lalín vive este sábado unha nova xornada de actividades na véspera da efeméride. Este domingo o Serán das Letras será o plato forte, con obradoiros de baile galego, concertos, un xantar familiar e a actuación de once formacións tradicionais do termo municipal

Concerto da Banda de Vilatuxe. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Concerto da Banda de Vilatuxe. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Alfonso Loño

Alfonso Loño

Lalín

Música, monicreques e, tamén, libros. Estes foron os argumentos principais da programación municipal noutra xornada de propostass de Lalín nas Letras 2026. Coa Praza da Igrexa como espazo central da actividade, na capital da bisbarra dezá houbo postos de librarías locais, no que os comerciantes expuxeron novidades literarias e libros singulares ou temáticos do interese de moitos dos que aproveitaron a mañá do sábado para dar un paseo polo centro da vila.

Casetas de librarías.  | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Casetas de librarías. | BERNABÉ/AMANDA CASTRO

Na carpa instalada neste punto céntrico do núcleo urbano a Banda de Vilatuxe foi a encargada de poñer as notas musicais nun concerto das Letras con notable presenza de público. O recital arrancou pasadas as 13.30 horas e tamén amenizou a xornada a moitos veciños que sairon a tomar o aperitivo antes do xantar. Logo dunhas horas de descanso as propostas culturais retornaron á Praza da Igrexa cun espectáculo de teatro de monicreques para os máis pequenos. A veterana compañía galega Cachirulo representou a obra Xela e o dragón, na que foi a primeira das funcións de teatro para nenos e rapaces que promove o Concello no marco do programa de escénicas en colaboración co Agadic e a Rede Galega de Teatros e Auditorios. A obra, un espectáculo de aventuras, está protagonizada por unha nena de nove anos que debe liberar aos seus compañeiros atrapados polo malvado Demo Luciferino e o Dragón Dracus, historia que reivindica o uso cotián da lingua galega.

Xa para as 21.30 horas estaba previsto o concerto de Tiam GZ, unha banda da bisbarra de Chantada que mistura propostas como o rap ou ritmos bailables.

Este domingo, no día central, celébrase o Serán das Letras. Ás 11.00 haberá un obradoiro de baile galego, ás 13.00 será o concerto de Xisco Feijoo e logo do xantar un espectáculo reunirá a once grupos locais de música e canto tradicional.

Tracking Pixel Contents