A forza dunha identidade fronte ao esgazamento administrativo
Tomás José Sancho Candedo *
As xentes que habitamos a Terra de Montes non precisamos de mapas políticos recentes para saber quen somos. A nosa é unha identidade labrada no granito, forxada polos ventos das serras do Candán e do Seixo, e definida por unha historia común que se remonta a séculos de autonomía xurisdicional baixo a Mitra compostelá. Hoxe, cómpre erguer a voz na prensa galega para reivindicar esta realidade innegable, demostrada a diario pola nosa lingua, as nosas tradicións e un territorio cuxas costuras seguen intactas no sentir da veciñanza, a pesar dos constantes ataques que vimos sufrindo.
A nosa identidade aséntase nunha base xeográfica e cultural tanxible. No plano lingüístico, a Terra de Montes posúe unha fala característica, un galego de transición que amalgama a solidez morfolóxica do bloque central coa gheada occidental. Ademais, atesouramos un patrimonio léxico inmaterial único: o verbo dos arghinas, esa xiria críptica e solidaria creada polos nosos mestres canteiros nas súas longas viaxes de emigración. Nas nosas tradicións resoan os ecos do Gaiteiro de Soutelo, a milenaria Rapa das Bestas que honra a nosa convivencia co cabalo galego de monte, e un mapa mitolóxico artellado arredor da Montaña Máxica do Seixo, coa Porta do Alén e o Marco do Vento como testemuñas.
Con todo, a nosa comarca sofre desde hai moito tempo unha ferida aberta pola arbitrariedade das administracións, sufrindo ataques deliberados ou froito do descoñecemento. O primeiro gran revés chegou coa división provincial de 1833, que partiu o noso territorio histórico encadrando a Beariz en Ourense e a Forcarei e Cerdedo en Pontevedra. Pero os agravios non son só cousa do pasado; hoxe multiplícanse baixo novas nomenclaturas. As comarcalizacións, as delimitacións dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) e o recente mapa de Xeodestinos turísticos da Xunta de Galicia de 2024 teiman en separarnos sen piedade. Resulta incomprensible, e mesmo indignante, que mentres Forcarei é encadrado no xeodestino Deza-Tabeirós, Cerdedo vaia cara a Terras de Pontevedra-O Morrazo, e Beariz acabe subsumido no Ribeiro-Carballiño. Á fragmentación administrativa e política súmase a constante ameaza ao noso territorio de macroproxectos eólicos que poñen en perigo os nosos espazos sagrados e naturais.
Esta divagación administrativa tradúcese nunha dispersión de recursos inasumible. Os nosos concellos vense obrigados a competir illadamente por fondos ou a integrarse en estratexias que pouco teñen que ver coas nosas necesidades reais de montaña. O turismo, que podería ser unha táboa de salvación socioeconómica para unha contorna golpeada polo despoboamento, está a ser vítima desta xestión esgazada. O visitante non entende de liñas imaxinarias nun mapa cando a paisaxe, o románico do mosteiro de Acibeiro e as nosas pontes e pazos falan unha mesma e ininterrompida linguaxe.
Por todo isto, faise máis urxente ca nunca reivindicar e apoiar a iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Terra de Montes para a creación e consolidación da marca turística «Destino Terra de Montes». Esta marca global non é un simple reclamo publicitario; é un acto de xustiza e unha ferramenta de supervivencia. Aglutinar a nosa oferta baixo a idea central da identidade da Terra de Montes é o único camiño viable para frear a dispersión, unificar a promoción dos nosos valores patrimoniais e naturais, e xestionar os nosos recursos dun xeito coherente e conxunto.
A marca «Destino Terra de Montes» ofrécenos o espello doutras experiencias de éxito, como a Ribeira Sacra, que tamén soubo superar a barreira provincial para poñer en valor a súa identidade e patrimonio. Xa é hora de que as administracións escoiten a voz dun pobo que se resiste a ser diluído. A Terra de Montes non é un anaco sobrante de tres xeodestinos distintos; é un destino con maiúsculas, unha terra unida pola súa fala, polos seus canteiros, polo seu pasado e polo seu irrenunciable futuro.
- Giro del Supremo con los proyectos eólicos paralizados: el tribunal ya no garantiza el derecho a conectarse a la red
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos
- Tiran droga por la ventana del coche en una huida temeraria de 15 kilómetros en la A-52
- Proyecto inversor de Nueva Pescanova: negocia la compra del «Olupale» para Namibia y jubila al histórico «Mar del Cabo»
- Así será el futuro hotel balneario de As Caldas, con categoría 5 estrellas, vistas al Miño, servicios de salud termal, ocio y restauración
- El ex copropietario de Hiperxel Eusebio Novas, a prisión: «Se le deniega el beneficio de la suspensión por su peligrosidad criminal»
- La familia de una joven que sufrió un traumatismo craneoencefálico grave reclama al Sergas ampliar la rehabilitación
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»