Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura

A Residencia Méndez Méndez abre a derradeira fiestra

O espazo cultural de Pardesoa presenta este sábado 16 a súa programación para o verán, nunha xornada de portas abertas na que contarán coa particiación de artistas de calado como Wences Lamas e Nuria Figueiredo

A vivenda que alberga o proxecto da Residencia Méndez Méndez.

A vivenda que alberga o proxecto da Residencia Méndez Méndez. / Gael Carballo Seara.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Forcarei

En Pardesoa, unha pequena parroquia de Forcarei onde a paisaxe parece avanzar a outro ritmo, unha antiga casa autoconstruída volverá abrir as súas portas á creación contemporánea. A Residencia Méndez Méndez retomará este 16 de maio a súa actividade pública coa presentación da tempada 2026, unha programación que se desenvolverá ata outubro e que incluirá talleres, celebracións populares, residencias artísticas, presentacións literarias e mesmo un campionato de oratoria.

Mais a casa que acolle esta iniciativa non é unha casa calquera. Foi levantada coas súas propias mans polo xornaleiro José Méndez Méndez (1907-1989), coñecido por moitos como José Cambote, un home que chegou á parroquia arredor dos anos corenta sen practicamente nada e que acabou construíndo un fogar no que aínda hoxe latexan moitas das ideas que marcaron a súa vida: a colaboración, a comunidade e o aproveitamento compartido dos recursos. Ese espírito continúa presente agora nun proxecto impulsado por Camila Viéitez Nespereira, neta do fotógrafo Virxilio Viéitez, quen atopou na historia deste xornaleiro unha memoria que se resistía a desaparecer.

Placa inaugural.

Placa inaugural. / Tamara Delafuente

Así foi nacendo a Residencia Méndez Méndez, convertida co paso do tempo nunha residencia artística e nunha microinstitución cultural rural dende a que impulsar prácticas contemporáneas en diálogo co territorio social, ecolóxico e afectivo da Terra de Montes. Lonxe das dinámicas habituais dos espazos culturais urbanos, o proxecto procura establecer vínculos coa contorna e coa veciñanza, facendo da propia casa un punto de encontro entre persoas creadoras, investigadoras e comunidade local.

Tras os meses de inverno, a vivenda prepárase agora para recuperar o movemento. A xornada do vindeiro 16 de maio servirá non só para presentar publicamente as actividades previstas para os próximos meses, senón tamén para marcar simbolicamente a reapertura da casa. A programación comezará ás 13.00 horas cunha presentación da tempada 2026.

Ao longo do día desenvolveranse diferentes accións artísticas abertas ao público. O artista Wences Lamas presentará unha versión ao aire libre do seu Oráculo, unha proposta na que transforma as preguntas das persoas asistentes en pequenos rituais improvisados. Xa pola tarde, a artista Nuria Figueiredo coordinará a creación colectiva dun mural cerámico destinado a quedar instalado na residencia.

Con todo, unha das accións máis singulares da xornada será a chamada Cerimonia de Apertura da Derradeira Fiestra da Casa. O xesto nace do propio comportamento da vivenda durante os meses fríos, cando a humidade fai inchar a madeira de portas e ventás ata dificultar a súa apertura. Cando finalmente a última fiestra consegue abrirse, enténdese que a casa está preparada para volver ser habitada.

Asistentes á inauguración, o pasado verán.

Asistentes á inauguración, o pasado verán. / Rubén Domínguez.

A xornada incluirá tamén un xantar popular ao aire libre e a organización anima ás persoas asistentes a levar a súa propia comida, así como algún mantel ou asento portátil para comer sobre a herba. A participación será gratuíta e aberta ao público, recomendándose compartir vehículo e consultar previamente a información práctica de acceso nos perfís da propia Residencia Méndez Méndez.

Tracking Pixel Contents