Entrevista | Mondra Referente da nova música galega
«Diríalle ao eu de hai dez anos que é posible crear música no noso idioma e vivir disto»
Mondra volve á Estrada o sábado ás 22:00 horas co concerto principal da Festa do Salmón

Mondra está de xira con «A ronda», o seu segundo espectáculo. / FDV_Externas
Mondra chega á Estrada cunha proposta que mestura tradición e vangarda, raíz e gromo. Na súa música e no escenario conviven memoria oral, corpo e identidade, nun proxecto que entende a cultura galega como presente vivo e en transformación constante. Do compromiso, da responsabilidade, do relato e tamén da súa relación coa Estrada, marcada pola súa formación no baile tradicional e os seus primeiros pasos no escenario, falamos nesta entrevista nun momento no que o artista continúa a consolidarse como unha das voces máis singulares da nova escena galega.
Vostede ven de Teo e mantén unha conexión moi forte co rural. Como influíu medrar nunha aldea na súa maneira de entender a música e a creación?
Todo ese contexto inflúe completamente na miña forma de crear, de estar no escenario e de facer cancións. Penso moito nas historias que me contaba miña avoa da miña bisavoa, Carmen de Venturiña, que era unha gran tocadora de pandeireta e non tiña medo a subir a un escenario. Todo o legado da tradición oral e das cantareiras atravesa o meu traballo. Ademais, é o contexto no que medrei e a lingua primaria que aprendín durante toda a miña vida.
Como atopa o equilibrio entre tradición e modernidade?
É un diálogo constante e complicado entre elementos da tradición oral e outros que pertencen ao mundo contemporáneo. O importante para min é construír un relato presente da nosa tradición, non entendela como algo do pasado, senón como algo que tamén podemos habitar hoxe.
Hai quen pensa que a música tradicional galega se está modernizando demasiado e perdendo autenticidade. Que opina?
Pode que eu mesmo participe desa hipermodernización, pero creo que o importante non é simplemente mesturar electrónica con pandeiretas. O xenuíno é construír relatos cos que nos poidamos identificar hoxe, integrando influencias tradicionais e tamén outras que forman parte da nosa realidade actual.
Cre que Galicia vive unha nova idade de ouro cultural?
Si, non só na música, tamén no audiovisual e nas artes escénicas. Hai moitísimo talento e moitas cousas que dicir. Estamos nun momento moi doce culturalmente, aínda que sempre quede moito por facer.
En cancións como “Marimondra” ou “Quererse ben” hai unha mensaxe moi clara de liberdade e identidade. Sente responsabilidade por representar certas realidades dentro da música galega?
Si. Para min subir a un escenario é un acto responsable e honesto. Tamén pode ser unha forma de falar claro e defender causas de persoas que quizais non teñen ese altofalante.
Cre que un artista pode ser neutral politicamente?
Radicalmente non. Todo é política, e especialmente a cultura e a arte. Toda creación di cousas e toma posición.
Nos seus concertos hai canto, baile, performance, humor e tamén reivindicación. Que importancia ten para vostede o corpo enriba do escenario?
A música está no centro, pero o corpo, o movemento, a estética ou a forma de vestir tamén contan cousas e axudan a construír o relato. A posta en escena ten moitísimo peso no proxecto.
O sábado actúa na Estrada. Que pode esperar o público deste concerto?
“A ronda” é un traballo moi orgánico e arriscado, con música completamente en directo e cinco músicos sobre o escenario. Tamén hai unha dimensión moi importante de danza e posta en escena. Queremos que sexa un espectáculo tan divertido como emocionante.
Se puidese dicirlle algo ao Martín de hai dez anos, ao rapaz que empezaba coa pandeireta e o baile tradicional, que lle diría hoxe?
Diríalle que é posible crear cancións no noso idioma, traballar no noso país e dedicarse a isto. É un oficio moi artesán e esixe moitísimo traballo, pero é posible.
E se dentro de vinte anos alguén pensa en Mondra como unha figura importante da cultura galega, que lle gustaría que permanecese realmente de vostede? As cancións, a estética, a mensaxe…
Emocióname que a xente valore o relato e se sinta representada nas cancións e no espectáculo. Se ademais perciben honestidade e compromiso, para min iso xa sería un legado suficiente.
Cóntame, para rematar, cal é a súa relación coa Estrada? Saír de marcha, amizades, familia, a música…
Os meus recordos máis importantes están ligados ao concurso de baile tradicional de Tequexetéldere, ao que fun durante moitos anos como bailador, dende 2011 polo menos. Tamén aprendín música e baile tradicional no Centro Cultural A Ponte Vella, moi preto de aí. Recordo tamén ir ao Teatro Principal da Estrada e algunha actuación que fixemos polo concello.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- Se abre uno de los carriles de la AP-9 en Mos donde volcó un camión cisterna con 32.000 litros de gasóleo
- Más de 270.000 inmuebles gallegos deberán adaptarse a las exigencias de eficiencia energética de la UE
- La pesca de recreo sostiene ante el Supremo que el sistema de control español es «más gravoso» que el modelo de la UE
- Un hombre de 76 años fallece de un infarto mientras paseaba por el centro de Bueu
- El coro del colegio Cluny de Vigo emociona a Abraham Mateo con su versión de 'Lánzalo': «Se me metió algo en el ojo»
- 500 paraguas en 30 m²: seis décadas de los Rodríguez en Vigo
- El comercio del metal de Pontevedra planea cuatro días seguidos de huelga