Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte urbano

Ken Keirades e a Rapa soben polas paredes

O Concello da Estrada encarga dous murais para homenaxear ao célebre autor e á esta Festa de Interese Turístico Internacional, emblemas da localidade

Infografía da peza na honra a Manuel García Barros, Ken Keirades.

Infografía da peza na honra a Manuel García Barros, Ken Keirades. / Cedida

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

O Concello da Estrada promoverá a creación de dous murais de gran formato en espazos estratéxicos do casco urbano co propósito de render tributo a dous dos principais emblemas culturais do municipio: a Rapa das Bestas e o escritor Manuel García Barros (Ken Keirades). Así o desvelou este mércores o alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, quen explicou que ambas intervencións artísticas estarán asinadas polo grafiteiro, muralista e ilustrador Pablo Loyola e que buscarán contribuír á posta en valor do patrimonio local a través da arte urbana.

Neste sentido, o rexedor avanzou que o primeiro dos traballos comezará a executarse xa o vindeiro luns. A obra situarase nunha fachada da Rúa 56, nun punto próximo á Praza de Galicia e nunha das principais vías de acceso ao centro urbano da capital estradense. O mural estará dedicado á Rapa das Bestas, Festa de Interese Turístico Internacional e unha das tradicións máis representativas da identidade cultural e patrimonial da Estrada.

Como será o mural da Rúa 56, dedicado á Rapa das Bestas.

Así será será o mural da Rúa 56, dedicado á Rapa das Bestas. / Cedida

Segundo indicou Gonzalo Louzao, esta creación artística pretende converterse nunha homenaxe visual a unha celebración profundamente vencellada á historia colectiva do municipio. Ademais, o alcalde quixo dar as gracias pola colaboración da comunidade de propietarios do inmoble no que se executará a intervención. «Quero agradecerlle á comunidade de veciños, que nos cedera a fachada para facerlle esta homenaxe á nosa Rapa das Bestas. Será un mural a tamaño completo que representará aos cabalos no curro cun dos aloitadores», sinalou.

Por outra banda, o segundo mural realizarase nunha das fachadas laterais do Teatro Principal e estará dedicado ao escritor Manuel García Barros, coincidindo coa conmemoración do 150 aniversario do seu nacemento neste ano 2026. O alcalde destacou a relevancia desta figura literaria, natural da parroquia de Berres, e subliñou o simbolismo de situar a súa imaxe precisamente no espazo no que cada ano se entrega o galardón literario que leva o seu nome. «Este ilustre estradense da parroquia de Berres merecía estar representado no lugar no que, dende hai máis de tres décadas, se entrega o prestixioso galardón literario que leva o seu nome», afirmou.

Así mesmo, esta segunda creación incorporará tamén distintos elementos patrimoniais vencellados á historia local. Entre eles figurarán a igrexa de San Paio, o Pazo de Oca, a ponte medieval de Pontevea e o propio consistorio, reforzando o vínculo entre García Barros e algúns dos símbolos máis recoñecibles do municipio.

Finalmente, Gonzalo Louzao explicou que ambos proxectos contan coa implicación económica da Deputación de Pontevedra, a través do contrato con Turismo Rías Baixas. Con esta iniciativa, o Concello aposta pola arte urbana como ferramenta de dinamización cultural, mellora da paisaxe urbana e reivindicación de dous referentes esenciais da identidade estradense.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents