Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Luis Abelardo Miramontes Carballada Gañador do Concurso Internacional de Pesca do Salmón no río Ulla

"A sensación de pescar un salmón é espectacular, por algo é o rei do río"

O pescador de 60 anos, natural da Estrada, alzouse coa vitoria logo de 27 anos participando, grazas a dúas capturas, unha troita e un reo, que sumaron case 2,5 quilos

Luís, terceiro pola esquerda, xunto co resto de premiados no concurso de pesca

Luís, terceiro pola esquerda, xunto co resto de premiados no concurso de pesca / FDV_Externas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
A Estrada

Luis Abelardo Miramontes Carballada é natural da Estrada, ten 60 anos e agora mesmo vive en Pereiro de Aguiar. Esta fin de semana proclamouse vencedor do 50º Concurso Internacional de Pesca do Salmón no río Ulla con dúas capturas que case chegan ós 2,5 quilos. Leva pescando dende neno tanto troitas, reos como salmóns. Nesta entrevista analiza a situación crítica da especie nos ríos galegos, a falta de medidas de conservación e a importancia social e ambiental da pesca tradicional.

Canto tempo leva dedicándose á pesca?

Pois desde rapaz, desde neno. Primeiro empezas coas troitas, despois pasas ao reo e ao final acabas no salmón. É o camiño lóxico de moitos pescadores. Pesquei no Ulla e no resto de ríos salmoneiros galegos, en Asturias e tamén en Islandia.

Vai moito a Islandia?

Si, porque hoxe en día é dos poucos sitios onde aínda podes garantir boa pesca e gozar de verdade. O último salmón en Galicia foi hai tres anos, no río Eo. O ano pasado en Islandia, en tres días, saquei 20.

Que diferenza hai aquí con Islandia, por exemplo?

Alí existe un modelo de xestión e conservación moito máis serio. Aquí as centrais hidroeléctricas e a falta de medidas están prexudicando moitísimo os ríos salmoneiros.

E este ano gañou por primeira vez o Concurso de Pesca do Salmón do río Ulla?

Si. Levo participando 26 ou 27 anos e nunca gañara ata agora. Lembro que en 2011 si pescara un salmón durante o concurso, pero nunca conseguira levar a vitoria.

Como viveu a fin de semana?

Como todos os anos: reencontrándome con amigos e compañeiros de pesca. Ao final o concurso é case unha escusa para xuntarnos, falar e gozar da afección. Eu nunca vou con mentalidade competitiva. O importante é pasar unha boa fin de semana e desfrutar do río.

Ou sexa, que ten moito de encontro social.

Dende logo. Hai compañeiros aos que practicamente só ves neste tipo de concursos. Despois de tantos anos créase un ambiente moi especial.

Que capturou para gañar?

Collín unha troita de case 600 gramos e un reo duns 1.800 gramos. Houbo xente que pescou máis pezas, pero aquí contaba o peso total e iso foi o que me deu a vitoria.

E as pezas levounas para a casa?

Si, claro. Comerémolas en familia ou con amigos.

Din que comer salmón de río é unha experiencia única.

Como é comer porco da casa e comer un industrial. E tamén o é pescalo. A sensación non ten nada que ver con unha troita ou un reo. Ó salmón chámanlle o rei do río por algo. Ten moita potencia, loita... é algo espectácular.

A situación do salmón parece cada vez máis complicada.

Si, leva anos en declive. O salmón nace no río, baixa ao mar, pasa alí varios anos e logo volve para desovar. Durante todo ese ciclo enfróntase a moitísimos problemas. Ademais, Galicia xa está nunha zona límite polo aumento da temperatura da auga. O cambio climático está afectando moitísimo.

Cre que se está facendo o suficiente para protexelo?

Non. Hai factores que non podemos controlar, como as temperaturas ou a sobrepesca no Atlántico Norte, pero hai outros nos que si se podería actuar e non se fai. Hai décadas houbo vertidos que arrasaron coa fauna do Ullar e aínda así conseguiuse recuperar algo de poboación. Pero fan falta medidas reais e diñeiro.

Entón, a veda non é suficiente?

Non abonda con prohibir a pesca. O salmón leva anos en perigo de extinción e agora practicamente está desaparecendo. A veda debería ir acompañada de actuacións de conservación. Por exemplo, o corvo mariño converteuse nun problema enorme en moitos ríos galegos e asturianos. Cada ave consume moitísimos peixes e alevíns de salmón e troita. Coincidiu cunha caída moi forte das poboacións e non se toman medidas.

Supoño que a súa opinión é compartida por moitos pescadores?

Os pescadores somos os primeiros interesados en coidar os ríos e os peixes. Sempre houbo pescadores e sempre houbo peixes. O problema chegou coa falta de conservación e de xestión. Se non se toman medidas drásticas, recuperar o salmón vai ser moi difícil.

É optimista co futuro?

A verdade é que non. Son bastante pesimista porque non vexo interese real en solucionar o problema. O ano pasado, por exemplo, o río Ulla levou un caudal desmesurado polas obras da presa de Portodemouros e iso afecta moitísimo ao ecosistema.

Volverá capturar un salmón en Galicia?

Sinceramente creo que dentro de pouco, se queres pescar salmón, terás que marchar fóra de España.

Tracking Pixel Contents