Memoria histórica: a violencia tralo golpe de 1936
Nomes e Voces rexistra 504 vítimas da represión ligadas a Deza e Tabeirós
Prisión, procesos xudiciais, sancións, execucións, paseos e desaparicións compoñen o mapa local da violencia golpista e da represión posterior | A maioría son homes: 475 fronte a 29 mulleres

Presos no Fuerte de San Cristóbal, no monte Ezkaba (Navarra), en 1938. / FDV

A base de datos do proxecto Nomes e Voces permite poñer nome, apelidos, oficio, lugar e traxectoria a 504 persoas vencelladas ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes que sufriron distintas formas de represión a partir do golpe de 1936, durante a Guerra Civil e nos primeiros anos da ditadura. A cifra toma como referencia as persoas nacidas ou aveciñadas nos concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces, A Estrada, Forcarei e Cerdedo.
A consulta non se limita ás vítimas mortais. O seu valor está tamén en facer visible un abano amplo de persecucións, que vai desde as execucións e os paseos ata as prisións, os procesos militares, as detencións, as sancións administrativas, a depuración profesional, o exilio, as desaparicións ou as mortes en prisión. A propia web de Nomes e Voces presenta a base como unha ferramenta para estudar a violencia iniciada co golpe de estado, a guerra e os inicios da ditadura, e permite a descarga para a súa consulta e investigación.

Acto de memoria histórica organizado por Vagalumes en A Estrada en 2012. / Bernabé/Luismy
A extracción comarcal ofrece 517 vinculacións municipais, xa que algunhas persoas aparecen relacionadas con máis dun concello por nacemento e veciñanza, aínda que os rexistros únicos son 504. Por territorio, A Estrada é o concello con máis referencias, con 174. Séguenlle Cerdedo, con 98, Lalín (78), Silleda (67) Forcarei (46), Vila de Cruces (32), Rodeiro (15), Agolada (5) e Dozón (2).
O tipo de represión máis repetido é a prisión, con 165 rexistros únicos. A continuación aparecen os procesos (95), as sancións (78), outras tipoloxías represivas (42), as execucións (36), as detencións (29), as desaparicións (20), os paseos (19), as execucións fóra de Galicia (11), outras mortes (7) e os casos relacionados con campos de exterminio (2).

Jornada de memoria histórica con ofrendas florales en Pedre en 2023. / Bernabé/Antón Fondevila
A maioría das persoas rexistradas son homes, 475, fronte a 29 mulleres. A diferenza tamén fala dos límites da documentación dispoñible e da menor visibilidade dalgunhas formas de represión padecidas polas mulleres, moitas veces vinculadas a sancións, prisións, depuracións ou castigos sociais e económicos. Por profesións, os rexistros debuxan un mapa social moi recoñecible. Hai 95 mestres e mestras, 56 labregos ou labregas, 51 canteiros, 27 carpinteiros, xornaleiros, funcionarios municipais, xastres, comerciantes, industriais, zapateiros, mecánicos, albaneis, peóns e outros oficios. En 110 casos, a profesión aparece como descoñecida.
O peso do ensino é unha das constantes. A represión contra docentes aparece en case todos os concellos, a través de expedientes de depuración, suspensións de emprego e soldo, separacións do servizo ou prisións. Ese rastro documental percorre nomes como os dos mestres José Cortés Fernández, vinculado á Estrada e executado en Pontevedra en 1936; Víctor Fráiz Villanueva, relacionado con Silleda e executado en Vigo en 1937; Manuel Guillán Abalo, de Moneixas (Lalín), do que a morte aparece vinculada a «disparos» e á aparición do cadáver na Estrada; ou Manuel Pedreira Pazos, de Meavía (Forcarei), suspendido de emprego e soldo e, logo, paseado.
Máis de 14.000 fichas persoais e unha ferramenta aberta para investigar
Nomes e Voces foi un proxecto de investigación impulsado arredor do Ano da Memoria, en 2006, co obxectivo de estudar a violencia derivada do golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a posguerra e os comezos da ditadura franquista en Galicia. O traballo articulouse arredor de tres grandes liñas de actuación, entre elas a creación dun fondo de memoria oral, a elaboración dunha relación nominal de vítimas e a determinación dunha cartografía da represión.

Vista aérea del fuerte de San Cristóbal, que cubre la cima del monte Ezkaba. / FDV
Reúne máis de 14.000 fichas individuais de vítimas da violencia do golpe e da Guerra en Galicia, ademais dunha cartografía da violencia, informes, materiais e recursos de investigación. O marco principal da investigación é o período 1936-1939, aínda que incorpora tamén datos de vítimas de anos posteriores recompilados no proceso.
O proxecto está pechado como tal, mais a maioría dos seus resultados seguen vixentes. Del saíron ferramentas clave para investigar a violencia neses anos, mais tamén a resistencia. O portal dixital sinala que Nomes e Voces conserva hoxe esa utilidade e que determinados aspectos teñen continuidade en novos proxectos e investigacións.
Ese traballo previo fixo posible que nos últimos anos saísen á luz numerosas investigacións, publicacións, materiais e actuacións relacionadas coa memoria democrática. O equipo de Histagra (Historia Agraria e Política do Mundo Rural), da Universidade de Santiago de Compostela, continúa a actualizar contidos, manter o contacto coa cidadanía e recompilar información, mais tamén advirte da necesidade real de recursos e medios para atender as demandas sociais arredor do coñecemento do pasado violento máis recente. A renovación da web subliñou, precisamente, a continuidade dese labor e a vixencia dos resultados acadados.
A extracción permite mirar concello a concello, mais tamén parroquia a parroquia e oficio a oficio. Detrás de cada rexistro hai unha vida interrompida, castigada ou marcada pola represión. Hai mestres separados das aulas, labregos enviados á cadea, canteiros procesados, funcionarios municipais executados, mulleres sancionadas, veciños desaparecidos, presos de San Simón e vítimas mortas lonxe da casa, como as relacionadas co Fuerte de San Cristóbal ou cos campos nazis.
A información non esgota a investigación posible, pero facilita un punto de partida sólido para continuala procura en arquivos familiares, fotografías, rexistros municipais, causas militares, expedientes de depuración, testemuños orais e documentación conservada polas familias. A propia natureza de Nomes e Voces convida a esa continuidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- La Diputación puede verse obligada a devolver la Pousada da Lanzada y su centro vacacional
- Una enfermera vuelca en Vilagarcía tras quedarse dormida al volante
- Un abogado irá a juicio en Vigo acusado de masturbarse ante una clienta por videoconferencia
- Un banco pagará 6.000 euros en costas por no devolver 104 euros a una clienta de Vigo
- El Ministerio de Cultura reabre la investigación sobre la «casa barroca» de Combarro tras un vuelco documental
- Un vigués logra que la Justicia le reconozca ser dueño de una finca tras 30 años de conflicto con los comuneros de Cabral