Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Onde dorme o tempo (I)

Mámoas, portelas e horizontes: a Estrada neolítica

A revisión integral do catálogo arqueolóxico confirma no concello un corpus megalítico amplo e internamente articulado formado por 121 elementos de adscrición neolítica

Túmulos dos Seixos Brancos / A Lagoa (Nigoi). | G,C,

Túmulos dos Seixos Brancos / A Lagoa (Nigoi). | G,C,

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Gonzalo Constenla

A Estrada

Debaixo do mato, entre pistas forestais, portelas, recháns e cumes suaves, persiste na Estrada unha das camadas máis antigas da súa historia. O catálogo non restitúe unha dispersión casual de achados nin un repertorio de vestixios sen ligazón. Restitúe, antes, unha trama: a disposición reiterada de túmulos, pequenos agrupamentos e necrópoles que, a pesar das perdas e mutilacións padecidas, conserva unha apreciábel coherencia territorial.

Estamos perante unha paisaxe funeraria de longa duración, anterior aos castros, á arquitectura antiga e medieval e á propia organización rural herdeira do reino suevo-galaico. As mámoas catalogadas non son vestixios isolados nin curiosidades locais. Forman un conxunto de fondo, espallado por serras, lombas e puntos de pasaxe, que permite ler o concello como parte dun espazo megalítico máis amplo, común á Galiza atlántica e ao norte de Portugal.

O que segue é unha lectura de conxunto, atenta ás súas recorrencias, singularidades e á sociedade que as tornou posíbeis. Cumpre reiterar que a paisaxe megalítica estradense non é unha suma de achados esparexidos, mais si unha trama coherente de monumentos funerarios neolíticos que aínda conservan unha lóxica de conxunto.

A característica máis visíbel dese conxunto é a convivencia de dous ritmos territoriais. No sur, en freguesías como Ouzande, A Somoza, Tabeirós, Nigoi, Codeseda ou Sabucedo, aparecen necrópoles ou agrupamentos máis densos, implantados en corredores de altitude, con vínculos visuais moi marcados e forte relación coas vías naturais de tránsito. No norte e nordés, polo contrario, o tecido tumular revélase máis capilar, onde pequenas series, monumentos isolados ou grupos de menos elementos se espallan por Matalobos, Moreira, Orazo, Rubín, Aguións, Olives, Vinseiro ou Pardemarín. Non hai contradición entre ambos os modelos. Son dúas expresións da mesma cultura funeraria, adaptadas a unha xeografía diversa.

Mámoas da Rega da Cruz (Vinseiro). | G,C,

Mámoas da Rega da Cruz (Vinseiro). | G,C,

O grande eixo meridional de Nigoi é o que mellor explica a escala do fenómeno. Monte do Medio constitúe unha necrópole tumular que chegou a estar formada por doce mámoas, estendida de norte a sur, hoxe moi reducida polos efectos da concentración parcelaria. Moi perto, o grupo dos Seixos Brancos, Lagoa e Espiñeira ofrece outro trazo decisivo do megalitismo estradense, a relación visual entre os monumentos. O catálogo subliña repetidamente como uns túmulos ven os outros, como se distribúen sobre a dorsal e como o chamado Parapeto domina visualmente tanto a necrópole próxima como o túmulo do Coto de Arca. Esa disposición confirma que a paisaxe non era un fondo neutro, mais unha parte activa do monumento.

Nalgúns casos, a arquitectura interna aínda comparece. Nos Seixos Brancos identifícanse restos da anta; na Lagoa e no Parapeto apréciase a coiraza; noutros elementos as violacións centrais, os rebaixamentos ou os cortes de pista deixan entrever a masa tumular e as súas pedras de revestimento. A mesma lóxica material aparece noutros puntos: no Monte Molido, en Moreira, onde a abertura dunha pista forestal cortou dúas mámoas e deixou ver a masa de arxila e os cuarzos da coiraza; no Boi Morto, en Olives, onde aparece unha estrutura lítica de revestimento e un monumento de dimensións excepcionais; ou nas Penas Abeleiras, tamén en Olives, onde as pedras de granito da superficie e a ampla panorámica cara ao norte devolven a ligazón entre arquitectura e lugar.

Mámoas do Boi Morto (Olives). | G,C,

Mámoas do Boi Morto (Olives). | G,C,

A riqueza estradense percíbese tamén no abano de tamaños. Hai mámoas pequenas e baixas, pouco destacadas, como as de certos sectores de Campo das Tombas (Matalobos), Monte dos Escurros (Orazo) ou A Cerrada do Chan (Ouzande). Mais hai tamén monumentos grandes e moi grandes, como algúns dos Seixos Brancos, que chegan a atinxir 25 metros de eixo e 2 metros de altura.; Boi Morto II elévase até 40-50 metros de diámetro aproximado e 3 metros de altura. Esta variedade encaixa co que se coñece do megalitismo galego-portugués, onde a monumentalidade non depende dunha única fórmula, mais da combinación entre volume tumular, posición topográfica e visibilidade.

Nese sentido, a Estrada insírese sen dificultade no grande horizonte megalítico do occidente peninsular. Partilla co norte de Portugal e coa fachada atlántica galega a preferencia pola mámoa como forma funeraria dominante, a frecuencia das necrópoles en liñas de tránsito e o uso de elementos pétreos internos —antas, chantas, coirazas— hoxe conservados de maneira desigual. O específico estradense está na súa posición de bisagra, entre vales medios, serras e corredoiras interiores, o que multiplica as ligazóns entre grupos.

Na AGS apareceu o Túmulo das Xestas. | G,C,

Na AGS apareceu o Túmulo das Xestas. | G,C,

Iso obriga tamén a pensar nos pobos que habitaran a fachada atlántica durante o Neolítico final e a Prehistoria recente. Non falamos aínda das comunidades castrexas históricas, mais de sociedades labregas e pastorís que xa cultivaban, explotaban o monte, transitaban polas divisorias e fixaban memoria no territorio por medio dos enterramentos. As mámoas son o seu vestixio máis duradoiro. Erguéronse onde o monte permitía ver, pasar, lembrar e delimitar.

Outra característica forte do corpus estradense é a súa condición «fronteiriza». Campo das Tombas non se entende ben sen Arcos-Cuntis; Monte dos Escurros abre para Cervaña e para a zona de Silleda; Boi Morto prolóngase para Forcarei; e a propia Espiñeira de Sabucedo forma parte dunha unidade fisiográfica partillada con Cerdedo. Isto quer dicir que o megalitismo da Estrada non debe ser lido como un sistema encerrado nun termo municipal moderno. É unha porción dun espazo máis amplo, onde as serras e as portelas actuaban como corredores de continuidade cultural.

Mais hai tamén unha dimensión máis amarga. O catálogo é, en boa medida, un rexistro da destrución. Mámoas seccionadas por estradas, cortadas por pistas, rebaixadas por gabias, desaparecidas baixo naves, areeiras ou explanadas parcelarias. Porén, esa constante non invalida a lectura de conxunto; polo contrario, tórnaa máis necesaria. Porque, mesmo mutilada, a rede segue a ser lexíbel. E o que deixa ler é un territorio profundamente marcado por unha cultura funeraria de longa duración, construída con terra, pedra, altitude e memoria. É, nese sentido, unha escrita de terra sobre a montaña, non un accidente do solo nin un simple feixe de formas, que reclama atención menos distraída e coidado máis digno da súa antigüidade.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents