Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A gratuidade no lombo delas

A gratuidade no lombo delas

A gratuidade no lombo delas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Ariadna Fernández

As vivencias das familias que levan por vez primeira a súa crianza a unha escola infantíl non dan lugar á indiferencia. Unha nai ou un pai que deixa ao seu bebé para volver ao traballo, e marcha coa preocupación polo seu benestar, o medo a unha adaptación dura na que non podes arrolalo e acalentalo ti mesmo, ou a culpabilidade de non poder atendelo na casa. Non hai nada que intranquilice máis que os choros dunha crianza, unha alerta dentro da cabeza á que tes que acudir si ou si... pero, e cando non estás?

Quen lle acode aos nenos e nenas cando non están as familias? Elas, mulleres maioritariamente, que se erguen cada día para coidar e ensinar aos nosos fillos e fillas e que sosteñen a gratuidade do sistema sobre os seus lombos, con moitos deberes pero unha escaseza de dereitos que levou ao colectivo a parar, a deterse, e a berrar esta pasada semana.

Mestras, licenciadas en pedagoxía, psicopedagoxía ou técnicos superiores en educación infantíl, que traballan en condicións de absoluta precariedade, sen que ninguén pense no que lles debemos, no que fan sen ter por qué e no que lle aportan a sociedade no seu conxunto e lle ensinan ás nosas crianzas. Porque, malia que o goberno se empeñe en tratar este servizo coma se fose unicamente asistencial, a realidade é que non se trata diso. Non se precisa unha titulación de mestra para durmir un bebé, para darlle de comer ou para enredalo mentres está na escola infantil. Precísase porque dentro dunha escola 0-3 trabállanse aspectos coma a atención, a autonomía persoal, as ferramentas para a aprendizaxe futura ou as habilidades sociais, sendo unha medida que xa reduce as desigualdades nos primeiros anos de vida. Un servizo educativo.

Todo iso fano persoas con moita vocación e pouca valorización social, persoas que traballan día a día coas nosas crianzas con soldos que en moitos casos non chegan ao salario mínimo interprofesional, rateos de adultos por crianza que non son asumibles e ao abeiro dun decreto que regula estes centros con máis de 20 anos de idade, obsoleto e que non garante nin o benestar das crianzas, nin a atención á diversidade destas e menos aínda, unhas condicións de traballo dignas.

É así como están os colos que collen aos nosos fillos e fillas.

A gratuidade non pode sosterse coa precariedade de miles de mulleres que acalentan, arrolan e ensinan, porque, pensemos, que pasaría se parasen? n

Tracking Pixel Contents