Memoria histórica: a violencia tralo golpe de 1936
A Estrada concentra o maior número de víctimas da represión derivada da Guerra Civil, con 174
En Cerdedo están documentados 98 casos, 78 en Lalín, 67 en Silleda, 46 en Forcarei, 32 en Vila de Cruces, 15 en Rodeiro, 5 en Agolada e 2 en Dozón. A base de datos expón nomes, oficios e traxectorias de quen padeceron a violencia franquista, incluindo execucións, prisións e desaparicións

Reposición dunha placa en memoria de Secundino Bugallo e Francisco Arca en Pedre. / Bernabé / Cris M.V.

Nomes e Voces foi un proxecto de investigación impulsado arredor do Ano da Memoria, en 2006, co obxectivo de estudar a violencia derivada do golpe de Estado de 1936, a Guerra Civil, a posguerra e os comezos da ditadura franquista en Galicia. A súa base de datos, que dispón de buscador, permite poñer nome, apelidos, oficio, lugar e traxectoria a 504 persoas vencelladas ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes que sufriron distintas formas de represión a partir do golpe de 1936, durante a Guerra Civil e nos primeiros anos da ditadura. A cifra toma como referencia as persoas nacidas ou aveciñadas nos concellos de Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda, Vila de Cruces, A Estrada, Forcarei e Cerdedo.
A Estrada
Na Estrada, que concentra a maior cifra de referencias, aparece unha grande diversidade de casos. Figuran, entre outros, Juan Antonio José Barros Manteiga, peón de Ordoeste executado en Compostela en 1937; José Gabriel Cespón Pazos, zapateiro de Ouzande executado en Pontevedra en 1936; Ramón Fernández Rico, ebanista da Estrada executado na Xunqueira; Manuel Graciano Araujo, caixeiro do Foxo, en Rubín; José María Generoso Gómez Rivas e Manuel Puente Porto, labregos de Oca; Manuel Puente Iglesias, funcionario; Jesús Ignacio Puente Fontanes, xastre; José Rico Gaitero, peón de Arnois; ou Cándido Tafalla Frois, industrial. A relación inclúe tamén mulleres represaliadas, como Berta Carracedo Ruzo, Isaura Pazos Campos ou Manuela Lois García, vinculadas a procesos, prisión ou sancións.

Placa dedicada ás corporacións municipais dezás represaliadas na Federación de Sociedades Gallegas en Buenos Aires (Argentina). / Manuel Igrexas
Lalín
En Lalín, os rexistros amosan un forte peso da prisión e dos procesos, pero tamén mortes e desaparicións. Entre os nomes figuran José Crespo Torres, funcionario municipal de Bendoiro executado en 1936; José Donsión Muiños, canteiro de Donsión executado en Pontevedra en 1937; Manuel Ferreiro Panadeiro, secretario do Concello; e Arturo Pérez Lázara, veciño de Silleda que rexentaba unha reloxería en Lalín. A base inclúe casos como os de Benito Fernández Balboa, mecánico morto por disparos nun traslado despois de recibir sentenza de cadea perpetua; Jesús Froiz Gómez, xornalista de Lalín; Luis Frade Pazos e José Montouto Rodríguez, labregos de Donsión; Eliseo Garra Lalín e Ramiro Granja González, funcionarios municipais de Donramiro e Donsión; ou Luis Varela Sobrado, canteiro de Botos.

Colocación de placa na memoria de Arturo Pérez Lázara en Silleda. / Bernabé / Javier Lalín
Silleda
En Silleda, a base reúne casos de execución, prisión, sanción e paseo. Entre os nomes aparecen Emilio Deogracias Alonso Paz, alcalde e industrial de Siador executado en Pontevedra; Constantino Conde Penido, canteiro; Antonio Vázquez García, labrego; Víctor José Bugallo, zapateiro; Luis Muíños Lorenzo, do Castro; Antonio Costoyas Ares, concelleiro e carpinteiro de Negreiros morto na fuga do Fuerte de San Cristóbal (Navarra); e José María Penas Taboada, tamén carpinteiro, da Bandeira. No ámbito da depuración docente figuran Higinia Fráiz Villanueva, Elisa García Harguindey, Ifigenia Novás Solla, María del Pilar Varela Vázquez ou María Andrea Valladares Carballo.
Vila de Cruces
En Vila de Cruces constan Eduardo Brea Cajide, labrego; Antonio Gómez López, empregado; Primo López Rivadulla, funcionario; e Manuel Sarmiento Debén, xastre, todos eles executados en Pontevedra en xaneiro de 1937. Tamén aparecen Manuel Cea Asorey, morto na fuga de San Cristóbal; os irmáns Enrique, Luis –presos en San Cristóbal, un abatido na fuga e outro morto de enfermidade– e Manuel Villar Cimadevila, residente no Pino (Vigo), paseado en Vincios (Gondomar); os tamén irmáns Ramón Cajide Rodríguez, labrego, e Ramón, mineiro, de Sabrexo; Ramón Asorey López, xornaleiro; ou Manuel Carballal Pena, taberneiro.
Rodeiro
En Rodeiro, a base deixa igualmente unha mostra da diversidade represiva. Benjamín García Diéguez, labrego de Barbeitos (Negrelos) foi executado en Vigo en 1940 tras ser xulgado por rebelión militar. Tamén figuran Victoriano Areán Diéguez, labrego de Vilafrío; Aurelio Calvo Presas, canteiro; Constantino Fernández Diéguez, labrego de Vilares (Guillar); Claudina Rodríguez Fernández, veciña de Camba; Ricardo Fernández Faílde, de Pedroso; Bautista Janeiro Jorge, labrego de Couso (Asperelo); e docentes sancionados, como Celso Diéguez Palmaz, Gonzalo García Guiance, José González Fidalgo, Julio Lois Meijomil, Manuel Montes Hidalgo ou María de los Ángeles Pérez.
Agolada e Dozón
En Agolada figuran cinco nomes. O caso con morte consignada é o de Manuel Noya Gómez, labrego xulgado en Pontevedra por auxilio á rebelión e morto na cadea en 1938 por enfermidade. O resto de rexistros están vencellados á depuración docente: Manuel Civeira Eiriz, mestre de Vilariño; Matías Fernández Fernández, de Esperante; María de los Milagros Gómez, de Bais; e José Sieiro Fernández, de Eidián.
En Dozón, os dous nomes localizados son Gumersindo Crespo González, labrego condenado a prisión, e Jesús Rodríguez Calvo, de Nogueira, procesado por tenencia ilícita de armas.

Campo das Laudas de Cerdedo, dedicado á memoria histórica. / Cedida
De Cerdedo a Mauthausen
En Cerdedo, os 98 rexistros fan visible unha represión especialmente complexa, con execucións, desaparicións, paseos, procesos, prisións, sancións, deportacións e mortes fóra de Galicia. Figuran Francisco Arca Valiñas, morto en Pedre xunto con Secundino Bugallo Iglesias; José Torres Paz, funcionario municipal de Cerdedo; Juan Cachafeiro Campos, asasinado en Campo Lameiro; José Cortizo González, morto en Alba (Pontevedra); Benjamín Troitiño Beiro, xornaleiro de Liñares; Francisco Varela Garrido, comerciante de Cerdedo; Herminio Gaiteiro Nogueira, canteiro executado en Xixón; ou Ramiro Lois Ventín, executado na Canteira do Suspiro, no Padornelo (Lubián). Tamén aparecen José Paz Cachafeiro, fusilado en Oviedo; Perfecto Ventín Barreiro e Erundino, Manuel e Olegario Ventín Rivas, obreiros do ferrocarril executados fóra de Galicia; así como Martín Ferreiro Álvarez, contratista de obras deportado a Mauthausen e morto en 1941.
Forcarei
En Forcarei, os 46 rexistros inclúen unha presenza relevante de desaparicións. A base recolle os nomes de José Balado Gil, albanel dado por paseado no Porto do Acevo (A Fonsagrada); Manuel Bugallo Lois, canteiro e miliciano do exército republicano; Manuel Rivas Rey, canteiro; Jesús González, de Soutelo de Montes; José María Taberneiro Fraiz, comerciante de Vilapouca; Manuel Pedreira Pazos, mestre de Meavía; Marcelino Pampín García, xornaleiro de Serantes; ou Camilo Varela Varela, electricista xulgado en Asturias e condenado a pena de morte. Tamén constan Manuel Canabal, canteiro de Soutelo de Montes desaparecido en Madrid tras a Guerra; César Cendón Barros e Manuel Cendón Pernas, relacionados con desaparicións en Zaragoza; ou Avelino Bértolo Candeira e José Bértolo Candeira, canteiros de Alfonsín (Presqueiras).
A cronoloxía das mortes documentadas confirma a concentración da violencia nos anos inmediatamente posteriores ao golpe. Nos rexistros filtrados hai 85 persoas con data de morte consignada. Delas, 41 morreron en 1936, 29 en 1937, 12 en 1938, dúas en 1940 e unha en 1941. Se se toman como referencia as categorías represivas de carácter mortal, a cifra ascende a 95 rexistros únicos, porque non todos os casos teñen unha data completa de falecemento na base.
A lectura conxunta permite comprobar que a represión non tivo unha soa forma nin un só escenario. Houbo consellos de guerra e condenas a morte, pero tamén prisións prolongadas, traslados nos que os detidos apareceron mortos, falecementos en cadea, depuracións do maxisterio, sancións económicas e profesionais, agochamentos, fuxidas, exilio, deportacións e desaparicións. Nesa variedade está unha das claves da base de Nomes e Voces, que permite reconstruír o impacto local da violencia máis alá das cifras xerais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Las playas de Vigo empiezan a vaciarse
- Diez carreras gallegas exigen más de un 12 para entrar en la universidad
- La Diputación puede verse obligada a devolver la Pousada da Lanzada y su centro vacacional
- Una enfermera vuelca en Vilagarcía tras quedarse dormida al volante
- Un abogado irá a juicio en Vigo acusado de masturbarse ante una clienta por videoconferencia
- Un banco pagará 6.000 euros en costas por no devolver 104 euros a una clienta de Vigo
- El Ministerio de Cultura reabre la investigación sobre la «casa barroca» de Combarro tras un vuelco documental
- Un vigués logra que la Justicia le reconozca ser dueño de una finca tras 30 años de conflicto con los comuneros de Cabral