Proxecto educativo
Radio Colmeiro: o proxecto educativo que saca a lingua á rúa en Silleda para homenaxear a Begoña Caamaño
A celebración das Letras Galegas concíbese como un proxecto transversal que promove o uso do galego en espazos comúns. As artistas Paulinha e Xiana Lastra enriquecerán o evento do 15 de maio, no que tamén participará Radio Garabullo

Bernabé / Javier Lalín

O IES Pintor Colmeiro, de Silleda, prepara para o 15 de maio unha celebración das Letras Galegas que quere ir máis alá dun acto escolar convencional. Baixo o título Diario Cultural Colmeiro na onda de Begoña Caamaño, o centro converterá o auditorio da Feira Internacional de Galicia nun grande estudio de radio en directo para render homenaxe á escritora e xornalista cultural Begoña Caamaño, autora recoñecida este ano no Día das Letras Galegas.
A cita será aberta ao público e terá lugar nun espazo con capacidade para arredor de 700 persoas, máis do dobre da propia comunidade educativa do centro, que se sitúa ao redor das 300 persoas. Esa dimensión pública encaixa coa filosofía do proxecto: facer que o galego saia da aula, ocupe espazos comúns e se converta nunha lingua viva, compartida e asociada á creación.
Segundo explica a profesora Edith Pazó, unha das coordinadoras, a idea é «facer unha gran celebración das Letras Galegas» que funcione como «un proxecto transversal para todo o centro» e que permita traballar durante semanas, e mesmo ao longo de todo o curso nalgúns niveis, a dinamización da lingua galega desde a oralidade, a creatividade e o traballo colectivo. O obxectivo final é chegar ao 15 de maio cunha celebración común na que o alumnado sexa protagonista dun programa radiofónico en vivo.
A homenaxe a Begoña Caamaño non se limita á súa faceta literaria. O proxecto pon tamén o acento na súa dimensión de xornalista cultural, o que levou o profesorado a concibir o acto como un diario cultural propio do Colmeiro. O programa incluirá radioteatro, noticias, entrevistas, concursos, música en directo, efectos sonoros e ambientación propia do medio radiofónico. A radio convértese así nunha ferramenta para aprender, mais tamén nun escenario no que o alumnado debe organizar, comunicar, improvisar, escoitar e traballar en equipo.

Os participantes na sesión radiofónica deste venres. / Bernabé / Javier Lalín
Patrocinios de empresas
Un dos eixos centrais será o traballo desenvolvido polo alumnado de terceiro da ESO, que asumiu boa parte do peso do proxecto. Entre outras tarefas, un grupo do programa PDC encargouse de buscar patrocinio para o concurso sobre música e literatura galega, logrando a colaboración de varias empresas de Silleda que achegarán pequenos premios. A experiencia permitiu traballar non só contidos lingüísticos, senón tamén a iniciativa persoal, a planificación e a cooperación.
Mais a proposta abrangue moito máis ca un só curso. Alumnado de primeiro de Bacharelato participou na creación de elementos decorativos, como un photocall cunha imaxe de Begoña Caamaño; estudantes de cuarto da ESO colaboraron desde Plástica nos decorados; desde Tecnoloxía elaboráronse imaxes e pezas visuais; e outros grupos deseñaron convites, cartelería ou encargáronse de tarefas de produción, protocolo e acollida. O propio alumnado creou tamén o logotipo de Radio Colmeiro.
Ese reparto de funcións é unha das claves do proxecto. Como sinala Edith Pazó, non se trata só de realizar tarefas académicas ligadas a unha materia, senón de entender «que tipo de profesións» e traballos son necesarios para sacar adiante unha iniciativa real. Hai quen fala diante do micro, quen deseña, quen organiza, quen acomoda, quen prepara materiais ou quen resolve necesidades técnicas. Dese xeito, tamén o alumnado que non destaca necesariamente pola oratoria pode atopar un lugar no proxecto e sentirse parte dunha creación común.
Os máis pequenos participarán especialmente a través do radioteatro. Entre as pezas previstas figura unha proposta conmemorativa do 150º aniversario da primeira publicación dun xornal integramente en galego, O Tío Marcos da Portela, conectando así a radio escolar coa historia dos medios en lingua galega.
Paulinha e Xiana Lastra
A música terá tamén un papel destacado. O centro contará coa presenza de Paulinha e Xiana Lastra, vocalista da Banda da Loba, dúas artistas que cantan en galego e manteñen un forte compromiso coa difusión da literatura galega a través da música. O alumnado entrevistaraas durante o programa e está previsto que ambas ofrezan tamén un agasallo musical.
Á celebración do día 15 sumarase Radio Garabullo, do CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, cunha peza centrada en Begoña Caamaño e a Intelixencia Artificial. A presenza deste proxecto convidado reforza o carácter aberto e comunitario da iniciativa, conectando etapas educativas e centros distintos arredor da lingua, da radio e da creación.
Para que o acto funcione como unha verdadeira emisión en directo, a dimensión sonora está a ser coidada con especial atención. O profesor de Música, Javier María López, traballa desde hai meses con alumnado de primeiro de Bacharelato na preparación de sintonías e efectos en vivo. A chamada Banda do Colmeiro será a encargada de crear a ambientación sonora con instrumentos como xilófono ou teclado, reforzando esa atmosfera de radio feita en directo, con ritmo, silencio, entradas, pausas e escoita.
Ferramenta de aula
O proxecto naceu inicialmente arredor da radio, mais axiña se vinculou ás Letras Galegas. Para Edith Pazó, esa unión é fundamental: a radio é unha ferramenta especialmente útil para dinamizar a lingua, porque obriga a planificar o discurso oral, a perder o medo a falar e a comunicar contidos de maneira atractiva. «Facemos isto para que se fale máis galego no centro, para que os rapaces se sintan soltos falando galego e para que o vinculen a esta creatividade máis explosiva», resume a docente.
A iniciativa tamén se apoia nun proceso previo de formación do profesorado. A comezos de curso, varios docentes participaron nunha formación específica para aprender a integrar a radio como ferramenta de aula. Houbo profesorado de Inglés, Lingua Castelá, Latín, Tecnoloxía, Economía, Lingua Galega, Música e outros ámbitos, coa idea de demostrar que a radio non serve só para materias lingüísticas, senón para traballar calquera contido e transformalo nun produto comunicativo.

A emisora está na biblioteca do instituto. / Bernabé / Javier Lalín
Radio Colmeiro é xa unha realidade estable no centro. O curso pasado fixéranse pequenas experiencias cun equipamento prestado polo CFR de Lalín, mais este ano o instituto recibiu unha radio permanente a través do programa Polos Creativos da Consellería. O centro completou ademais o equipamento con micrófonos e pés de micro, e instalou a radio na biblioteca, onde funciona como unha ferramenta didáctica máis. Alí, mentres uns alumnos falan ao micro, outros observan e escoitan, traballando tamén a atención, o silencio e a escoita activa.
Canle en Spotify
A radio conta ademais cunha canle en Spotify baixo o nome Radio Colmeiro, na que xa se poden atopar contidos elaborados desde o curso pasado. Entre eles figura un conto de Nadal realizado con alumnado de primeiro da ESO, con interpretación, efectos sonoros e traballo colectivo.
Detrás da coordinación xeral, xunto a Edith Pazó, están Natividade Diéguez, tamén profesora de Lingua Galega; e Javier María López, de Música. Traballa profesorado doutros departamentos, persoal da biblioteca e o equipo directivo, do que o apoio, segundo Pazó, resulta imprescindible para facer viable unha proposta destas características nun instituto, onde os tempos de aula son curtos e a coordinación require flexibilidade.
«Con pequenos traballos por parte de moitas persoas son posibles estes proxectos máis grandes», resume a profesora. Esa é, precisamente, a esencia de Diario Cultural Colmeiro: unha celebración das Letras Galegas feita entre moitos, con voces novas, música, literatura, tecnoloxía e radio. É unha maneira de demostrar que o galego pode ser lingua de aprendizaxe, de festa, de creación e de futuro.
Suscríbete para seguir leyendo
- Aparece, en perfecto estado, la joven que la Policía de Moaña buscaba desde la noche del martes
- Los estudiantes que hicieron el examen de Historia de España, en la que hubo problemas, pueden respirar tranquilos: los correctores serán «flexibles»
- De jugar en el Celta de Vigo a emprender juntos: Dos jóvenes gallegos impulsan cultura, tecnología y responsabilidad social con Zona Norte Podcast
- Buscan a una joven de 19 años de Moaña desaparecida desde el martes
- Alumnos de colegios privados en Galicia obtienen mejores expedientes y notas de acceso a la universidad
- Las K9 eléctricas llegarán más lejos: Stellantis planea una nueva evolución para las baterías de las furgonetas viguesas
- El peaje de la selectividad sobre el expediente en Galicia: el alumnado de sobresaliente se reduce a la mitad tras la prueba
- La exmujer del agente FIFA Toni Otero acepta dos años de cárcel y deberá devolver casi 400.000 euros