Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Dinamización lingüística

Avelina Fest: cando o instituto se converte en festival para promover a lingua galega

O centro estradense organiza o 22 de maio un evento que simula os macrofestivais de moda con Señora DJ, Lúa Mosquetera e Tapa d'Orella nun cartel 100% galego

O IES Avelina Valladares organiza un festival para dinamizar a lingua galega polo día das Letras

Lois Docampo

A Estrada

«O Son do Camiño, Portamérica, Morriña Fest... imaxinas isto no teu instituto?». Con esa suxerinte consigna preséntase o Avelina Fest, unha proposta que aínda está lonxe dos grandes macrofestivais que cada verán triunfan en Galicia, pero que bebe dese éxito para intentar chegar aos máis novos. Desde logo, non se lle pode restar mérito á idea posta en marcha polos mestres do IES Avelina Valladares, un plan que atopou unha gran resposta por parte dos seus alumnos. O resultado do seu traballo poderase ver o 22 de maio nun centro que por un día converterase nun festival cunha clara intención de consolidarse.

Naturalmente, todo festival que se prece necesita un cartel de primeiro nivel e o Avelina Fest, tendo en conta as súas evidentes limitacións económicas, vai sobrado. Señora DJ, Lúa Mosquetera e Tapa d'Orella son o gran reclamo deste evento dirixido por suposto a un público xuvenil. Os alumnos do centro serán os que o desfruten, aínda que tamén está previsto, se as condicións metereolóxicas permiten facelo no exterior, invitar a algúns cursos do veciño e, en certo sentido, irmán IES Losada Diéguez. Pero o Avelina Fest non quedará só no plano musical. Os asistentes poderán gozar de zona de descanso, photocall e incluso «zona de sabores».

Para saber máis deste proxecto poden ollar o seu activo e chamativo perfil de Instagram. No noso caso sen embargo optamos por acudir ao propio centro para reunirnos con tres dos profesores implicados nesta aventura: Marcos Soto, Bea Pérez y Eva Aldrey.

«A chispa saltou cando comezamos a falar de que estaría ben montar un festival para promover o galego. Notamos que cada vez se está falando menos, a pesar de que estamos nun centro rural coma este. Incluso ao longo do curso hai rapaces que van perdendo esa conexión co idioma. Así foi como propoñemos este proxecto e como foron xurdindo novas ideas doutros mestres que se foron sumando, explica Soto. «Tamén queriamos escapar desa idea que asocia sempre a música tradicional co galego. É algo que está ben e non estamos en contra pero hai correntes e grupos novos que os rapaces coñecen que tamén cantan en galego», apuntan. Esa proposta tivo unha gran acollida por parte dos estudantes, moitos dos cales se implicaron na organización. «Empezamos dous mestres e agora somos máis e tamén máis alumnos que aportan as súas ideas. Incluso o nome do festival foi cousa do alumnado. Todos estamos sumando no que podemos».

Unha das incógnitas é saber como foron capaces de montar un festival así coas limitacións económicas que teñen os centros escolares. «Todo foi moito do boca a boca, pedido favores. Bótase sen embargo en falta algo de implicación por parte das administracións públicas en proxectos como estes.», explican. Todo o contrario pasou cos grupos, que se mostraron dispostos a colaborar desde o primeiro momento nun tema educativo deste tipo. «Foi unha sorpresa a súa resposta. Creo que eles mesmos son conscientes de que é necesario facer cousas así e é algo que lles temos que agradecer».

Tracking Pixel Contents