Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Axenda cultural

O folk galego e o extremeño danse a man polo Salmón

Tequexetéldere celebra o seu Festival Folklórico o sábado 16 no Teatro Principal

Lucía Seoane e José Garrido onte durante a presentación do evento.  |

Lucía Seoane e José Garrido onte durante a presentación do evento. |

A Estrada

Dentro das actividades programadas con motivo da Festa do Salmón, a agrupación local Tequexetéldere organiza unha nova edición do Festival Folklórico do Salmón, que terá lugar no Teatro Principal o 16 de maio, sábado, ás 19.30 horas.

A cita contará coa participación do grupo Coros y Danzas Villa de Leganés, convidado nesta ocasión para acompañar á formación local. Nesta liña, o evento combinará repertorios galegos e extremeños, enchendo o escenario de enerxía e tradición e multiculturalismo.

A formación convidada naceu en 1982 na Casa de Extremadura de Leganés co obxectivo de recuperar tradicións e levalas ao escenario. Jose Garrido, en representación de Tequexetéldere, destaca que o grupo interpretará fandangos, rondeñas, boleros, jotas e seguidillas, acompañadas de estampas costumistas e vestiario acorde ás distintas provincias extremeñas.

Pola súa banda, a agrupación anfitrioa ofrecerá carballesas, maneos, xotas e muiñeiras nun espectáculo dividido en dúas partes e cunha duración aproximada de 70 minutos.

Tequexetéldere será a encargada de abrir o festival cun primeiro pase de cinco bailes con roupa de faena, seguido pola actuación inicial da formación convidada. Na parte intermedia participarán varios grupos das escolas de Tequexetéldere, mostrando o traballo desenvolvido durante o curso.

No segundo bloque, a agrupación invitada procedente de Leganés regresará ao escenario antes do peche final a cargo do grupo anfitrión con catro pezas.

Durante a presentación do evento este martes, o director da escola, José Garrido, animou aos estradenses e xente da contorna a achegarse ata o Teatro. As invitacións poden recollerse desde esta semana no departamento de Cultura do Concello ata o día da celebración, e son gratuitas.

Esta edición ten ademais un carácter especial, xa que en tres meses Tequexetéldere participará na 55ª edición do Festival Interceltique de Lorient, iniciando en maio a conta atrás con diversas actuacións preparatorias.

Entre elas, destaca a tradicional presenza no curro de Sabucedo na Rapa das Bestas a comezos de xullo, antes dun período de ensaios máis intensivos ata a viaxe final a terras francesas.

O festival preséntase así como unha oportunidade para gozar da cultura popular e comprobar o nivel das formacións participantes, nunha proposta que mantén viva a tradición e fomenta a continuidade das escolas locais de danza e música tradicional galega e doutros territorios do Estado.

Tracking Pixel Contents