Entrevista | Esther F. Carrodeguas Actriz, directora e dramaturga
«A vida política de Fraga daría para unha triloxía e nós condensámola nunha comedia de tres horas»
"Iribarne", é un espectáculo cómico e político, que utiliza un alter ego do propio Manuel Fraga para explorar a súa figura e o seu legado desde Ministro de Franco a presidente da Xunta de Galicia.

Esther F. Carrodeguas, no centro, durante unha escea de "Iribarne" / FDV_Externas
Esther F. Carrodeguas (ButacaZero) decidiu investigar e escribir esta peza de teatro documental sobre a traxectoria política de Manuel Fraga Iribarne cando se cumpliron os 100 anos do seu nacemento. O resultado é unha proposta que mestura comedia, farsa e sátira nunha revisión crítica e irreverente dunha figura clave na historia recente de Galicia e España, desde a súa etapa como ministro franquista ata a súa morte. Falamos coa autora na recta final da xira por Galicia, antes do seu peche en Madrid. Este venres 8 de maio, a obra poderá verse no Teatro Principal da Estrada ás 20:30 horas.
Que imos ver de Fraga, de Iribarne, nesta montaxe?
Iribarne é un percorrido cómico, irónico, pero profundamente político pola vida e traxectoria de Manuel Fraga, desde os seus inicios, como ministro de Franco, ata a súa morte. É un repaso bastante completo da súa vida política, porque foi político practicamente ata o final. Aparecen algúns episodios da súa vida persoal, pero só cando teñen relación directa coa política, cando afectan dalgún xeito. Por exemplo, a morte da súa muller. El tiña pensado retirarse con ela, pero tras o seu falecemento decide continuar na política. Ese episodio si aparece. Pero, en xeral, só se inclúen momentos persoais moi concretos que teñen impacto político.
Cal foi o punto de partida, a excusa, que lle levou a escribir sobre esta historia?
No 100 aniversario do seu nacemento parecíame un bo momento para facer balance dun político clave na construción da democracia. Tiña a intuición de que a súa figura podía axudarnos a entender tamén o presente. Ese é un pouco o interese principal, tanto da compañía como o meu, como xornalista e investigadora, tirar dese fío e atopar explicacións do presente.
Vostede viviu a época de Fraga como presidente da Xunta.
Si, pero ao investigar a súa etapa anterior, en España, descubrín moitísimas cousas. Esa parte revela aspectos fundamentais do noso presente, porque foi unha figura clave na construción da democracia, tanto en España como en Galicia. A súa traxectoria percorre a transición e a consolidación democrática participando na Constitución, ligado ao final do franquismo… En definitiva, en moitos fitos que explican o que somos hoxe.
Que queda de Fraga na actualidade?
Pois fundou o Partido Popular e tamén impulsou proxectos como o xornal El País, por exemplo. Son estruturas que seguen moi presentes. A súa forma de entender a política, baseada no bipartidismo, marcou durante décadas o sistema político español. Tamén a súa visión de España continúa reflectíndose na política actual.
Por que o título é Iribarne e non Fraga, como é máis coñecido?
En escena non representamos directamente a Fraga, senón un alter ego. Hai unha referencia clara á realidade, pero non é unha representación literal. Isto permítenos xogar máis, afastarnos do realismo. É como un “boneco” escénico, unha figura que lembra a Fraga pero que non é exactamente el.
Todo o elenco de actores e actrices sodes Iribarne en distintos momentos.
Si, e simplemente poñendo uns tirantes. Iso dá máis liberdade creativa. Por iso digo que non é un biopic xa que falamos só da súa vida política e, ademais, o ton non é realista, senón máis ben cómico e algo farsesco.
Falamos de teatro documental?
Si. Toda a información que aparece é real e todos os feitos están documentados aína que a forma de contalo é ficcional. Iso xera unha forte sensación de realidade. Lembro en Madrid a un espectador maior dicindo que todo fora tal cal. Esa reacción dá conta desa mestura entre realidade e ficción.
E que tal foi o seu paso por Vilalba, onde el naceu?
Moi ben, a verdade. Non só en Vilalba, senón en todas as prazas. Levamos xa moitas funcións e a acollida está sendo moi boa. É unha obra que combina humor, sobre todo na primeira parte, con reflexión sobre o pasado e o presente. Está gustando moito tanto en Galicia como fóra.
Entenderás que cando lle dis a alguén si ven a unha obra de teatro que dura tres horas, cando menos, se sorprendan.
É que condensar toda a vida política de Fraga en tres horas xa é un exercicio de síntese enorme. Case hai material para unha triloxía. A obra está moi resumida. Entendo que tres horas poidan botar para atrás, pero despois non se perciben como tal. Foi complicado condensar tanto en tan pouco tempo pero o resultado é moi divertido e entretido. A pesar de durar tres horas, a xente di que non se fai longa. Iso xa é un mérito. Incluso hai moito público que repite, o cal é bastante sorprendente no teatro. Iso indica que a obra xera interese e ganas de volver.
É unha coprodución co Centro Dramático Nacional, a MiT de Ribadavia e ButacaZero. Como foi esa experiencia?
Con moita responsabilidade. Para unha compañía pequena como a nosa, é algo grande. Tamén implica moita burocracia e xestión. Pero, ao mesmo tempo, permite traballar con máis recursos: escenografía potente, música orixinal, audiovisual… Tamén desenvolvemos un proxecto paralelo de entrevistas con figuras como Manolo Rivas, dispoñibles en liña. Permite unha investigación máis profunda e un aproveitamento maior do traballo. Así que foi esixente, pero tamén moi enriquecedor.
ButacaZero ten novos proxectos?
Si, estamos con varios. Unha peza de Manolo Lourenzo, outro proxecto de mediación con adolescentes que aínda non podemos anunciar, e tamén estou escribindo unha obra sobre as loitas das nais, inspirada na Asociación Érguete e conectada con outros movementos internacionais, como as Nais da Praza de Maio. Esa será, se todo vai ben, a próxima gran produción.
Suscríbete para seguir leyendo
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- CC OO y UGT ratifican el preacuerdo del metal de Pontevedra en sus asambleas