Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O éxito de Darlle Bolo no Teatro Principal abre portas a novas salas e formatos

Tras a boa acollida de 'O Bosque Animado' o colectivo traballa agora no espectáculo 'Intres', de danza

Imaxe da función realizada este sábado.

Imaxe da función realizada este sábado. / Cedida

A Estrada

O proxecto artístico Darlle Bolo presentouse por primeira vez nun auditorio este sábado no Teatro Principal, onde logrou encher as 60 prazas dispoñibles e confirmar a boa acollida dunha proposta que non deixa de medrar. Tras dous anos de traxectoria, a iniciativa impulsada por un grupo de creadores estradenses comeza a consolidarse, collendo forma e ampliando os seus límites iniciais.

O que comezou como unha proposta inspirada en formatos audiovisuais como o Tiny Desk da canle NPR Music evolucionou cara a unha experiencia escénica que integra música, imaxe e outras disciplinas artísticas. Na súa orixe, Darlle Bolo presentouse como unha serie de vídeos musicais coidados tanto no son como na estética, coa intención de documentar e visibilizar o talento local.

A primeira entrega, publicada en febreiro de 2024, amosaba a interpretación de temas como Coming Home Baby ou Ain’t No Sunshine nun espazo íntimo e acolledor. Dende entón, o proxecto foi medrando de maneira orgánica ata converterse nunha proposta máis ambiciosa e aberta a novas linguaxes.

Actualmente, o núcleo da asociación está formado por Vicente Couceiro, Rubén Servide, Jacqueline Reimúndez, Tatiana Fonseca e Xian Caamaño, aos que se suman colaboradores habituais como Manuel García, Erica Da Silva e Xosé. A dinámica de traballo segue sendo colectiva: «todo o mundo se involucra e participa nos procesos», teñen explicado en varias ocasións, facendo difícil delimitar funcións pechadas dentro do grupo.

Un dos trazos que define esta proposta é a súa vontade de mesturar linguaxes artísticas. Dende as primeiras jam sessions, a improvisación continúa a ser unha base fundamental, pero co paso do tempo foron incorporando novas capas creativas.

A primeira materialización desta vontade foi o espectáculo ofrecido onte, inspirado en El bosque animado, a coñecida obra de Wenceslao Fernández Flórez ambientada na Fraga de Cecebre. A partir deste universo, o colectivo constrúe unha peza onde a pintura, a interpretación e a oralidade están en diálogo constante coa música. «Cando pensamos en traer máis ramas artísticas levei ese libro; acababa de lelo e conectaba moito coas nosas inquedanzas sobre o ecoloxismo e a natureza», explica Jacqueline Reimúndez. A partir dese momento comezaron a poñer ideas en común, a improvisar e buscar a forma de darlle encaixe, ata que xurdeu esta nova peza.

O paso polo Teatro Principal supuxo un punto de inflexión. A resposta do público foi especialmente emotiva, con espectadores que se achegaron a expresar a necesidade dunha proposta deste tipo. «Onte unha persoa do público veu e dixo que non sabía a necesidade que tiña deste espectáculo», relata Reimúndez. «Ás veces, vivindo na aldea, esqueces a importancia da natureza», engade, subliñando unha das liñas temáticas da peza. A adaptación ao espazo teatral permitiu, ademais, mellorar aspectos como o son e a comprensión da narrativa, polo que a experiencia non puido ser máis positiva.

Con todo, o colectivo segue apostando por espazos reducidos. «É unha obra moi íntima, de miradas e proximidade, por iso para esta vez preferimos o formato parladoiro no lugar de abrir o patio de butacas », explica a estradense. Agora, buscarán distribuila por outras salas e establecementos como librarías ou bibliotecas.

En paralelo, Darlle Bolo traballa na peza de danza Intres, un novo paso na súa evolución artística. A proposta, baseada na improvisación constante tanto no movemento como na música, está a ser titorizada por Alba Fernández Cotelo dentro do programa PACE (Programa de Acompañamento á Creación Escénica), impulsado polo Laboratorio Escénico da Coruña. A súa presentación está prevista para o mes de xullo nun formato profesional orientado a programadores.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents