Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | María Rivas Couceiro Organizadora da feira «O mar en terra»

«A cultura mariñeira pode vivirse en terra desde a gastronomía ou a música»

«O mar en terra» busca achegar o patrimonio marítimo á xente de interior. A iniciativa, que naceu en 2022, celebrase nun espazo comunitario e busca recuperar a idea das aldeas, das casas, como puntos de encontro

María Rivas e Uxío Allo, promotores da feira «O mar en terra».

María Rivas e Uxío Allo, promotores da feira «O mar en terra».

A Estrada

Esta fin de semana, a casa de María Rivas e Uxío Allo, en Terreboredo, na parroquia de souto, A Estrada, acollerá unha nova edición da feira «O mar en terra». Un encontro comunitario co fin de achegar a cultura mariñeira ao interior. Un amplo programa de actividades para toda a familia e que se pode consultar nas redes sociais, completa as xornadas. A música, a gastronomía, presentacións, charlas divulgativas, foliada e unha «procesión» pola aldea serán as protagonistas.

Como definiría a feira «O mar en terra»?

«O mar en terra» é un encontro entre a cultura mariñeira e a cultura do interior, unha celebración na que conflúen dous mundos.

Como xurdiu esta idea?

Xurdiu coa intención de dar a coñecer no interior o patrimonio cultural marítimo, que mesmo na beira do mar xa é bastante descoñecido, e no interior moito máis. A idea principal foi achegar ese patrimonio á xente.

Cando falan de cultura mariñeira, a que se refiren?

Falamos de todos os aspectos como a gastronomía, os costumes, os traballos, as ferramentas e todo o que rodea ese mundo. Pero o foco principal está no patrimonio marítimo, especialmente nas embarcacións tradicionais, que moitas veces non se coñecen: os tipos de barcos, as zonas de procedencia e os seus usos.

O MAR EN TERRA TORREBOREDO SOUTO A ESTRADA

A dorna como protagonista da cultura mariñeira en terra. / BERNABE / FDV

Traballan tamén na divulgación entre a xente nova?

Si. Levamos este patrimonio ás escolas a través de exposicións e actividades, para que a rapazada o coñeza. Colaboramos, por exemplo, coa escola de Codeseda, onde desenvolvemos actividades relacionadas co mar e coa terra. Tamén ofrecemos a posibilidade de levar embarcacións ou exposicións aos centros educativos.

A feira naceu con esa idea inicial, pero foi medrando?

Co paso dos anos foise ampliando. Agora inclúe música, gastronomía e outras propostas culturais. Tamén serve como escaparate para proxectos e persoas que traballan na defensa do patrimonio, tanto marítimo como doutro tipo.

Algo que chama a atención dende que comezaron en 2022 é que a feira celébrase na súa casa.

Si. A nosa casa está sempre aberta e funciona como un espazo comunitario, recuperando a idea das antigas aldeas onde as casas eran lugares de encontro e sempre estaban abertas. Queremos que sexa un punto de reunión onde se desenvolvan distintas actividades.

Hai algunha novidade organizativa este ano?

Este é o primeiro ano no que a feira está organizada pola asociación creada recentemente polos veciños e veciñas, chamada Asociación Fonte Barreira. Trátase dunha asociación veciñal que nace co obxectivo de impulsar a feira e outras iniciativas culturais e patrimoniais ao longo do ano.

Que perfil de público asiste á feira?

É moi diverso. Acude xente do mundo do mar, de asociacións, pero tamén persoas que buscan volver conectar coa raíz e coa tradición. É un ambiente interxeracional, no que conviven persoas de todas as idades.

Hai propostas específicas para a infancia?

Sempre se pensa na rapazada. Por exemplo, hai espazos de xogo durante toda a xornada, para que tamén poidan gozar da feira.

O programa segue unha temática concreta cada ano?

Non exactamente. As propostas van xurdindo de maneira natural. O que si se fai é dedicar cada edición a unha asociación convidada, que achega o seu propio patrimonio, materiais e experiencia. Este ano está dedicada á asociación Os Galos de Bueu. Isto converte a feira nun verdadeiro encontro mariñeiro.

Como se financia un evento deste tipo?

Principalmente con esforzo persoal e traballo voluntario. Hai pequenas axudas para cuestións como os carteis por parte das institucións ou a contratación dalgúns grupos musicais, pero a maior parte da organización baséase no compromiso e na dedicación das persoas implicadas.

Puxeron en marcha unha «procesión» cunha dorna?

Si. Nós chamámoslle «O paseo». Levamos pola aldea unha dorna, unha embarcación tradicional, como se fose unha procesión. Leva uns gaiteiros de acompañamento e logo sumámonos todos e todas. Trátase dunha acción reivindicativa que pon en valor o papel destas embarcacións na historia e na vida das persoas.

Están preparadas tanto para o sol como para a choiva.

Adáptase. A maior parte das actividades están a cuberto, polo que a feira segue adiante independentemente da meteoroloxía.

Para concluír, calquera persoa que se achegue pode pasar o día na feira?

Pode, si. Temos un programa moi completo onde hai un pouco de todo como gastronomía, actividades culturais, música, charlas, espazos de lecer e un ambiente comunitario pensado para todas as idades.

Tracking Pixel Contents