Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Xuventude en plataformas sociais

Lucas Rey, cormelán afincado na Estrada que triunfa en Tiktok coas súas entrevistas sobre cultura xeral

O xoven de 22 anos acumula máis de 30 millóns de visualizacións en redes con contido en galego e a retranca como bandeira

Rey Lara na Alameda de A Estrada.

Rey Lara na Alameda de A Estrada. / Bernabé/ Javier Lalín

A Estrada

Os máis adictos aos reels en Instagram e TikTok seguramente xa viran algún dos seus vídeos. Lucas Rey Lara, de tan só 22 anos, é natural de Corme aínda que actualmente reside na Estrada. Comezou a crear contido para redes hai tan só un par de anos, e dende entón as súas cifras non paran de medrar. Ten 10.600 seguidores en Instagram, onde publica como @lucasreyy__, pero o seu alcance vai moito máis alá: suma decenas de miles de seguidores entre plataformas e acumula máis de 30 millóns de visualizacións. Os seus vídeos máis virales están baseados en entrevistas pola rúa sobre cuestións identitarias e xeográficas dos municipios galegos, aínda que o abanico que oferta no seu perfil é moito máis amplo.

O seu proxecto non naceu cun plan definido, senón como unha evolución natural dun hobbie. «Desde pequeno gustábame facer vídeos e contar cousas», explica. Nun primeiro momento, o contido estaba moi ligado ao fútbol -xa que el era porteiro- e tamén ás súas propias experiencias, pero co tempo foi virando cara ao humor, un terreo no que se sente máis cómodo e no que conseguiu chegar a un público máis amplo e diverso.

Segundo nos conta o cormelán, o punto de inflexión chegou cun vídeo gravado durante Os Caneiros de Betanzos. A peza, marcada pola retranca galega e pola espontaneidade do momento, acadou centos de miles de reproducións en pouco tempo. «Foi dun día para outro, lembro que aí comezou a cambiar todo e medramos moito de repente», dixo Rey Lara. A partir de entón, e tras ver o potencial do seu contido, decidiu dar un paso firme adiante: máis vídeos, máis constancia e unha aposta clara por consolidar un estilo propio.

Un dos elementos centrais da súa identidade dixital é o uso do galego. Nun contexto no que moitos creadores optan por linguas maioritarias para ampliar audiencia, Lucas decidiu manterse fiel á súa fala. «É a miña lingua e é a que me sae de xeito natural, na que realmente podo ser eu», afirma. Na actualidade, arredor do 95% do seu contido está en galego, unha decisión que, lonxe de limitar o seu crecemento, reforzou a súa diferenciación e lle permitiu construír unha comunidade fiel.

«Se cadra agora o raro sería que comezase a facer contido en castelán», dixo Rey Lara, quen recoñece que só emprega outra lingua en colaboracións puntuais con marcas de ámbito estatal. Neste sentido, subliña tamén a importancia do apoio económico para poder manter unha produción de calidade. «Ao final, hai moitos gastos detrás: cámara, edición, tempo... e se queres dar un salto profesional, necesitas apoio», sinala.

O crecemento do proxecto tamén implicou deixar de traballar en solitario. Hoxe en día, Lucas conta cun pequeno equipo que inclúe cámara, editor e representantes. «Somos varias persoas detrás, aínda que eu sexa a cara visible», explica. Esta estrutura permítelle mellorar a calidade dos vídeos e centrarse máis na parte creativa, ao tempo que profesionaliza o seu traballo no ámbito dixital.

Como mencionabamos anteriormente, entre os formatos máis coñecidos do seu perfil están as entrevistas na rúa e os xogos cos mapas de Galicia, nos que pon a proba o coñecemento da xente sobre os concellos. Trátase de contidos dinámicos, participativos e cun forte compoñente local. «É polo que a maior parte da xente me coñece, pero tamén intento facer outras cousas», explica. A idea inicial deste formato xurdiu nunha conversa con outros dous creadores -Lucas e Pedro-, pero foi adaptada e levada ao seu propio estilo. «Collín esa base e fun dándolle unha volta ata facelo meu, por exemplo co tema de saír á rúa para facer as preguntas», dixo Rey Lara.

Do seu traballo Lucas destaca sobre todo o contacto con outras persoas. «Gústame chegar á xente, especialmente ás xeracións máis novas, poder transmitirlles a través dos meus vídeos que o galego mola, que non é algo antigo nin pasado de moda», asegura. Porén, non só busca a reivindicación da lingua autóctona, senón que outra das características que máis destaca do que fai é poder sacarlle un sorriso ao público: «Encántame facer rir á xente, que pasen un bo momento vendo o meu contido, e sinto moita satisfación cando me paran pola rúa e me din que lles gusta o que fago».

O seu crecemento nas plataformas dixitais abriu tamén novas oportunidades no ámbito audiovisual. Recentemente participa nun programa de televisión como reporteiro, unha experiencia que valora como un paso máis na súa traxectoria. «É outro formato, pero ao final trátase do mesmo: comunicar, facer preguntas e conectar coa xente», explica. Neste sentido, o estradense de adopción sostén que malia non contar con formación en Xornalismo ou no Audiovisual, este é un camiñó profesional que lle gustaría probar. «Sei que hai moito debate con isto do intrusismo laboral, e respecto a importancia dos estudos e as carreiras universitarias, pero tamén penso que saber comunicar tamén debería abrir portas», sinalou.

De cara ao futuro, Lucas ten claro que quere seguir explorando novas vías e ampliar horizontes. «Gustaríame ter o meu propio programa de humor, algo que chegue á xente e que reparta bo rollo», dixo, mencionando tamén formatos como o podcast ou mesmo contidos relacionados coa cociña, unha área na que se formou.

Por outra banda, ao falar con el non podemos esquecerno de facerlle a gran pregunta: que fai un rapaz de 22 anos de Corme na Estrada? A resposta é moito máis sinxela do que poida parecer. «Mudeime por cuestións profesionais. Cando vin que podía traballar aquí aceptei e fixen as maletas sen pensalo. Agora estou moi contento, este pobo ten de todo e ademais é tranquilo, o cal agradezo. Ademais, estou comezando a facer colaboracións con algúns negocios da zona, que me patrocinan», comparte.

Así pois, con apenas dous anos de traxectoria, Lucas Rey Lara exemplifica unha nova xeración de creadores que apostan pola identidade propia, pola lingua e pola proximidade co público. «Ao final, o importante é ser ti mesmo e ter constancia», conclúe. Unha fórmula que, no seu caso, xa demostrou dar resultados.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents