Memoria colectiva
Don Nicolás, un legado humanitario inmortalizado nunha rúa
O sacerdote, chegado á Estrada en 1912, impulsou a construción da igrexa de San Paio, a creación do Colexio Inmaculada Concepción e intercedeu polos veciños durante a Guerra Civil

Don Nicolás cun grupo da catequesis en Ouzande. / Cedida
Este é o home que dá nome a unha das rúas máis céntricas da Estrada: a que conecta a Praza de Galicia coa Praza da Igrexa. Recorremos o casco urbano, coñecemos os nomes do seu viario, quedamos aquí ou alá… e, moitas veces, non reparamos nas historias de vida que hai detrás de cada placa. Por que a rúa Don Nicolás se chama así? Quen foi a persoa que lle deu nome? Que fixo para merecer permanecer na memoria da vila? Un escrito de Olimpio Arca axúdanos a botar máis luz sobre esta cuestión.
Para atopar respostas cómpre viaxar atrás no tempo, ata o 18 de xullo de 1875, cando en Carantos, na parroquia de Santa María de Traba, en Coristanco, nacía Nicolás Francisco Mato Varela. Fillo dunha casa labrega acomodada, foi bautizado ao día seguinte, o que demostra un forte arraigo católico no seo familiar que marcaría a súa traxectoria vital.
Non tardou en destacar. A súa vocación estivo guiada desde cedo pola figura do seu tío e padriño, sacerdote e home de prestixio, cunha sólida formación académica, que viu nel algo máis ca un neno de aldea. Aos doce anos, Nicolás ingresou no seminario de Santiago de Compostela. Alí formouse con disciplina, entregado ao estudo, á lectura e á vida relixiosa.
Os primeiros destinos levárono por distintas parroquias galegas, onde foi deixando pegada. Porén, sería na Estrada onde a súa figura acadaría unha dimensión máis fonda. A súa chegada produciuse no ano 1912, nun contexto complexo. A vila medraba, mais tamén se dividía. As tensións políticas, as loitas entre faccións e as dificultades económicas marcaban a vida diaria. Don Nicolás instalouse no corazón daquela realidade, entendendo que a súa función debía ser estar preto da xente.
Celebrou vodas que logo serían historia, como a de Castelao e Virxinia Pereira, e mantivo relación con figuras culturais e relixiosas da época. Mais o que realmente lle gañou un oco na memoria do pobo foron outras cuestións.
A igrexa parroquial supuxo quizais a súa maior loita. Como el mesmo escribía nunha carta ao Ministerio, a vila contaba daquela con máis de 30.000 habitantes, o que implicaba que o antigo templo se estaba quedando pequeno. Esta falta de espazo evidenciábase especialmente nas misas dos domingos que coincidían con algunha das catro feiras mensuais, converténdoas en celebracións especialmente concorridas. Aquí, con numerosos veciños acinados para intentar escoitar os oficios relixiosos, producíanse situacións de tensión, trifulcas e mesmo se proferían insultos impropios do espazo sagrado que representaba a igrexa. Don Nicolás entendía o remate das obras da nova edificación como unha cuestión de necesidade, por iso durante anos impulsou, pediu, escribiu e insistiu.
A obra avanzaba entre interrupcións, falta de fondos e polémicas. Segundo a prensa local da época, o párroco chegou a sufrir ameazas e mesmo foi sancionado cunha multa de 750 pesetas, que provocou unha onda de solidariedade veciñal. Pouco a pouco, a través de doazóns, subscricións e a venda a Manuel Porto Verdura do terreo da antiga igrexa, conseguiron rematar os traballos, sen a torre, en 1935.
Este logro para a vila xa sería suficiente para xustificar instalar o seu nome no rueiro. En cambio, un ano máis tarde, co estalido da Guerra Civil, a súa figura volveu cobrar protagonismo, adquirindo unha nova dimensión. Nun tempo de medo e represión, don Nicolás destacou pola defensa dos seus veciños, sen atender a ideoloxías. Intercedeu por persoas en perigo, declarou ante tribunais e mantivo unha posición de firmeza moral que, de novo, lle trouxo ameazas.
Finalmente, e por se o relatado ata agora fose pouco, outro dos seus grandes compromisos foi a educación. Nun momento especialmente difícil, coa supresión do instituto de ensino medio da Estrada, entendeu que a vila non podía quedar sen unha saída formativa para a súa mocidade. Por iso convocou autoridades locais, mestres e cregos, e promoveu a creación, en 1937, do Colexio da Inmaculada Concepción. O seu labor non quedou aí. Segundo conta Olimpio Arca no seu artigo, don Nicolás pediu á corporación municipal que destinase a maior cifra posible a crear bolsas para alumnos con poucos recursos. Ademais, visitaba as escolas rurais para coñecer os cativos con mellores capacidades e actuaba como intermediario coas familias para convencelas de que permitisen aos rapaces e rapazas continuar os seus estudos. Para algúns deles, aquela intervención foi decisiva, cambiando por completo o que sería a súa vida.
En 1950, ao cumprir cincuenta anos de sacerdocio, a vila quixo renderlle homenaxe. O recoñecemento institucional chegou co nomeamento como fillo adoptivo da Estrada, mais o verdadeiro tributo estaba na estima popular. Cando faleceu, o 21 de xaneiro de 1962, a resposta foi masiva. A vila acompañouno nun adeus sentido e, meses despois, o Concello acordou dar o seu nome a unha rúa. Con este xesto quedou de manifesto o sentir dun pobo que quixo facer inmortal a memoria dunha desas persoas que, coas súas accións desinteresadas, fan unha sociedade mellor.
Don Nicolás Mato Varela non foi só un sacerdote. Foi a voz dos veciños e dos fregueses, un escudo para os que non podían defenderse, e unha saída para os que pensaban que xa todo estaba decidido para eles. De xeito que, a próxima vez que crucemos a rúa á que dá nome, talvez pague a pena deterse un intre para percatarnos de que detrás desa placa hai toda unha vida dedicada aos demais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Ya está el calendario escolar 2026-2027 en Galicia: fechas de inicio de curso, vacaciones y claves para la conciliación familiar
- El metal de Pontevedra vuelve a la calle por su convenio: primera jornada de huelga
- Muere Constantino Rodiño, el alma del restaurante Casa Rodiño de Meaño a los 57 años
- Una puja judicial de récord en Vigo: subastan un piso en la calle Rosalía de Castro valorado en más de un millón de euros
- Sanidade descarta que la niña de once años de Ourense falleciese por meningitis
- El copropietario de Vegalsa estrena su primera promoción inmobiliaria con 14 viviendas en Vigo y ultima dos más de alto diseño en la ciudad
- Recupera 400 euros perdidos en el Álvaro Cunqueiro tras ser localizada por las cámaras la persona que los cogió del suelo
- Cucarachas en la cara, en la cocina y en la bañera en el Barrio das Flores, en Vigo: «Es insufrible»