Gastronomía
Lalín leva o seu Cocido á capital do mundo
O cocido de Lalín viaxa a Nueva York para un evento especial na Casa de Galicia, onde se serviu para 450 personas con produtos locais y preparación tradicional.

A Casa de Galicia de Nova York viviu este domingo un dos actos de maior proxección internacional da historia da Feira do Cocido de Lalín. A institución galega máis antiga e importante dos Estados Unidos acolleu un Capítulo Extraordinario da Encomenda do Cocido e unha degustación para 450 persoas, a maioría galegos procedentes de diversos puntos de Estados Unidos, nun evento que consolidou a gastronomía lalinense como embaixadora de Galicia en terras americanas.
O acto foi presidido polo alcalde de Lalín e Gran Comendador, José Crespo, e polo presidente da Casa de Galicia Nova Iorque, José Gil, e contou coa presenza da cónsul de España en Nova York, Marta de Blas; do conselleiro de Cultura, José López; do presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez; do secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Antonio Rodríguez Miranda, e dos concelleiros Rafael Cuiña e Raquel Lorenzo, ademais de persoal do consulado vinculado ás áreas de comercio e cultura e dunha ampla representación de emigrantes galegos residentes en Nova York e estados limítrofes. As prazas esgotáronse en poucas semanas, evidenciando o alto interese xerado pola convocatoria.
O Capítulo Extraordinario da Encomenda do Cocido investiu como novos comendadores a cinco personalidades pola súa contribución á difusión e ao recoñecemento internacional da Feira do Cocido. O Gran Comendador impúxolles a capa e o cullerón de prata nun acto solemne que se completou coa sinatura no libro da Encomenda e a recollida do diploma acreditativo.
O primeiro en recibir a distinción foi Ramiro Ruibal Fuentes (Lalín, 1969), licenciado en Ciencias Económicas e formado na Escola de Negocios da Fundación ABANCA, é unha das figuras que máis traballou pola Feira do Cocido ao longo das últimas décadas. Concelleiro de Promoción Económica, Mobilidade Urbana, Novas Tecnoloxías e Deportes no Concello de Lalín entre 1999 e 2006, continuou o seu labor de promoción da Feira desde o programa Depodeza da Deputación de Pontevedra e, posteriormente, como xerente do GDR, onde liderou iniciativas de desenvolvemento rural e captación de fondos europeos Leader dos que se aproveitou tamén a Feira do Cocido.
A súa contribución foi importante para que a Feira do Cocido alcanzase o seu máximo recoñecemento: o de Festa de Interese Turístico Internacional, a primeira festa gastronómica en obter este título en todo o Estado. Participou activamente en edicións internacionais da Feira en Venezuela, Arxentina, Andorra, Bruxelas, Portugal ou Miami, así como na súa presenza en eventos como Fitur, Fórum Gastronómico e Madrid Fusión. Foi tamén responsable da organización do Cocido do Prestige na Casa de Campo e do cocido para 1.611 persoas organizado coa ONCE en IFEMA. Ruibal indicou que “es un orgullo estar aquí celebrando el Cocido en una de las ciudades más importantes del mundo, evidentemente después de Lalín”.
Rafael Cuiña Aparicio foi o segundo dos novos comendadores. Naceu en Lalín en 1972. Fillo do político Xosé Cuíña —quen fora alcalde de Lalín, presidente da Deputación de Pontevedra e conselleiro da Xunta—, cursou Dereito na Universidade do Escorial e desenvolveu a súa traxectoria empresarial no grupo familiar Aurela, que dá traballo a máis de 400 persoas na Comarca de Deza. En 2014 fundou Compromiso por Lalín, plataforma de carácter galeguista, e nas eleccións de 2015 foi elixido alcalde de Lalín, cargo que exerceu ata 2019.
Durante a súa etapa como alcalde impulsou iniciativas de promoción do cocido como a carpa do Cocido, o Cocido do Orgullo ou a Aldea Singular. Na actualidade é xefe da oposición en Lalín, combinando a actividade política coa empresarial como membro do consello de administración de empresas como Metaldeza e Inasus.
O conselleiro estradense José Carlos López Campos recibiu a capa na súa condición de responsable cultural da Xunta. Nado en A Estrada (1974), licenciado en Ciencias Empresariais pola USC, desenvolveu a súa carreira profesional como directivo en CaixaBank desde 1996 antes de dedicarse de cheo á política. Concelleiro na Estrada desde 2003, deputado no Parlamento de Galicia en 2009 e alcalde da Estrada por maioría absoluta desde 2011 —revalidando o resultado en 2015 e 2019—, en abril de 2024 foi nomeado conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude no segundo goberno de Alfonso Rueda.
Desde a consellería impulsou iniciativas como a declaración do Ano Oteriano en 2026 co gallo do cincuenta aniversario do falecemento de Otero Pedrayo, e a posta en marcha do Centro de Artes Dixitais na Cidade da Cultura, como antesala ao Xacobeo 2027. A súa presenza en Nova York como novo comendador evidencia, nas palabras do presentador do acto, que entre Lalín e A Estrada "a rivalidade é sa e agarimosa".
José Gil, coñecido no seu lugar de orixe, a parroquia de Goiás, como Pepe do Xilo, naceu no lugar de Pareizo, en Lalín. Como tantos galegos da súa xeración, cruzou o Atlántico para labrar un futuro en Nova York, onde a comunidade galega ten presenza histórica de máis de oito décadas. Antes de asumir a presidencia da Casa de Galicia —tamén coñecida como Unity Gallega, a sociedade galega máis antiga e importante dos Estados Unidos—, desempeñou o cargo de vicepresidente baixo a presidencia de Rita Mariña, acumulando unha longa traxectoria de compromiso coa institución.
Gil foi recibido no escenario cun aplauso unánime dos presentes que serviu de recoñecemento ao intenso traballo que leva realizando a prol da colectividade galega. Emocionado argumentou que “o cocido trasládame a Pareizo onde nacín e tráeme recordos de familia en España”.
Baixo o seu mandato, a entidade celebrou o seu 85 aniversario en outubro de 2025 cunha representación da Xunta de Galicia, e alcanzou preto dun millar de socios. A iniciativa de traer a Feira do Cocido de Lalín a Nova York partiu del e do seu equipo, convertendo a Casa de Galicia no escenario deste Capítulo Extraordinario. O seu vínculo coa terra natal nunca se rompeu: a súa figura encarna o espírito do galego que, lonxe de esquecer as raíces, se converte en embaixador da cultura e da gastronomía galega e dezá ao outro lado do océano.
Pechou a Encomenda Marta de Blas, licenciada en Dereito pola Universidade Complutense e con estudos de posgrao en Relacións Internacionais pola Universidade de Miami, ingresou na carreira diplomática en 2001. Ao longo de máis de dúas décadas ao servizo do Ministerio de Asuntos Exteriores exerceu en destinos como Caracas, Asunción, Montevideo, A Habana e Rabat, acumulando unha dilatada experiencia en materia consular e de protección dos españois no estranxeiro. En 2016 foi galardoada coa Cruz de Oficial da Orde do Mérito Civil e en febreiro de 2023 acadou o rango de ministra plenipotenciaria de terceira. Desde setembro de 2024 exerce como cónsul xeral de España en Nova York.
Marta de Blas destacou a importancia da gastronomía como punto de encontro de culturas e destacou o prato lalinense como embaixador da cociña galega. Crespo indicou que “é comendadora por petición da comunidade galega no país norteamericano”.
A súa proximidade coa comunidade galega e española a ambos lados do Atlántico, e o seu papel facilitador para a realización deste acto en Nova York, fixeron dela un nomeamento amplamente recoñecido por todos os presentes.
A continuación, os 450 comensais puideron gozar dun cocido elaborado por tres cociñeiros lalinenses: Alberto González, de Casa Currás, Álex Iglesias e Isabel Louzao, do restaurante La Robleda. O produto foi criado e adquirido nos Estados Unidos, mais tratado con rigorosa fidelidade aos procesos tradicionais lalinenses: salgado, afumado e preparación das carnes segundo os canons da vila dezá. O equipo de José Gil encargouse de ter preparada a carne xa afumada e salgada e que comezaron a desalgar e preparar os cociñeiros á súa chegada o xoves.
Tamén se encargaron os restauradores lalinenses de preparar as sobremesas como leite frito, as canas de crema, queixo con marmelo e filloas. Todo realizado nas cociñas da Casa de Galicia agás os canutillos das canas que se prepararon en Lalín e viaxaron coa expedición.
O menú serviuse en dous espazos diferenciados da Casa de Galicia: o comedor principal Rosalía de Castro e o comedor do restaurante da entidade. O persoal da institución colaborou activamente cos cociñeiros en todas as fases da preparación e o servizo.
Nos comedores tamén se fixo en directo a queimada preparada e escenificada polo artista lalinense Luchi Iglesias que se caracterizou de bruxa para ese momento xa das sobremesas. Ao remate do xantar, os cociñeiros foron convidados a saír a sala para recibir os fortes aplausos dos asistentes.
Antes do servizo do prato, os asistentes gozaron da actuación do titiriteiro e artista lalinense Luchi Iglesias, que interpretou o seu recoñecido personaxe Don Cocho. A continuación, a banda de gaitas da escola da Casa de Galicia de Nova York puxo a nota musical nunha proposta que combinou tradición, cultura e identidade galega. Esta banda, dirixida por Steven Gil, fillo do presidente, interpretou unha peza dedicada a Lalín en formato pasodobre galego, da súa propia autoría, que levantou os máis fortes aplausos dos dous comedores da institución.
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, dixo na súa intervención que "hai formas de expresión que nos unen a todos os galegos. Unha é a bandeira, outra é o himno, tamén a lingua e hoxe comprobamos que o Cocido de Lalín é outra forma de expresión tan nosa que resulta difícil explicar con palabras”. O conselleiro de Cultura, pola súa banda, erixiu o cocido de Lalín como “embaixador internacional da cultura gastronómica tradicional de Galicia".
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- Europa por segundo año consecutivo
