Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Tribuna libre

Na miña escola

Na miña escola

Na miña escola

Xosé luna

Este artigo escrito no 2014, publicado no libro Da lectura e outras cousiñas (Ed. Embora, 2017), vai dedicado con agarimo e agradecemento á escola do Foxo.

Na miña escola hai unha rapaza que cando canta ‘No niño novo do vento’ fai tremer de emoción ao mesmiño Cunqueiro. Temos un alumno que con só ollar para un lagarto sabe se é macho ou femia. Teño outro que me veu contar –todo orgulloso– que o seu avó Severino é famoso porque cumpriu 102 anos e saíu na TVG (pois abofé que o é, si señor).

Saben moito de árbores frutais, de animais (gústanlles moito os cans), cantar, contar chistes (chistosos), brincar, ler poesía, facer teatro… Penso que son felices na randeeira máxica da vida.

Viven nun uni(verso) marabilloso. Encántalles a vida na aldea. Soñan con conducir o tractor do seu pai, ou con ser médicos, ou futbolistas, ou enfermeiras, ou avogadas, ou… todas as «cousiñas» á vez.

Son os pereiriños, as rapazas e os rapaces da miña escola do Foxo. O noso futuro. Aprenden, loitan, traballan, estudan, xogan, rin e choran, gañan e ás veces (tamén) perden.

Temos para nós –como deixou escrito na capital da Prata, alá polo ano 1941, un dramaturgo chamado Manuel Daniel Varela Buxán– que «o mellor faro para impedir que os pobos tropecén é unha escola».

E así van as «cousiñas». Un pouquiño máis outro pouquiño. Sempre sumando. Procurando non tropezar demasiado. Facendo o camiño, a estrada, sen empurrar, nin pasar por riba de ninguén. Facéndonos universais coa lingua de noso.

Sabendo o que é correcto e o que é incorrecto. Separando o xusto do inxusto. O humano do inhumano. O digno do indigno.

Procurando sempre amosarlles que o mundo faise, está facéndose, el (o mundo, digo) «será o que eles queiran e outros queiran e cómpre que non lle furten o seu esforzo».

Procurando comunicarlles que ás veces estase mellor perdendo que gañando. Procurando, en definitiva, que saiban que a ética, a dignidade, a honradez, a solidariedade… debe presidir ás súas vidas ata os 102 anos, tan ben levados, como os do avó Severino.

Tracking Pixel Contents