Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Eclipse solar | Manuel Andrade Valinho Físico, Doutor en Matemáticas e Coordinador da Área de Astronomía e Astrofísica da USC

«En Galicia non se comían as verduras nin se bebía o leite das vacas que estiveran expostas a unha eclipse»

O estradense, físico e doutor en matemáticas, divulga as claves da eclipse solar do 12 de agosto

A EStrada

-Que vai acontecer exactamente o 12 de agosto?

-Imos vivir un fenómeno astronómico que sempre esperta un enorme asombro: unha eclipse solar total. É dicir, a Lúa interporase entre a Terra e o Sol ata ocultalo completamente durante uns minutos. Trátase dun espectáculo natural de grande impacto visual e emocional, que permite observar cambios moi rápidos na luz ambiental e no propio ceo.

-Por que esta eclipse está a xerar tanta expectación?

-Porque a súa fase de totalidade poderá observarse en boa parte da Península Ibérica. No caso de Galicia, será especialmente visible no nordeste, que quedará dentro da sombra da Lúa. Isto é algo moi pouco frecuente: aínda que hai varias eclipses solares cada ano, que unha eclipse total coincida nun lugar concreto pode tardar, de media, uns 375 anos. Esa rareza fai que moita xente se interese e queira vivilo en primeira persoa.

-E na Estrada?

-A Estrada non vai ser unha das zonas 'agraciadas'. Apenas se vai notar. Si hai interés, o mellor é organizlo con tempo e desprazarse.

-Houbo precedentes semellantes en Galicia?

-Si. Un dos máis destacados foi o de 1905, que tamén foi visible como total en zonas como A Coruña ou Lugo e cun percorrido semellante ao que terá este. Aínda que ás veces poden producirse excepcións locais, o habitual é que pasen moitas décadas —ou mesmo séculos— ata que se repita un fenómeno destas características nun mesmo punto.

-Ademais da parte científica, existe unha dimensión cultural ou mitolóxica?

-Por suposto. Na antigüidade estes fenómenos causaban moito medo. Hai rexistros de hai máis de 4.000 anos, por exemplo en China, onde se cría que un dragón devoraba o Sol, e a xente facía ruído para espantalo e dispara frechas ó aire. Tamén aquí, en Galicia, existían crenzas populares: evitábase consumir certos alimentos expostos á eclipse, como os vexetais, ou non se consumía leite das vacas que estiveran no exterior durante o fenómeno. Había temor a posibles consecuencias. En xeral, interpretábanse como sinais de mal agoiro, porque rompían a idea dun ceo perfecto e inmutable. Hoxe esa visión cambiou, pero segue habendo un compoñente simbólico e emocional moi forte.

-Que debe ter en conta quen queira observalo?

-Hai tres aspectos fundamentais. Primeiro, desprazarse a zonas onde a totalidade sexa visible, xa que moitas cidades galegas quedarán fóra desa franxa. Segundo, escoller un lugar cun horizonte oeste despexado, porque a eclipse producirase ao solpor, co Sol moi baixo. E terceiro, garantir a seguridade: durante a fase parcial é imprescindible usar filtros solares homologados; só durante a totalidade se pode mirar sen protección. Ignorar estas recomendacións pode provocar danos oculares importantes. Hai datos rexistrados dun aumento importante de lesións oculares logo dun fenómeno como este.

-A cidade de Lugo será un dos lugares onde mellor se poida ver a eclipse e tamén un dos lugares onde se van a desenbrolar máis actividades entorno a este evento.

-Si. Lugo está situado na fase de totalidad e ademais as previsiones meteorolóxicas, baseadas nos datos climatolóxicos que temos de anos anteriores, din que en agosto normalmente o tiempo é bo. Así, desde CITMAGA pedimos un proxecto a Fundación Española de Ciencia y Tecnología, FECYT, e concedéronnos unha financiación realmente importante. Tamén se adherieron a este proyecto, Concello de Lugo, a Deputación de Lugo e Caixa Rural Gallega. Organizarase un programa con conferencias e observación pública con telescopios en distintos puntos da cidade, grazas á colaboración de institucións científicas e administracións. Ademais, repartiranse milleiros de lentes de protección e haberá actividades divulgativas nas semanas previas, co obxectivo de achegar o fenómeno á cidadanía e fomentar unha observación responsable.

-Existe risco real de colapso nas estradas ese día?

-Pode haber problemas se non hai planificación. Noutros países xa se produciron grandes retencións en ocasións semellantes. Neste caso, ao producirse ao final da tarde, en pleno agosto, sumado á cantidade de turismo que normalmente recibimos en Galicia en esa época e a maiores a que virá a propósito, é probable que se poidan saturar vías principais. Por iso é clave organizar o desprazamento con antelación e evitar movementos de última hora. Todo depende do nivel de conciencia que teñamos a nivel colectivo e de que as autoridades insistan e informen sobre isto.

-Tamén se está a notar impacto no turismo?

-Si, claramente. Hai un aumento das reservas, non só en zonas turísticas habituais, senón tamén en áreas rurais e de montaña, onde a xente busca boas condicións de observación. Incluso lugares menos frecuentados están a rexistrar maior demanda do habitual.

-A nivel persoal, que significa para ti unha eclipse?

-É unha experiencia impresionante. Sempre digo que hai dous fenómenos que todo o mundo debería ver algunha vez: as auroras boreais e as eclipses. Mesmo para quen nos dedicamos á astronomía, seguen a ser algo emocionante e difícil de describir. Cando observas unha eclipse total, tomas conciencia do extraordinaria que é a natureza.

Manuel Andrade, a esquerda, durante a conferencia deste xoves no Teatro Principal da Estrada.

Manuel Andrade, a esquerda, durante a conferencia deste xoves no Teatro Principal da Estrada. / FdV

-Unha eclipse marcou a túa vida, sobre todo a profesional.

-Si. En 1999, xunto a compañeiros da Estrada, viaxamos a Normandía para ver un, e daquela xurdiu a idea de crear a Sociedade Astronómica da Estrada. A partir de aí organizamos actividades, cursos e iniciativas divulgativas durante anos. Foi unha experiencia moi enriquecedora que amosa tamén o impacto que poden ter estes fenómenos máis alá do ámbito científico.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents