Tribuna libre
Un agasallo para os pereiriños

Un agasallo para os pereiriños
Xosé Luna
No verán de 1973 asistín convidado a unha festa escolar que nos ofrecía na súa casa a miña mestra, a Señorita Leonor. No transcurso da mesma tivo lugar unha desas «cousiñas» que un leva sempre impresas, nun recuncho do corazón, durante toda a vida. Logo de rematar a merenda, tivemos que pensar un número. Se coincidía co que tiña na mente a anfitriona gañariamos un agasallo. Cando me tocou a min, respostei con seguridade sen apartar a vista do seu ollar, «o sete». «Efectivamente», exclamou a mestra debuxando un precioso sorriso na faciana. «É o número sete». Pecho os ollos e véxoa, dándome dous bicos e escribindo coa súa fermosa letra: «Para José de su profesora y amiga, Leonor».
O agasallo era unha novela. O meu primeiro libro dedicado. Tratábase dun exemplar de Cinco semanas en globo, de Jules Verne da editorial Bruguera. Gocei moito coas aventuras do explorador inglés, o doutor Samuel Fergusson (o álter ego de Verne), atravesando o continente africano, dende a Illa de Zanzíbar deica á costa de Senegal. Vivindo mil aventuras, no Victoria, co seu amigo Dick Kennedy e o seu criado Joe Wilson.
Daquela aínda non sabía que na miña noveliña As cometas da vida, un dos personaxes lería un fragmento de Cinco semanas en globo. E tampouco descubrira, daquela, que o Verne, nas súas Vinte mil leguas de viaxe submarina, fixera navegar o Nautilus, co capitán Nemo a bordo, pola ría de Vigo, onde baixaron a ver os galeóns de Rande.
Nin que dicir ten que na estrada da vida, o 7 segue a ser o meu número da sorte. A Señorita Leonor, unha das miñas profesoras pola que sinto devoción. E o agasallo da miña mestra, que arestora repousa nun andel na habitación do meu fillo, unha infinda xoia, todo un galano agarimoso, que me leva, como se dunha desas máquinas fantásticas do tempo se tratase, á miña infancia.
Hoxe, 23 de abril, día do libro na estrada da vida, logo de 52 anos dese agasallo da miña mestra, quero que teñades na Biblioteca Xosé Neira Vilas da miña benquerida escola do Foxo un exemplar dese libro marabilloso que nunca se esquece, As viaxes fantásticas de Jules Verne.
Graciñas Mil por todo ex toto corde.
- «Las primeras medidas para reducir las bajas laborales irán este mes. Estoy seguro de que bajarán las cifras»
- Una plantilla de 70 personas, entre ellos 30 socorristas, se ocupará este verano del parque acuático y complejo de Monterrei
- La ambiciosa transformación de la avenida de Madrid de Vigo alcanza uno de sus hitos: «Ahora empezará lo más visible»
- Aparece un hombre de Vigo ensangrentado en el enlace de la Autovía do Morrazo en Meira y dice que fue secuestrado
- Detenido en Vigo tras darle puñetazos a su pareja en plena calle y simular que la penetraba
- A juicio en Pontevedra por apropiarse de la herencia de 400.000 euros de su hijo de 10 años
- Qué mira un tribunal en una oposición de Educación: errores habituales y claves para defender la programación
- Los mejores MIR que llegan a Vigo: un optometrista que quiere ser oftalmólogo, el que estrena Dermatología y una historia de amor