Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cultura para os máis cativos

O Son dos Arrieiriños cambia de día para maior participación

Será o sábado 23 de maio na Praza da Constitución e contará con zona de merenda, actuacións teatrais e o concerto ‘Lembra Xabarín’

Seoane este mércores durante a presentación do evento.  |

Seoane este mércores durante a presentación do evento. |

A Estrada

Este mércores presentouse na Estrada o Son dos Arrieiriños, un festival de pop-rock infantil en galego para a rapazallada, que celebra a súa segunda edición tras estrearse en 2025 cunha afluencia de arredor de 1.000 persoas.

O evento terá lugar o día 23 de maio, na Praza da Constitución, en horario aproximado de 17.30 a 20.30 horas. Nesta edición, ademais, a convocatoria pasa de domingo a sábado co obxectivo de facilitar a asistencia das familias, evitando as présas propias davolta ao colexio e o inicio de semana.

O festival estará presentado por Nieves Rodríguez e contará cunha programación pensada para o público infantil e familiar, na que a música e a animación serán protagonistas. Ademais, habilitarase unha zona de merenda para os máis pequenos, con postos de bebida, doces e animación con globos, co fin de crear un ambiente lúdico e participativo durante toda a tarde.

Así, o programa arrancará ás 17.30 horas coa actuación de Paco Nogueiras, músico e actor en compañías como Os Quinquilláns, ademais de ser unha das figuras máis coñecidas nas campañas de animación lectora da editorial Kalandraka. O seu espectáculo combinará música e dinamización para abrir a tarde.

Ás 18.30 horas será a quenda de La gran aventura del pollo Pepe, de Sketch Eventos. Este musical, un dos máis exitosos do panorama estatal, mestura personaxes en formato puppet a tamaño real cunha escenografía baseada en pantallas LED, cancións e coreografías participativas dirixidas ao público infantil.

O peche da programación chegará ás 19.30 horas co concerto tributo Lembra Xabarín, unha proposta que busca achegar aos máis pequenos á lingua galega a través dos debuxos animados e da música. O espectáculo propón tamén un percorrido por temas de bandas como Heredeiros da Crus, Aeroliñas Federais, Os Diplomáticos de Montealto, Víctor Coyote ou Siniestro Total, co obxectivo de introducir aos máis cativos rock galego que marcou a toda unha xeración. Pola súa banda, a edil de Cultura, Lucía Seoane, animou ás familias a acudir á cita, que promete ofrecer unha xornada de fin de semana diferente.

Tracking Pixel Contents