Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam

Carlos Mella, «toda unha arma (poema) de construción masiva»

Xosé Luna con Carlos Mella. |

Xosé Luna con Carlos Mella. |

Xosé Luna Sanmartín

A Estrada

Gustaba de prepararse tranquilamente unha parva con leituga e queixo debaixo do freixo da casa, cun vaso de viño. Ou ver as nubes pasar. Ou coller o coche, sinalar un roteiro, e percorrelo para coñecer outros lugares. Gustaba da aldea, do silencio, da lectura repousada, dunha conversa cos amigos.

En definitiva, poñía en valor as «cousiñas» miúdas, as que temos ao noso carón e que normalmente desprezamos, as que non custan cartos, as que non están no mercado; as que nos fan a vida máis agradable.

Foi protagonista de excepción da nosa historia contemporánea, desenvolveu unha brillante traxectoria como economista, acadando postos de grande relevancia a nivel estatal e autonómico. Era sabedor de que toda a gloria do mundo, como dicía o poeta José Martí, colle nun grao de millo.

No seu camiñar pola estrada da vida, na súa obra ensaística e literaria, posuía o don de relativizar todas, absolutamente todas, as «cousiñas» e, ao mesmo tempo, e iso non é tarefa doada, facelas esenciais.

Estaba convencido de que a «dominación» era a palabra que explica o acontecer histórico. Dicía que Galicia seguía conservando o que Ortega e Gasset chamaba o nihilismo galego. Afirmaba que se non estimas o teu é moi difícil que os demais che estimen. E relembrábanos (sempre) que Castelao ademais do sentimento foi o único que lle deu ao noso país unha formulación política.

E para todo non dubidaba en recorrer á ironía talvez porque hai «moita fanfarria neste mundo». Velaí que nun repenique era quen de alumearnos coa súa sinxela, á vez que profunda, claridade discursiva.

«Temos que aprender que o produto máis importante que sae da mina é o mineiro; e tamén que fronte a ansia delirante do posuír debemos cultivar con agarimo, e con présas, a ampliación da conciencia, a profundidade dos sentimentos e a extensión da capacidade de comunicación e entendemento recíproco».

Teño para min que a definición máis acaída do Mella fíxoa Neira Vilas: «(…) Traballa sempre co pensamento e o corazón postos en Galicia. Como engadido á súa brillante traxectoria admiramos en Carlos Mella a súa sinxeleza, a súa proverbial modestia...».

Mella sempre será Mella. Toda unha arma (léase todo un poema) de construción masiva. Construíu soños, esperanzas, utopías. Re(construíu) Vida.

Un intelectual, lúcido, firme e comprometido, que fuxía de dogmas, de receitas moralizantes mais que era quen de poñernos a reflexionar. Que era quen coas súas «cousiñas» (léase «brincos de ritual») de descubrirnos que un mundo máis humano é posible.

Descanse en paz!n

Tracking Pixel Contents