Entrevista | Carlos Blanco Actor e cómico
«A esta idade, a mellor nova que podes recibir é que as analíticas saíron ben»
O vilagarcián, que comezará en breve a rodaxe dunha longametraxe de produción galega e estará tamén na segunda tempada da serie «Celeste», virá de novo á Estrada, o venres ás 20.30 horas no Teatro Principal, con «A penúltima»

Carlos Blanco nunha das últimas funcións do espectáculo que o venres chega a Estrada.
—O título «A penúltima» ten algún significado especial? Pode facernos pensar na súa xubilación.
É un xogo. Nunca se pode dicir que é a última, porque non se sabe. Teño 67 anos e podería estar xubilado, pero sigo tendo ganas e enerxía. Estou un pouco como Iago Aspas, que xa non está para xogar os 90 minutos. Mentres poida, mentres teña saúde e o público queira, isto pode ser «a penúltima» ou pode haber moitas máis. Pero, mira, aínda onte me chamou a doutora para dicirme que as analíticas saíron ben, así que temos Carlos Blanco para tempo aínda.
—Cando comezou con este espectáculo’
Se non me falla a memoria, a primeira función desta etapa foi en febreiro. É un espectáculo que foi nacendo pouco a pouco. Logo da función na Estrada quedan dúas en Ribeira, dúas en Santiago e unha en Catoira. Despois teño que parar por distintas rodaxes e retomaremos a xira entre setembro e novembro.
—Entendemos que está aínda en proceso de creación?
Si, totalmente. É un espectáculo que se vai construíndo co tempo. Traballo fundamentalmente con imaxes, máis que cun texto pechado. De feito, unha gran parte do material vai xurdindo a partir de ideas, de cousas que xa tiña ou que vou recompilando. A pantalla permíteme xogar moito: ás veces síntome como o home do tempo, sinalando e explicando por onde vén a «borrasca».
—Iso axuda tamén a facer o espectáculo máis atractivo visualmente.
Un dos problemas do monólogo é que pode ser visualmente pobre: unha persoa falando sen máis. Eu xa fixera experimentos antes con Luís Davila debuxando en directo, porque sentía que había que enriquecer esa parte. Agora, coa pantalla, consigo que o público non só me mire a min, senón tamén todo o que está a pasar nese «monstro» visual cheo de contidos variados.
—Pero entón, o texto está ao servizo da imaxe ou ao revés?
En realidade non hai texto como tal. Eu non escribo os espectáculos de maneira tradicional. Vou creando a medida que vou probando cousas en pequenos locais, que funcionan como laboratorios, como Garufa na Coruña ou Clavicémbalo en Lugo. Parto dunha idea e desenvólvoa co público e despois vou perfeccionando a medida que actúo. É un proceso continuo, como os equipos da NBA, que non adestran e están xogando todo o tempo.
—Supoño que isto implica un coidado escénico importante.
Levamos un espectáculo moi traballado a nivel de luces, música e posta en escena. Contamos con tres técnicos en xira, algo moi pouco habitual nun monólogo. En total somos cinco persoas en xira, e iso fai que o resultado sexa moi coidado.
—Entón cada función é diferente á anterior?
Si. En cada espectáculo engado cousas novas. O día da función poden aparecer elementos que nunca estiveron antes. Ademais, se coincide cunha data especial, como vai ser na Estrada, introduzo contidos que non uso noutros días. Poden xurdir cousas novas dun día para outro ou mesmo no mesmo día.
—Tamén implicas ao público?
Si. Hai unha parte na que utilizo imaxes de pancartas anunciando vodas que se ven polas estradas. Teño moitas recompiladas, pero tamén lle pido ao público que me envíe as súas. Así, a xente axuda a facer medrar o espectáculo. Vou quitando cousas e poñendo outras…
—Como está sendo a resposta do público?
Moi boa. Estamos enchendo auditorios. Na Estrada, por exemplo, creo que estaremos preto das 300 entradas vendidas. Todo apunta a que estará practicamente cheo. A función dura uns 70 minutos e é moi entretida, fresca e divertida, e a resposta do público está sendo moi positiva.
—Como vai o traballo? Teño entendido que pronto comezas a rodaxe dunha película aquí en Galicia e logo unha serie en Madrid?
Para que te fagas unha idea, antes de actuar na Estrada vou estar ensaiando unha película en Santiago, unha produción galega e en galego que comezaremos a rodar en breve e, ao mesmo tempo, estarei rodando en Madrid a segunda tempada de «Celeste», de Movistar Plus, na que teño un papel importante, man a man con Carmen Machi, o que para min é como xogar no Bernabéu.
—Quere enviarlle algunha mensaxe ao público da Estrada antes do seu regreso?
Ningunha mensaxe especial, só agradecemento. A poucos días da función, o teatro está practicamente cheo, así que só podo dicir grazas á xente da Estrada e da contorna. É o máis importante.
Suscríbete para seguir leyendo
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- Europa por segundo año consecutivo