Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Ricardo Terceiro Investigador e contador de historias

«Se o Estradense xogaba de vermello podía caerlle unha multa de 50 pesetas»

Este mércores presenta «Centenario», un libro que recolle os 100 anos de historia do Club Deportivo Estradense, ás 20.00 horas no MOME

Ricardo Terceiro é tamén colaborador habitual de FARO.

Ricardo Terceiro é tamén colaborador habitual de FARO. / BERNABÉ/JAVIER LALÍN

A Estrada

—En que momento e como xorde a idea de realizar este libro sobre os 100 anos de historia do C.D. Estradense?

Pois comezou a raíz da publicación do libro ‘Baiuca. A implicación dun pobo’, alá polo 2017, que conta a historia do proceso de construción do antigo campo de fútbol. Daquela facía unha publicación semanal en redes sociais sobre o club, sen ningunha pretensión, porque a historia do equipo era e é inconclusa, non como a do campo, que si ten un final. Así que decidín agardar a que cumprise os 100 anos para darlle un contexto temporal.

—Leva entón nove anos preparando este libro?

Si e non. Empecei daquela, no 2017. Chegou un punto no que deixei de publicar en redes, pero fun mantendo o ritmo de escrita e así, con outras cousas polo medio, fun completando a documentación e a historia dos 100 anos. O libro remata co final da tempada 2024/2025, coa fase final da Copa da Federación e a eliminación contra a Sociedade Deportiva Sarriana. Non é que a historia acabe mal, é algo anecdótico: non por cumprir cen anos tiñan que gañar.

—E como empeza o libro e, polo tanto, a historia do club?

O libro conta toda a historia dende aquel primeiro momento en que Emilio Velasco, comandante do batallón militar desprazado na Estrada, fundou o club xunto co daquela alcalde Jesús Durán Taboada, sendo o militar o primeiro presidente.

—Como foi a recompilación de información, a documentación, a busca de datos para contar este relato?

Normalmente cada tempada está documentada na hemeroteca e eu, ademais, colecciono moitos recortes de xornais, sobre todo dende que entrei na directiva. No libro inclúo moitos deses recortes e tamén fotografías. Non é que a información estivese toda recollida nun só sitio, agardando por min, senón que fun atopando datos aquí e alá, e tiven que recompilalos e organizalos para contar cada tempada. Por outra banda, outra das fontes é a miña propia memoria. De feito, ao final de moitos capítulos engado unha «nota do autor», na que conto os meus recordos dese momento.

—Hai fotografías que acompañen estes cen anos?

Si, sobre todo a partir dos anos sesenta. Na Estrada había varios fotógrafos que estaban practicamente en todos os eventos deportivos, porque eran das poucas actividades que había. Como adianto da presentación deste mércores, rescatei as primeiras imaxes en vídeo do Estradense: un arquivo do Museo do Pobo Estradense datado en 1962, gravado en Super 8. Aínda que a calidade é baixa, vese como o C.D. Estradense marca un gol ao S.D. Compostela na Baiuca, xunto con imaxes do público á saída do encontro.

—Cal é a época que máis lle gusta da historia deste equipo?

Os anos que van de 1967 a 1973. Lembro que fun á sede do equipo e pedín facerme socio. Colleron o meu nome pero esqueceron pedirme a data de nacemento. Tiña 15 anos, pero dende aquel momento quedei como socio adulto co número 007. Nesa etapa tamén destacan catro persoas fundamentais que mantiveron o equipo vivo en momentos moi difíciles: Seco, Fito Carballo, Pepucho Varela e Pedro Varela.

—A que momentos se refire?

Á época da posguerra ata ese 1973. Foron momentos moi complicados a todos os niveis. No plano deportivo, Pepucho e Pedro insistiron en manter viva a institución, xogando partidos amigables ala onde os convidaban. Como anécdota, o Estradense xogaba de vermello e Franco prohibiu esa cor baixo multa de 50 pesetas.

—Onde podemos conseguir «Centenario», este libro sobre os cen anos de historia do C.D. Estradense?

Na presentación deste mércores levarei algúns exemplares por se alguén o quere, pero xa podo confirmar que se fará unha edición de máis calidade en tapa dura que pronto teredes á vosa disposición nunha libraría da vila.

—Facendo referencia a outros libros e artigos que ten publicados, como aquí en FARO, considérase un cronista da historia estradense?

Non, non. Eu son un contador de historias, en todo caso. Ou, como me chama a IA coa que traballo, un investigador. Eu conto historias e momentos do noso concello como podería facelo calquera outra persoa, porque todos nos coñecemos e practicamente vivimos as mesmas cousas.

—Está traballando ou investigando en algo que poidamos ver ou ler proximamente?

Ando a voltas cunha obra de teatro e tamén cunha novela na que indago sobre a imaxe de Avelina Valladares. Para o mes, arredor da Festa do Salmón, presentarei un traballo sobre un restaurante da vila. Tamén estou retomando unha novela que comecei en 1988 e cuxo manuscrito perdín e recuperei anos despois, e outro proxecto sobre o contrabando de tabaco.

—Como vai ser a presentación do libro?

Prometo que será curta e amena. Entre outros estará un histórico do club como é Victor Lomba. Si se fai longa tedes permiso para marchar.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents