Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

In memoriam

O que nos deixou Samba, o noso veciño

Chegou a España dende o Senegal hai case dúas décadas na procura dunha vida mellor. Agora que conseguira papeis e unha vivenda digna, truncóuselle a saúde e falecía o domingo aos 48 anos

Samba nun banco da Praza Gumersindo Areán, de Rodeiro.

Samba nun banco da Praza Gumersindo Areán, de Rodeiro. / CEDIDA

Alba Forno Crespo

Rodeiro

A vida dalgunhas persoas que viven ó noso carón, a miúdo resúltanos allea e pasan por onda nós sen pena nin gloria. Non é o caso de Samba.

Samba chegou a España dende o Senegal hai case dúas décadas na procura dunha vida mellor. Foi saltando dunha comunidade a outra, traballando arreo para gañar o sustento co que poder vivir e, de ser posible, poder axudarlle ós fillos e á familia que deixara atrás.

Foi feirante, recolleu froita, muxiu vacas e limpou granxas ata que conseguiu o contrato de traballo que lle permitiu regularizar a súa situación no noso país, que tamén era o seu. Seguiu traballando en granxas e en matadoiros. Todo mellorou para el e para nós como sociedade cando acadou os papeis.

Samba viviu e traballou dez anos na cidade de Pontevedra e tamén nos concellos de Lalín e Silleda. Chegou a Rodeiro plenamente integrado, convivindo coa veciñanza, saudando cada día ó pasar, cotizando, orgulloso de España ata na roupa, traballando e consumindo no pobo. Gustábame botar o conto con el e escoitar as súas vivencias, aprendín máis del do que puido aprender el de min.

De súpeto, truncóuselle a súa saúde non hai moito; xusto cando a súa vida estaba encamiñada. Foi precisamente neses momentos cando sentiu o alento dos veciños e veciñas, quen se esforzaron por estar ao seu carón, axudándolle cos trámites, preocupándose e falando coa súa familia de Senegal. Isto foi mostra do respecto que el mesmo se gañara, así como do apoio dunha comunidade que o acolleu sen dubidalo.

Tristemente, faleceu o domingo sen que chegaran os seus fillos a tempo para acompañalo, deixando como último desexo o encargo de agradecer aos veciños e veciñas de Rodeiro o apoio.

Como este caso haberá milleiros, por iso é necesario dar a coñecer esta historia que pasou aquí, en Rodeiro, preto de todos e todas.

É de xustiza dicir que Samba achegou máis á nosa sociedade do que nós lle puidemos dar a el. Ogallá teña máis sorte na outra vida, se é que a hai, ca que tivo nesta.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents