Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Entrevista | Iria Collazo López Escritora

«A voz de ‘A espera’ agarda unha paz que nunca da chegado»

Ven de gañar o Premio de Novela Manuel García Barros do Concello da Estrada

Iria Collazo López é natural de Barro.

Iria Collazo López é natural de Barro.

A Estrada

Como está agora, logo dunhas horas de coñecer o fallo do xurado?

Aínda estou bastante abafada; é unha honra moi grande para min recibir este recoñecemento. Ademais, téñolle un cariño especial, xa que levaba anos vinculada a este certame e á xente que participa nel activamente e hai uns anos tamén fun xurado nel, onde resultou gañador o autor Fernando Castro.

—Como nace «A Espera»?

Foi xurdindo aos poucos desde hai moitos anos. É unha compilación de reflexións sobre distintos temas que fun artellando de xeito que compartan un fío condutor común, e onde as relacións amorosas, a literatura, a filosofía ou a saúde mental teñen un papel fundamental.

—Cal é a «espera» á que se refire o título da obra?

Abro a novela con varias citas de diferentes autoras e autores que quizais poidan axudar a desentrañar este misterio, aínda que penso que a espera é un estado mental que non se corresponde tanto a un momento concreto, senón quizais a unha traxectoria. A espera está presente en moitísimas obras da literatura universal e tamén se vai desenvolvendo ao longo da lectura global do texto. Neste sentido, a voz narradora sente que está nun momento vital en que non é quen de tomar as rendas da súa vida nin da súa relación de parella, que a leva constantemente a agardar unha paz que nunca da chegado.

—Hai vivencias propias na súa novela?

Si, definitivamente hai moitas, pero tamén hai outras que aparecen transformadas. A literatura, ao final, é un finximento; e tamén o é cada unha das liñas que aparecen en ‘A espera’. En canto aos personaxes, non diría que aparecen unicamente dous personaxes principais, aínda que boa parte da trama e das reflexións metaliterarias se constrúan ao redor da relación entre eles.

—Onde estaba e que facía no momento que te chamaron para comunicarche o premio?

Cando recibín esta marabillosa noticia, estaba vixiando o exame dunha alumna no meu instituto. Non sei se a beneficiei ou non, porque creo que se desconcentrou un pouco, aínda que tamén é certo que a miña atención se desviou bastante.

—Que tal reaccionou o seu entorno ante este premio?

Felices, como non! Os alumnos ata me aplaudiron! Aínda que é certo que estes aplaudirían calquera cousa con tal de perder un chisco do tempo lectivo. A familia e os amigos, que sempre están aí, tamén o están neste momento tan bonito de celebración e alegría.

—Pensou na gala de entrega do premio mais na novela editada?

Si, a edición e publicación da novela xa está en marcha e faime moitísima ilusión e algo de vertixe pensar na novela xa física, ademais do acto de entrega e discurso que deberei dar.

—Está traballando nalgo novo?

Teño entre mans a tradución dunha das miñas novelas ao castelán e tamén a creación duns relatos de ciencia ficción, aínda que ás veces é difícil compaxinar traballo, fillos e creación literaria.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents