Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Hai que ser amables pero tamén firmes, non se pode negociar co idioma»

Costas, na cidade olívica.  | PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

Costas, na cidade olívica. | PABLO HERNÁNDEZ GAMARRA

A Estrada

Vostede participa este venres na presentación do protocolo ‘Lingua Vital’, na Estrada. Pode adiantarnos en que vai consistir a súa intervención?

Vai ser unha intervención absolutamente persoal, onde explicarei como trato de vivir a miña vida en galego nunha cidade como Vigo, empregando a lingua en todos os ámbitos: nos rexistros, nas notarías, nos comercios, en todas partes. O primeiro que lle pido a un galegofalante consciente é que non renuncie nunca. Hai galegofalantes por inercia que cambian ao castelán nestas situacións, pero iso non ten sentido. Hai que ser educados, pero tamén firmes e intelixentemente intransixentes, é dicir, non negociar co idioma.

Vostede recuperou a fala autóctona malia ser criado en castelán. Como foi ese proceso?

Efectivamente, e isto tamén o abordarei o venres. A miña familia pasou por ese proceso de regaleguización. Despois de vir dunha xeración na que se nos privaba do idioma, decidimos de forma consciente que nós non podiamos facer o mesmo cos que viñeran atrás. Agora os meus sobriños, sobriños netos e fillos xa falan todos galego. Neste proceso, un dos obstáculos máis relevantes é a falta de centros de ensino que garantan o emprego da lingua.

Pensa que aínda queda traballo por facer en materia educativa?

Por suposto. Segundo datos dun estudo que fixemos na Universidade de Vigo, dos 166 centros educativos que hai nesta cidade, só un e medio emprega o galego nas aulas. Outro dato que preocupa é que, en enquisas realizadas pola Real Academia Galega, vese que en Ames, por exemplo, o 40% do alumnado de infantil ten o galego como lingua nai, mais ao chegar a primeiro de primaria só o 10% o continúa empregando. Isto demóstranos que algo sucede e que estamos perdendo falantes na cativada e entre a xuventude. Por iso, ademais de crear un Plan Xeral de Normalización Lingüística que efectivamente se implemente –non como agora–, penso que é moi importante contar con centros específicos onde a ensinanza sexa integral neste idioma, porque o castelán xa sabemos que o van aprender de todos os xeitos.

Ademais do ensino, hai outros ámbitos onde se debería reforzar o uso da lingua?

A sanidade é tamén alarmante. Eu quero poder escoller en que lingua son atendido cando vou ao médico. Non é a primeira vez que un facultativo me pide que me dirixa a el en español. É en situacións como esta nas que non debemos cambiar. Estamos en Galicia, e é fundamental que defendamos o uso da lingua no único sitio no que realmente podemos vivir falando nela. Pero non só aquí hai que ser firmes: tamén é importante consumir de forma coherente, en establecementos e produtos do país, que empreguen o idioma.

Como ve a situación actual do galego?

É dramática, pero reversible. Se individualmente tomamos decisións como as que veño mencionando, podemos darlle a volta. Ademais, é fundamental un compromiso institucional serio e crible, que quen nos representa predique co exemplo, algo que agora non sucede, polo menos non na Xunta.

Vostede é autor de ‘50 mentiras sobre o galego’, onde atalla algúns dos prexuízos arredor do idioma. Cales son os principais? Superáronse xa?

Empeoraron. Unha das cuestións que máis prexudica é esta crenza de que o galego é para o rural e para a xente maior. Isto vese reforzado en moitas áreas, como o ensino ou mesmo a televisión pública, onde vemos programación e unha linguaxe que nos presenta un único modelo da lingua, no cal moitos non nos vemos representados. Para poder mellorar teriamos que crear formatos diferentes, pero tamén defender o papel das cidades como motor de cambio. Que ver a xente nova falando galego en Vigo, por exemplo, non sexa sinónimo inmediatamente de que esas persoas non son de alí, algo que eu vivín cos meus fillos e que aínda acontece.

Para rematar, vostede fala da importancia das decisións e os comportamentos individuais. Pensa que é posible contaxiar a galeguización a outras persoas do noso entorno se nós damos o primeiro paso?

Dende logo, e sei que é así porque eu mesmo o vexo e o vivo. Se ti falas en galego e premias que o falen contigo, a xente vaise animando pouco a pouco e descobre que en realidade si que sabe falalo. Pero, sobre todo, trátase de crear cada vez máis espazos para relacionarnos e vivir na nosa lingua.

n

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents