Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

tRIBUNA LIBRE

Camiñando na Escola do Foxo con Xosé Luna

Rosa Mª Ferreira Castro*

Hai 22 anos chegou ao Centro un mestre que viña de Lalín con moitas inquedanzas, con gañas de traspasar os límites físicos do Centro, con ideas de que o ámbito educativo ten que sustentarse na nosa cultura... así este mestre activista incansable traballou arreo para que este Centro non fose algo alleo ao entorno cultural, artístico e ambiental; ideando multitude de actividades para os pereiriños nas que o denominador común fose a empatía, o respecto, a solidariedade e o sentido da xustiza.

No Colexio, sempre actuando nun segundo plano, e dende a súa xenerosidade, puxo o seu activismo cultural ao servizo desta comunidade desenvolvendo proxectos moi novidosos, creativos e importantes facéndonos partícipes e protagonistas aos que estabamos ao seu redor, ao seu carón. Cantos mestres, cantos pereiriños, cantos escritores, cantos artistas.... canta xente pasou por este Colexio da súa man para deixar unha pegada inesquecible na historia deste Centro!

Xosé Luna é quen de combinar, sen solapar, a súa faceta como escritor e como mestre. Nunha entrevista realizada polo Diario Nós cando gañou o premio de xornalismo Manuel Reimóndez Portela dicía: «Un escribe para que o lean. E neste sentido o gusto, o pracer polos libros, polas lecturas son parte do meu quefacer diario, dos meus soños, da miña vida».

Xosé Luna é unha persoa que amodiño, devagar, sen decatarnos vai tecendo unha rede que nos envolve a todas e todos cos fíos da ilusión, fíos irrompibles, firmes. Contáxianos coa súa maxia, coa súa frescura, co seu encanto, coa súa xenerosidade, cos seus versos e os seus poemas, achegando ideas sen ruído e con moita sensibilidade, para que, en definitiva, neste mundo reine a Luz, a Paz, a Xustiza e a Dignidade.

«Foi quen de poñer este Colexio no centro da cultura de Galicia», como escribíu no seu día Valentín García. Como exdirectora quero transmitir o afecto que esta comunidade educativa lle profesa, o agradecemento pola súa implicación sen esperar nada a cambio, o recoñecemento polo seu compromiso como Mestre ( con maiúsculas) e por todo o que nos foi ensinando, gratitude por introducir valores de respecto cara a nosa lingua, a nosa cultura… e por tantas e tantas «cousiñas».

Moitas grazas, Xosé, por ter posto nas nosas mans iniciativas marabillosas que nos van permitir reflexionar, debater, ler en voz alta, recitar, coñecer, compartir....en resumo, estratexias que facilitan o coñecemento da cultura e que fan posible aumentar as posibilidades de éxito dos nosos Pereiriños.

Por todo isto, querido Amigo, sentímonos moi orgullosos, honrados e ledos de terte como compañeiro e de que unha aula do Centro leve o teu nome.

E remato coa mensaxe que Xosé deixa para os Pereiriños do CEIP do Foxo: «Ser boas persoas. Teño para min que a bondade é a única calidade, a única que fai un ser humano superior a outro».

Tracking Pixel Contents