Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Premio literario

Iria Collazo gaña o García Barros coa novela «A espera»

O xurado destacou a forza emocional e expresiva da obra, centrada nunha historia de amor

O xurado onte durante o fallo.

O xurado onte durante o fallo.

A Estrada

A Estrada proclamou este martes o nome da gañadora do XXXVIII Premio Manuel García Barros de Narrativa. Nesta ocasión, o recoñecemento foi parar á escritora e profesora Iria Collazo Castro, que destacou coa súa novela «A espera», unha obra centrada no amor e no desamor que será publicada por Editorial Galaxia no vindeiro mes de xuño, coincidindo co acto de entrega do premio.

O certame, convocado polo Concello da Estrada e que xa vai pola trixésimo oitava ediicón, contou cun xurado integrado por Ánxela Rodríguez Rodríguez, Laura Paz Fentanes, Marcos Sánchez Calveiro, Armando Requeixo Cuba e Carlos Loureiro Rodríguez, quen exerceu como secretario. Os membros tiveron que avaliar un total de 19 obras e adoptaron a súa decisión por unanimidade, destacando que a obra gañadora contou cunha forte competencia na fase final.

A novela, presentada baixo o lema A espera. Dúas historias de amor, foi recoñecida polo xurado pola súa intensidade emocional. Segundo sinalaron, destaca «a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida».

Na súa valoración, tamén puxeron o foco no poder expresivo da obra, indicando que está narrada «coa forza dos sentimentos encontrados». Engadiron ademais que «as pulsións emotivas lévannos da man por un carrusel de ledicias, tristuras, encontros e desencontros que debuxan un complexo mundo de relacións interpersoais nas que ninguén sae indemne».

O xurado salientou igualmente a calidade formal do texto, subliñando que «destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas, conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela luminosamente».

Unha vez coñecido o fallo, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, foi a encargada de comunicar o premio á autora, natural de Barro e residente en Moaña, quen recibiu a nova «con profunda sorpresa e ledicia».

O acto de entrega do premio celebrarase a mediados de xuño nun evento público e aberto. Ademais da publicación da obra, o galardón está dotado cun premio económico de 9.000 euros.

«A espera» toma o relevo de «Punto de Araña», da escritora Nerea Pallares, unha novela que acadou unha notable acollida entre o público e que foi traducida ao castelán e ao catalán.

Tracking Pixel Contents