Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Viñedo

A Deputación aconsella tratar contra o mildio ante a chegada de choivas

Redacción

Lalín

A Deputación de Pontevedra recomenda iniciar os tratamentos antimildio nas viñas máis desenvolvidas ante a previsión de choivas para os vindeiros días e unha vez rematado o período de incubación da enfermidade. O aviso da Estación Fitopatolóxica do Areeiro indica que aínda non se detectaron síntomas nas parcelas controladas, pero advirte de que a aparición de manchas pode ser inminente nas comarcas vitivinícolas da provincia.

O persoal técnico sinala que as precipitacións dos últimos días, xunto con episodios puntuais de calor e bochorno, crearon un escenario favorable para o desenvolvemento do fungo. Por iso, recomenda actuar nas parcelas onde aínda non se aplicou tratamento ou non se realiza seguimento específico. A estación fitopatolóxica advirte de que algúns tratamentos se realizaron con vento, o que diminúe a súa eficacia, incumpre a normativa e pode supoñer un risco para as persoas e o medio. Así que insiste en respectar as boas prácticas fitosanitarias e aplicar os produtos en condicións axeitadas.

Areeiro detectou síntomas de erinose na maioría das viñas, aínda que nas adultas non adoita ser necesario tratar salvo en casos graves nas máis novas. Tamén observou danos puntuais por caracois e polo vento. E recolleu a presenza de lepra en moitos pexegueiros e recomenda tratamentos para frear o avance do fungo, así como manter a vixilancia sobre o buxo ante as eirugas da bolboreta.

Tracking Pixel Contents