Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Centenaria

Piedad Gil Méndez, un século de loita, fe e ganas de vivir: «Ganas de morrer non teño»

Veciña do lugar de Delaparte, na parroquia lalinense de Goiás, celebra o seu centenario rodeada da familia despois dunha vida marcada por perdas durísimas, traballo incansable e unha fe e fortaleza admirables

Piedad Gil Méndez, un século de loita, fe e ganas de vivir

R. V.

Moncho González Varela

Lalín

Hai vidas que merecen ser contadas porque nelas cabe a historia dunha familia e tamén porque son exemplo dunha xeración enteira. É o caso da miña avoa, Piedad, que este 11 de abril celebra o seu 100º aniversario convertida nun símbolo da resistencia, fe e amor á vida. Para min, un dos seus dez netos, falar dela supón encher o peito de orgullo e admiración por unha muller que está a deixar unha pegada enorme nas nosas vidas.

A nosa avoa naceu en Delaparte, en Goiás, onde segue un século despois, coma se a propia terra gardase nela unha parte da súa historia. Desde moi pequena a vida ensinoulle a ser forte. Con só sete anos perdeu a súa nai, un golpe durísimo que a obrigou a medrar antes de tempo. A súa irmá maior, Amparo –que estes días celebra tamén a extraordinaria cifra de 104 anos–, emigrou para a Arxentina, e foron o seu pai, o recordado abuelo do banco, e máis ela quen tiveron que coller as rendas da casa e sacar adiante ao resto dos irmáns. Naquela nena quedou xa gravada para sempre esa capacidade de loita que a acompañaría toda a vida: unha muller valente, traballadora incansable, fondamente relixiosa e cun optimismo que nin os golpes máis duros foron quen de apagar.

Piedad, coa torta do seu centenario.

Piedad, coa torta do seu centenario e o ramo co que a obsequiaron. / Bernabé

Co paso dos anos formou a súa propia familia, xunto ao seu compañeiro de vida, o noso querido avó Ramiro, a quen tanto botamos en falta. Tivo cinco fillos (Marisa, Pepe, Celso, Manolo e Suso), dez netos e doce bisnetos. Mais o destino volvería poñela a proba dunha forma especialmente cruel. No ano 1995 faleceu o seu marido, e apenas un mes despois a súa filla maior, Marisa. A perda dunha nai, unha parella, unha tía ou unha irmá é absolutamente terrible. Pero hoxe, como pai, resúltame case imposible imaxinar o sufrimento de ver marchar unha filla. E, con todo, a avoa volveu facer o que sempre fixo: seguir adiante. Cos seus rezos, coa súa enteireza e cunha fortaleza que nunca deixou de abraiarnos.

Tanto eu como os meus irmáns, pasamos gran parte da nosa infancia en Delaparte, cos nosos avós, tíos, e as primas que xa vivían naquela casa e que tiveron a grande sorte de compartir toda unha vida con ela. Era unha casa chea de vida, de historias compartidas e de días (e noites) eternos xogando e medrando do xeito máis feliz imaxinable. Son recordos que forman parte do mellor da nosa nenez e que hoxe cobran aínda máis valor.

Hai unha frase súa que a define mellor ca ningunha outra, e que aínda hoxe repite con esa mestura de humor, retranca e carácter que conserva intacta: «Ganas de morrer non teño». Nunhas palabras tan sinxelas condénsase toda unha filosofía de vida: seguir, resistir, vivir. Porque se algo foi sempre a nosa avoa é iso: unha muller que nunca se rende.

A muller conserva a súa lucidez e as gañas de vivir.

A muller segue regalando momentos de lucidez, humor e retranca. / Bernabé

Ata preto dos 95 anos valeuse por si mesma, algo que na familia sempre lembramos con admiración. Recordo chegar a Goiás e vela nas cortes cos porcos, alimentando ou muxindo ás vacas, coidando das galiñas e coellos, na horta sementando ou apañando... De chegar á aldea, a sempre marabillosa aldea, e ver esa cariña emocionada que se asomaba a ver quen viña a visitala ou a pasar a tarde con ela.

En novembro do 2021 unha neumonía estivo a piques de quitarlle as ganas de seguir adiante, pero sí, unha vez máis, logrouno. Despois caeu tamén nas redes da maldita covid-19, que igualmente superou, demostrando esa forza case inexplicable que sempre leva dentro.

Desde entón vive co seu fillo Celso e coa súa nora María, tamén en Delaparte, que a coidan con todo o cariño, a paciencia e a entrega do mundo. E quero aproveitar esta oportunidade para deixar por escrito un agradecemento enorme e sentido cara a eles. Estou completamente seguro de que, se hoxe celebramos os 100 anos da nosa avoa, é en gran medida grazas ao seu esforzo diario, silencioso e impagable. Grazas,Celso. Grazas, María. E grazas tamén ás súas fillas, Fátima, Susana e Marta, por manterdes sempre ese fío de unión e por ternos informados cando a distancia ou outras circunstancias da vida non nos permite estar tan preto como quixeramos.

A pesar dos coidados propios da idade, e de que desde hai uns anos xa non pode valerse por si mesma para moitas cousas, segue regalando momentos de lucidez, humor e retranca que lle alegran o día a calquera. Segue sendo, no esencial, a mesma muller forte, agarimosa e chea de fe que marcou a nosa infancia. Agora son os nosos fillos e fillas –os seus bisnetos e bisnetas– os que lle devolven ese sorriso cando os ve correr e xogar pola casa.

Moitos parabéns, avoíña. Querémoste un mundo. E falo en nome de toda a túa familia. E si, xa sei que se adoita dicir iso de «non teño avoa» cando un presume demasiado, pero no noso caso sería imposible non facelo: tendo a Piedad, o raro sería non presumir. Sí, temos avoa, e temos avoa para rato.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents