Unha administración ancestral
A pelella do boi e as veas de ouro: mapa mitolóxico da terra de montes
O sistema mitolóxico tece na xeografía da comarca unha sorte de arañeira emocional que nos vencella ao territorio

Visita guiada á Portalén (A Lama). |
Calros Solla
Moito me sabe elucubrar arredor da organización territorial que, no ámbito da mitoloxía, vertebra a comarca histórica de Montes (concellos de Cerdedo, Forcarei e Beariz). Moito me avece debandar o misterio deste seu artellamento mitolóxico, a rede neural que subxace, o relato lendario que rodriga os talos do relato histórico.
Os dominios do mítico conxuntarían unha Administración ancestral, en paralelo ao ordenamento que, segundo a súa ocorrencia ou comenencia, compoñen e recompoñen os poderes públicos de onte e hoxe. Concellos e provincias flutúan ao vaivén da historia; comarcas e nacións fondean na abra da tradición.
A comarca de Terra de Montes, eido dos célticos metacios (Parrochiale suevum, séc. VI), acóutase a catro fitos tan colosais coma inamovíbeis e imperecedoiros, por moito que tezan ou destezan os zolados cambiamarcos: «Á Terra de Montes pechan catro xighantes (ou cumes) o seu van: o Seixo, Costoia e Coco e bon petrucio Candán». Así o recolleu do pobo e o amplificou coa súa gaita de fol o célebre Gaiteiro de Soutelo, personaxe de lenda, alter ego do mortal Avelino Cachafeiro. Así nos define o mito fundacional da «maldición do sangue», orixinador da nosa circunstancia: a caste de «ameigados» que, expulsados do lar marítimo, atinxiron a Meta –a fragosa fronteira interior– e prosperaron arrostrando o arredamento forzoso e a crueza dos elementos.
Dende os tesos e caivancas do Testeiro, morada da deidade ctónica Mariadiz, duplicada na moura costureira (Mari Diz) que, no planalto do monte Seixo, afogou no pozo da Muller Morta, e até o gravado rupestre da Laxa da Romaxe I (Pedre-Cerdedo) –cruciformes de termo descubertos por Capitán Gosende en outubro de 2015–, esténdese a Terra de Montes (leste-oeste, uns 20 km en liña recta). Isto é axioma montañés, carácter forxado na caldia das especificidades orográficas e culturais da comarca.
O dicionario RAG define a voz «pobo» como o conxunto de persoas que viven nun lugar determinado e teñen en común a lingua, as tradicións ou as institucións (1ª acepción), e na 3ª: conxunto de persoas que están unidas por unhas mesmas crenzas relixiosas (mitoloxía en sentido amplo), unha orixe común, ou calquera outro lazo.

Castrodiz, estrema das parroquias de Castro e Figueiroa (Cerdedo). / s
Nicolás Avellaneda (1837-1885), avogado, xornalista e político arxentino –ministro de Instrución Pública e presidente do seu país–, legounos esta máxima: «Os pobos que esquecen as súas tradicións perden a consciencia dos seus destinos». Seguindo a reflexión, Lleras Camargo (1906-1990), xornalista, humanista e político colombiano –tamén presidente do seu país–, engadiría: «Un pobo sen tradición é un pobo sen porvir». Apliquémonos, por acaídos, os aforismos; adoptémolos como folla de ruta todos os galegos e, entre eles, os indíxenas de Terra de Montes.
Eu apelo á tradición vivida, buscada, oída con atención e oportunamente transmitida en lingua propia, interpretada e anovada. Eu atopo na sabedoría popular os argumentos para elucidar calquera dúbida existencial e identitaria. E coincido co xornalista e escritor mexicano Carlos Fuentes (1928-2012) cando afirma que «para crear, un debe ser consciente das tradicións; pero para manter as tradicións, un debe crear algo novo».
Persisto, inspirándome na rica herdanza, en darlles lustre aos símbolos do morgadío e, se cabe, en anovalos –conforme o meu humilde enxeño–; mesmo en xerar novos símbolos, entendéndoos como ferramenta eficaz de reafirmación e cohesión social. Poño por exemplos, a Montaña Máxica do Seixo, a colección Cerdedo in the Voyager, o Roteiro da Pantalla, o Campo das Laudas... Estas iniciativas voan en revoan en Internet, superando con habelencia o silenciamento caciquil, a miseria do deixarse morrer. Estas iniciativas rebélanse contra as políticas de terra queimada, enrocadas na inexorábel extinción, escamoteadoras da nosa esperanza de cambio. Boten a vista atrás; ollen, por exemplo, cara a Portalén –dada a coñecer no ano 2002–. Tras un labor ininterrompido de divulgación (máis de 5.300 participantes nos roteiros guiados), Portalén é hoxe, vox populi, símbolo ineludíbel da galeguidade, inmortalizada, entre outras artes, pola literatura escrita na nosa lingua e polo estro musical (v.g.: Eduardo Soutullo: «Alén», 2019; Marcos Neira: «Portalén», 2021; Treixadura: «Portalén», 2026). Eis a porta lendaria que xurdiu do maxín cerdedés gratis et amore, inmune ás miserias humanas, impertérrita fronte á mesquindade.
Os lugares simbólicos apontoan a íntima pertenza a un territorio, vinculan os habitantes co medio, favorecendo a preservación dos valores naturais e culturais –a nosa forma de ser–, e axudan a impedir os desmandos das políticas de acabación.

Visita guiada ao Castro Grande (monte do Seixo). / Cedida
Máis alá dos lindes mundanos, a trama e a urda lendaria debúxannos un mapa de fonda e compacta raizame. Ao respecto, baseándome no patrimonio inmaterial recollido ao longo de tres décadas, desexo plasmar deseguido como se constrúe, consolida e acomoda, no plano mitolóxico, unha comunidade humana ao seu habitat cotián. Velaquí os «territorios míticos», avindos a marcos ben coñecidos; velaquí as veas, trabes, vigas ou galerías de ouro, tendidas coma fíos eléctricos de pau en pau, de torre en torre baixo a paisaxe; velaquí os itinerarios telúricos descritos polos quefaceres arcanos da mouramia (as lonxitudes en liña recta que propoño para estes axóns calculáronse a voo de paxaro). Vén ao caso engadir que, en Tomeza (Pontevedra), as moreas lonxitudinais de herba segada reciben o nome de «veas», e válennos tamén de imaxe clarificadora. Vexamos:
O relato da Chousa de Pedro Bras –recollido xacando na aldea da Alén (Xirargha-Beariz)– e o reiterado asunto dos chantos demarcativos configuran a fundación da parroquia de Pardesoa (Forcarei), desestimando por recentes e mundanas as fronteiras provinciais. A zarra orixinal de Pardesoa estremaría co couto das Correas (Xirargha), A Correa actual. Os frades do mosteiro de Aciveiro (Forcarei) –que exerceron o seu dominio xurisdicional sobre a Terra de Montes dende o séc. XII– ofrecéronselle ao pobo para esconxurar o Medo do Portacabalo e, en troco, requiriron dos veciños as rendas que producise a terra abranguida pola pelica dun boi (argucia da coira –o mallón– encanada en fitas: «as correas»). Para os naturais da Correa, a estrema de perto ficaría estabelecida pola pedra de Xan Xil (pedrafita reutilizada), linde co lugar de Framia; a estrema de lonxe caería na mámoa da Portela da Cruz (Ricovanca-Xirargha).

A meda do monte do Seixo. |
No mesmo túmulo da Portela da Cruz conflúen as derregas das chamadas Leghua dos Mouros e Leghua do Frade.
Des a mámoa da Portela da Cruz, a Leghua dos Mouros estenderíase até a Laxe das Sete Cruces e mais o outeiro do Libro (Cambeses-A Varcia, A Lama), na bareira meridional da serra do Cando.
Polo que respecta ás mardeas da Leghua do Frade, a tenza reclamada por santo Ero da Armenteira ao rei Fernando II da Galiza (séc. XII) e amolloada tamén co recurso sagaz da pel de boi anoada en tiras, ocuparía o espazo delimitado polos seguintes fitos: dende a mámoa da Portela da Cruz (L), atinxe no alto Seixo a necrópole de Chan de Mamas (N) –tumba do Tecelán de Carballás–, a mámoa de Xestido (O) –ambas en Forcarei (Sta. Mariña de Presqueiras)–, e a mámoa do outeiro dos Ramos (S), na serra do Suído. Aos sagros lugares de Portalén e o Marco do Vento (A Varcia do Seixo-A Lama) –o oenach da Feira Vella– atribuiríanselles neste territorio mítico unha posición central. O mosteiro de Oseira –priorado de Marín– exercería potestade (dende o séc. XII) sobre a Neveira de Cimadevila (Caroi-Cotobade) e o seu depósito de xeo.
Seguimos. Des a mámoa de Xestido –á beira das lagoas– oriéntase cara ao oeste o aliñamento lítico das Pedras Ghiadas. O soterrado corredor megalítico acada a peneda do Castro Ghrande –crisol da nosa mitoloxía popular–, debuxando, ao tempo, a estrema entre as parroquias de Cerdedo e Forcarei (as dúas Presqueiras). O lombo das Pedras Ghiadas indicaría a existencia dunha galería soterrada (vea de ouro, consonte outras versións) que comunica o tremedal de Xestido (enxoval haxiográfico da santa Mariña e da cidade asolagada de Trentinán) co pozo Sangoento (no río do Seixo), amecendo na cova do Castro Ghrande e na boqueira infernal do outeiro da Penadaigha (2.590 m de lonxitude). No leito abisal do Sangoento, a temíbel serpe Bichoca garda un tesouro: unha grade de ouro e un carro de áureas ferraxes que, a tombos, caeu do alto de Costoa (Chamadoira-Cerdedo) ao lles brandearen os pés aos bois que puxaban pola carga (+600 m: uns 3.200 m de lonxitude).
Volvendo aos cumes (xighantes) que pechan a comarca, outra vea de ouro une o Campo das Mámoas de Fixó (Pardesoa) –na aba do monte Costoia– coa mina da Fontefría do monte Seixo (5.380 m de lonxitude). Da Fontefría, consonte o Ciprianillo, a cabeceira do filón foi exhumada polos Armada –liñaxe de canteiros–, enfrascados na racha de pedra para chantos. O achado explicaría o seu repentino enriquecemento.

No Campo das Mámoas de Fixó (Pardesoa), ao pé do Coto Costoia. |
Sen abandonar Pardesoa (Forcarei), dende a mámoa espoliada coñecida polo Burato da Moura (nos Toxais da Carballa) emparéllanse dúas vigas –unha de ouro e outra de alcatrán– até a carballeira do Samarco e mais os Curriños de Ventoxo (900 m de lonxitude), sostendo os dormentes da capela do Samarco, cuxa advocación orixinal viría sendo o san Mateo, pequena imaxe de pedra atopada in illo tempore na fonte da Lameiriña.
Na mesma orientación, entre as parroquias de Folghoso (Cerdedo) e Ventoxo (Forcarei), camba e averduga a Serra do Home, replicante da Serra da Muller (ao norte da anterior), baixo a pagá advocación de Mariadiz –deidade omnipresente e aglutinadora–. Na Serra da Muller sitúase a Pena da Cruz (Acivedo-Millarada), e dende alí, en inveterada procesión –e entre mámoas– deica os vestixios da ermida do San Salvador, erixida nas inmediacións da fonte da Porreta ou do Anghinido (2.550 m de lonxitude).
Permanezo en Forcarei. Polas festas do Santo Antonio de Gharellas (Millarada), empregando unha das moitas galerías do castro (castro de Gharellas), un mouro baixa ao poboado para bailar coas mozas (300 m de lonxitude).
O Coto da Mámoa da Madanela comunica por pasadizo subterráneo co Coto do Castro, en Sanguñedo (830 m de lonxitude). No Coto da Mámoa ábrese unha cavidade pola que os mouros levan as súas mulas a beber ao río da Madanela (regueiro do Mesón) (100 m de lonxitude).

No Burato da Moura, mámoa dos Toxais da Carballa (Pardesoa). |
En Dúas Ighrexas, un túnel pon en comunicación o castro de Loureiro co río do Castro (o Lérez) (250 m de lonxitude).
Véñome á parroquia de Cerdedo. Dende o castro de Arén, unha galería baixo terra acada o fondal do pozo da Torre –no río do Castro–, obra dos mouros minadores do ouro, antes de seren vítimas de esconxura (220 m de lonxitude).
Outro depósito de ouro largacío tómbase entre os Aghorvellos e a Cerrada das Mámoas do monte Sangal (Cerdedo) e a Torre dos Mouros, acreditando ricos labores mineiros, cuxos réditos alzaron a célebre fortaleza –trono da raíña dona Ghurina–, farallón de cuarzo refolguexante que unía ambas ribeiras do río Lérez, até ser derrubado polos couces do cabalo de san Santiago.
Outra veta de ouro alíñase dende a Torre dos Mouros até o Outeiro Rachado (ou viceversa), fito de deslinde das parroquias de Figueiroa e Parada. (Suma das lonxitudes de ambos treitos: 1.820 m).
Orixinándose nos ocultos adarves da Mouteira (Parada) e finalizando na ponte Parada do Lérez, avanza outro pasadeiro soterrado para servizo privado da mouramia (300 m de lonxitude); e outro dende a propia A Mouteira para rematar no castro das Cercas (300 m de lonxitude), de face ao precipicio do regueiro da Freixeira; coexistindo ambos os dous coa ruta inmemorial dos arrieiros a Compostela, custodios, á súa vez, do ouro líquido do Ribeiro.
Miramos arestora cara ao oeste e vemos alzarse sobranceira a meda de Castrodiz, flor debagada en pétalos de prospección. O penedo nomeado Cabeza do Mouro é porta pechada ás galerías de ouro enrestrado: unha cara á fonte da Crica –na que abeberan as cabalarías dos mouros– (625 m de lonxitude); outra deica os Aviosos –veigas do río de Quireza, fronte a Bugharín– (1.670 m de lonxitude), veta de ouro en pebidas, que as fará aflorar unha cabra esparruñadora; outra deica a Fonte Manfreo, filón de ouro mesto; outra até a ponte do Cando, sobre o río de Quireza: dereitiña pola rodeira da ponte, a roda do carro toca na veta de ouro (2.100 m de lonxitude).

Roda do Castro e Castro de Abaixo. Os Castros-Quireza (ano 1956). |
Principiando na Roda do Castro (Os Castros-Quireza) e atanguendo a Porta Meixón, unha bóveda subterránea conduce ao Buraco da Moura (ou Covadalaghua). Así o testemuña o dito da Moura, sabia Deusa Nai: «Dende a Roda do Castro ao Porta Meixón, deixo as chaves do meu caixón/corazón!». Se o túnel provir da Covadalaghua, trazaría de oeste a leste unha perpendicular aos fluentes tributarios do Quireza (1.880 m de lonxitude). Outros din que na Covadalaghua ou Pena da Moura –agocho de fuxidos canda a guerra– atópase a saída norte dun pasadizo cuxo escusado acceso é o forno dunha casa do lugar de Fondós (1.550 m de lonxitude).
O castro do san Cibrán (A Vilalén-Tomonde) irradia en todas direccións ignotas galerías tapizadas de ouro. Entre elas, a que une a chamada Mina do Nabal co regueiro do Batán, afluente do Quireza (220 m de lonxitude).
Outra vea de ouro comunica o outeiro da Mesa dos Mouros (A Mámoa-Castrelo, Forcarei) coa fonte dos Arrieiros, no devandito itinerario de mercadores.
Entre o castro de Maghros e o de Gharfián (Beariz) hai un tunel. Os mouros dun e outro sitio comunicanse e negocian lonxe da vista da xente. Os mouros de Maghros cambian cos de Gharfián ouro por leite tallado –os de Gharfián teñen gando, os de Maghros andan co ouro– (2.500 m de lonxitude).

Veas de herba segada. |
Outro pasadeiro soterrado vencella o entesourado pozo da Moura (goio do río Bora –alto Almofrei–) coa parroquial de Caroi (430 m de lonxitude)...
Sen dificultade, dariamos enchido páxinas e páxinas con estes prodixios, apenas, pois, neste artigo, enfurcamos unha pequena mostra. Fagan o esforzo de levar estas evidencias a un topográfico. Decataranse de que, solapados e entrefebrados, compleméntanse e ramifícanse pola comarca adiante tres aparellos de orgánica función: o aparello circulatorio (trollos, ríos e regueiros), o aparello respiratorio (breñas e fragas) e o aparello mitolóxico (labirinto de veas, trabes e galerías): furado subsolo coma queixo Emmental.
O sistema mitolóxico tece na xeografía de noso unha sorte de arañeira emocional que, amais da súa función cohesiva, interaccional e vinculadora co territorio, ofrécenos, arroubadora, a posibilidade de ficar atrapados nela para sempre. Tendo tanto do que abraiarnos, non nos deixemos engaiolar por abelorio de cacique calquera.
Suscríbete para seguir leyendo
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Muere una mujer tras precipitarse desde un séptimo piso en Vigo
- Comerciantes y hosteleros empiezan a pagar cuotas voluntarias de 50 euros para el contencioso contra la subida de la basura
- El baile de sillas en la Xunta se atasca: más de 2.100 empleados deben tomar posesión pero hay déficit de plazas para los grupos A1 y A2
- La vía verde más grande de Galicia: 28 kilómetros de recorrido e ideal para los ciclistas
- Dos acusados se enfrentan a 3 años de cárcel por apropiarse de 136.000 euros de la venta de una casa en Baiona
- El Gobierno cederá capacidad pesquera a los jóvenes que quieran dar de alta un barco para emprender en el mar
- CC OO y UGT ratifican el preacuerdo del metal de Pontevedra en sus asambleas