Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Música tradicional

A Banda de Gaitas de Forcarei fai as maletas no seu vixésimo aniversario

A formación anuncia que participará no encontro ‘Camiños Atlánticos’ en México durante o festival celebrado no auditorio de Soutelo de Montes

Forcarei

Soutelo de Montes acolleu onte unha nota edición do Festival de Música Tradicional de Forcarei, un evento consolidado xa como un clásico na axenda cultural e musical da provincia. A undécima edición, que serviu para conmemorar as dúas décadas de traxectoria da Banda de Gaitas municipal, contou coa participación de José Antonio Vidueiros, fundador da agrupación, sobre a que se proxectou un vídeo resumo dos seus vinte anos de historia. O festival contou ademais coa actuación das Pandereteiras Lus de Kelkoa de Forcarei, de MusicGlam e de Silvia Ferré.

Neste festival estivo presente o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, quen recoñeceu o peso da Banda de Gaitas do Concello de Forcarei na preservación da música tradicional, na difusión da cultura e na dinamización da vida social dos concellos. Unha vocación que os levará este ano ata México para participar no proxecto «Camiños Atlánticos» para o que contarán, segundo anunciou o mandatario provincial, cun apoio de 15.000 euros por parte da Deputación. «Compráceme anunciar a nosa colaboración para que a Banda de Gaitas de Forcarei estreite lazos cos nosos irmáns da outra beira do Atlántico, difunda a nosa música tradicional e forme parte dun proxecto global como é «Camiños Atlánticos»», declarou López acompañado pola alcaldesa e deputada provincial, Belén Cachafeiro.

No auditorio municipal de Soutelo de Montes, en Forcarei, tivo lugar a undécima edición dun festival de música tradicional que xa é unha referencia no calendario musical da provincia que acolle cada ano esta localidade. «Se esta Terra de Montes, esta provincia de Pontevedra, na que temos a sorte de vivir tivera unha banda sonora, sería a das bandas de música. Agrupacións como a de Forcarei compoñen a banda sonora da película das nosas vidas. Un labor que moitas veces desempeñades de xeito altruísta: por amor pola vosa terra, pola nosa xente e pola nosa cultura», recoñeceu o mandatario provincial.

Unha longa traxectoria que, segundo admitiu o presidente provincial, «merece o máximo recoñecemento e o máximo apoio». Neste sentido, lembrou Luis López que a Deputación colabora coa Banda de Gaitas Municipal de Forcarei e co resto de agrupacións musicais deste ámbito da provincia a través de dous programas de apoio.

Tracking Pixel Contents